domingo, 31 de maio de 2020

Vivo en una casa malva


Díaz, T. I. (2011). Vivo en una casa malva. Ilust. Feliciano García Zecchin. Oviedo: Pintar-Pintar Editorial. [32 pp.]. (ISBN: 978-84-92964-18-5).
Descrición do formato e do contido da obra: álbum ilustrado de tapa dura, cun formato de 21 x 26 cm, con texto de Iris Díaz Trancho e ilustracións de Feliciano García Zecchin. A cuberta está formada por unha ilustración na que aparece un neno debuxando unha casa de paredes cor malva, ese neno será o protagonista que narrará a historia que imos ler. O único texto que atopamos é o título da obra e o nome da autora e do ilustrador. Na contracuberta podemos observar un gato negro que ocupa case toda a ilustración, mentres ao fondo aparece o neno entrando na casa malva. Este gato representa o perigo que axexa na rúa e que esa casa malva mantén lonxe. As gardas son planas, sen motivos e de cor malva. A portada conta co título da obra, o nome da autora e do ilustrador, así como senllas dedicatorias, o nome da ilustradora e o da editorial. Cabe destacar que todos os debuxos da obra, dende a cuberta ata a contracuberta, son en tons morados, violetas e malvas, en clara alusión ao poder simbólico destas cores, identificadas coa loita contra a violencia de xénero, tema principal da obra. Aínda que ao longo da historia non se mencione directamente, o perigo exterior representado polo gato de cor negra son os agresores que exercen violencia de xénero.
En relación co contido, ao longo das páxinas relátase unha historia en primeira persoa, polo neno protagonista que vive na Casa Malva de Gijón, un centro no que viven mulleres e nenos que necesitan fuxir dos seus fogares debido á violencia machista. Este rapaz narra dende o seu punto de vista como é o seu novo fogar e como nel se sente protexido do mundo exterior, ao aportarlle tranquilidade e paz. De xeito inocente describe cada detalle da súa habitación do centro de acollida. Ao final, na última páxina fai alusión á súa nai e como grazas a este centro ambos os dous están felices no novo fogar.
O estilo caracterízase por frases curtas e sinxelas, nas que predomina a perspectiva infantil, inzada de inocencia sobre a realidade que o rodea e a necesidade de fuxir das malas experiencias que se intúen na historia. De feito, con esta obra búscase darlle voz aos nenos e nenas de mulleres maltratadas, que sofren de igual xeito as situacións que marcan as súas vidas, así como a importancia dun fogar durante a infancia.
Potencialidades: Durante os primeiros anos de vida configúranse os marcos de referencia sobre a sociedade e o papel de cada individuo nela. Tamén é dende moi cedo que se interiorizan e reproducen roles, estereotipos e expresións de xénero, por iso lecturas como esta son moi importantes nestas idades para entender a propia realidade e a allea. É necesario formar aos máis pequenos en liberdade e igualdade e abordar cuestións como a violencia de xénero dun xeito adaptado á súa competencia, xa que é unha realidade existente e que debe terse en conta. Esta obra está indicada para nenos e nenas a partir de 6 anos, dado que, aínda que se aborda dunha forma cautelosa, require dunha certa madurez cognitiva. Traballar con lecturas deste tipo, tanto na aula coma na casa axudará a formar adultos con perspectiva de xénero e tolerantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario