luns, 4 de maio de 2020


A guerra dos números

La guerra de los Números – OQO


 Darién, Juan (2009). A guerra dos números. Pontevedra: OQO. [48 pp]. (ISBN: 978-84-9871-154-7).

 Descrición do formato da obra e contido: álbum ilustrado do autor e ilustrador Juan Darién. A cuberta amosa un fondo laranxa cun helicóptero negro e un soldado do número 1 coa súa arma, que é un símbolo menos. Na contracuberta continúa a mesma paisaxe, mostrándonos unha maleta negra sobre un fondo laranxa. As gardas amosan unha avioneta con dous soldados, mentres que na portada aparece un submarino de cor negra con tres soldados, acompañando ao título da obra na parte superior e en letras grandes e negras.
  Nárrase a historia do número 1, quen se sentía só e tiña envexa dos demais números que lle parecían superiores. Un día o rei Menos deulle as instrucións para construír unha arma: o signo menos. Despois disto houbo unha gran guerra, na que eliminaron a case todos os números e o resto foron escravizados. Finalmente, estes reveláronse e o número 1 entendeu que non fixera o correcto. O álbum presenta imaxes a toda páxina, acompañadas dun breve texto, situado sempre nunha esquina, que aparece en cor negra e con algunhas palabras destacadas. As cores empregadas, son variadas, con predominio das escuras, que remiten cara a un ambiente bélico. As ilustracións son de grande axuda para o comprensión do texto.

Potencialidades: a lectura desta obra permítenos traballar na aula temas como os conceptos matemáticos, o respecto á diferenza, como resolver conflitos e as diferenzas sen imposicións, o valor da paz...




Ningún comentario:

Publicar un comentario