La
rana de tres ojos
DE
DIOS, Olga (2017). La rana de tres ojos. Zaragoza: Apila Ediciones (ISBN: 978-84-17028-05-3).
Descrición do
formato e contido: álbum ilustrado pertencente á
colección “Monstro Rosa”, no que se narra unha
historia orixinal da autora e ilustradora Olga de Dios. Composto en cartoné,
presenta na cuberta o título en
maiúsculas e en cor verde. Este sitúase na parte superior. Debaixo do título,
aparece con letra cursiva o nome da autora e ilustradora da obra en cor rosa. O
logo da editorial aparece no lado inferior dereito. A cuberta é de cor gris
claro e escuro, coa
protagonista, unha ra de tres ollos saltando no
centro da cuberta. Por outra banda, a contracuberta
preséntase con cores grises e azuis claros. Nela aparecen os personaxes das
obras pertencentes á colección xunto coa protagonista. Arredor dos personaxes aparecen
diferentes obxectos contaminantes como botellas de plástico ou pneumáticos. No
ceo, que é de cor clara, pódense ver diferentes flores,
mentres que no lado esquerdo inferior aparece o
símbolo de CC (Creative Commons) e na parte
dereita aparece a páxina web da autora. No interior, as gardas presentan un fondo de cor
gris clara, alusivo á temática. As únicas
ilustracións que aparecen son as curvas en cor verde que deixa a protagonista
ao saltar. Este rastro vai desde a páxina esquerda a dereita, podendo observar
nesta última as patas da ra na parte superior. Como en todos os libros desta autora, aparece
unha dedicatoria na parte inferior da páxina dereita, mediante a cal lle dedica
o conto a todas as persoas que colaboran no coidado
do planeta. A páxina de dereitos
aparece entre as gardas e a portada. É de cor gris escura
co texto en branco e recolle información relevante da obra e das normas
Creative Commons. A portada é de cor
gris clara e está composta por un debuxo da
protagonista subida a unha torre de pneumáticos. No centro do debuxo aparece o
título en cor verde e debaixo deste o nome da autora en cor branca e cursiva. Finalmente, debaixo do nome da
autora amósase o logo da editorial.
O
libro componse de 44 páxinas de 22x25 cm. Respecto ás ilustracións e o texto, están impresos en offset CMYK. As
ilustracións levan todo o protagonismo ocupando ambas páxinas, mentres o texto simplemente ocupa os laterais, tanto
na parte superior coma inferior. Os debuxos
móstranse en fondos de cor gris, mentres que o
final da obra se amosa cun fondo en cor azul clara, ilustrando así a mellora do planeta mediante o seu
coidado. Así mesmo, os personaxes e o lixo
aparecen con cores rechamantes, que resaltan os debuxos sobre os diferentes fondos. En
canto ao texto, empréganse dúas cores diferentes: a cor negra para os fondos claros e a cor branca nos fondos escuros. O nome da protagonista, Rana de tres ojos, destácase en letra grosa, mentres que palabras relevantes como
“cosas” ou “fábrica de cosas nuevas” faise a través do uso de maiúsculas. O
texto é breve e de fácil comprensión en toda a obra.
En
canto ao argumento, a historia
comeza coa presentación da protagonista e o seu
crecemento. A continuación, un narrador en terceira persoa explica que a
protagonista tíñase que bañar cun traxe de raias porque a auga estaba moi sucia.
Aprendendo a saltar, chegou á terra e comprobou
que o ceo sempre tiña unha nube de cor escura e
que todo estaba cheo de cousas novas que ninguén quería. A súa avoa explicoulle
que antes vivía moita xente alí, pero que marcharon debido á gran cantidade de lixo. A ra,
investigando de onde viñan tantas cousas, encontrouse cunha fábrica que as
facía e pediulle que parara, pero esta non a escoitou. Contoulle o ocorrido aos seus
amigos e xuntos levaron todas as cousas ao carón da fábrica ata cubrila. A
fábrica, ao ver tantas cousas deixou de producir e comezou a reciclar. Grazas a
isto, a zona onde vive a protagonista recuperou a vexetación e a xente que
antes vivía alí, ademais a ra puido quitar o
traxe de raias para bañarse.
Pontencialidades: a lectura desta obra permítenos abordar a temática da contaminación,
polo que favorece o respecto e o coidado do
medio ambiente e a reciclaxe. Á súa vez,
poténciase a idea de que non se necesitan moitos obxectos materiais para a nosa
vida e ofrécese unha visión positiva da natureza a través das ilustracións. Por
último, de maneira visual, ofrécense dúas percepcións: o resultado cando non
coidamos o medio ambiente e, pola contra, o resultado cando si o facemos.
Recursos: Sharing
Learning (2018). El baile del cambio (canción de Erik Sjöholm e Tamara
González, baseada no conto). Recuperado
de https://www.youtube.com/watch?v=Kuhyjx-M6O4 (consultado o 11/05/2020).
Ningún comentario:
Publicar un comentario