PÉREZ-SAUQUILLO,
Vanesa y SÁNCHEZ, Sara (2017). Las gafas de sentir. Barcelona: Beascoa,
(ISBN:978-84-488-4786-9).
Descrición do formato e contido: este álbum ilustrado escrito por Vanesa
Pérez-Sauquillo e con ilustracións de Sara Sánchez conta con 14 páxinas cunha
dimensión de 22 x 22 cm. Na cuberta predominan dúas cores, azul e
branco, aínda que aparecen moitas máis pero en menor cantidade. Comezando pola
parte superior atopamos o nome da colección á que pertence o libro (“Grandes pasitos”) e xusto debaixo o
título acompañado dos nomes da escritora e a ilustradora. Na parte inferior aparece
Marquitos, o rapaz protagonista que se protexe dunha choiva de cores co seu
paraugas negro. Por último, na esquina inferior dereita aparece o logo da
editorial Beascoa. A contracuberta é de cor verde e amarela e nela
aparece de novo o protagonista con diferentes expresións faciais: alegría,
enfado, medo e calma. Aparecen dous pequenos textos que invitan a coñecer a
historia e os demais contos desta colección.
Xa no interior, tanto
as gardas iniciais coma as finais son de cor azul clara e contan
con numerosas siluetas de gafas brancas; a páxina de dereitos achega
información relevante como o ISBN ou o número do depósito legal, así como unha
pequena dedicatoria da escritora e outra da ilustradora; a portada é
igual cá cuberta, pero con fondo branco.
No interior do libro
podemos observar como cada ilustración se representa nunha páxina diferente co
seu respectivo texto. Só nos casos nos que o protagonista leva as súas gafas se
dispón a ilustración a dobre páxina. O texto é de cor negra e cunha tipoloxía
semellante á letra escrita a man. Cada frase acompaña a unha ilustración e
todas elas riman, o que aporta musicalidade e ritmo á historia. Nas últimas
dúas páxinas aparecen dúas actividades para realizar cos nenos e nenas. A
primeira consiste en facer as diferentes caras que vemos representadas e que
están relacionadas con diferentes emocións, a segunda consiste en pegar unha
foto co cativo ou cativa e cubrir o seu nome.
Desde o punto de
vista do argumento, este álbum ilustrado achégalle ao lectorado a
historia dun cativo chamado Marquitos. Este rapaz ten unhas gafas que cando as
pon pode sentir diferentes emocións e fala das situacións nas que aparecen. O
texto conta cun narrador en primeira persoa, xa que é o protagonista
quen conta o sucedido.
Potencialidades: a través da lectura deste álbum as crianzas poden
coñecer as diferentes emocións e algunhas situacións nas que se poden dar, así
como conseguir xestionar aquelas que son negativas. As rimas do texto axúdannos
a desenvolver a conciencia fonolóxica dos máis pequenos e a manter a atención
do público, ademais de facilitar a memorización da historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario