Alejandro, Rocío (2017). A horta de Simón, trad. Manuela Rodríguez. Kalandraka, (ISBN: 978-84-8464-348-7).
Descrición do formato e o contido: A horta de Simón é un libro de capa dura de Rocío Alejandro. Na cuberta aparece o título, no que se resalta o nome do protagonista “SIMÓN”. Tamén aparece o nome da autora e o premio que recibiu, o X Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, ademais da imaxe do protagonista, que mostra coma se se estivera escondendo de algo ou alguén, o que acentúa o interese por saber que é o que lle pasa. Na contracuberta atopamos imaxes de cenorias brancas nun fondo laranxa no que tamén aparece o ISBN, o nome da editorial e un selo do concello de Santiago. Antes da portada está a páxina de dereitos, na cal aparece a mención do premio que acadou esta obra no ano 2017, os nomes dos membros do xurado e todos os datos da edición. Na portada aparece de novo o título da obra co nome da autora e un debuxo do protagonista cun anciño na man. As páxinas que conforman este libro son de cartolina e todas as que se encontran á esquerda son de cor laranxa e sen debuxos, mentres que nas da dereita aparece o debuxo enmarcado en branco, o cal se vai agrandando ata ocupar ambas as páxinas e ao final da obra se converte nun despregable, rompendo coa estrutura inicial.
Dende o punto de vista do contido abórdase o tema dunha horta comunitaria, supoñendo un eloxio ao traballo colectivo e ao contacto coa natureza. A anécdota parte de como o protagonista busca preparar a súa propia horta sementando cenorias e, pouco a pouco vanse unindo a el outros animais que aportan sementes variadas, creando así unha horta xigante cunha gran variedade de legumes e hortalizas. Esta temática é imprescindible para a etapa infantil xa que, a realidade de nenos e nenas en idades temperás é que son egoístas e que lles custa moito compartir. A lectura de obras coma esta que ofrezan modelos cos que se sentir identificados é importante para nenos e nenas da etapa infantil.
Este álbum ilustrado propicia unha lectura que esixe a implicación do lector paraidentificar o que lle sucede a Simón e como é el mesmo que soluciona o seu problema: non compartir. A estrutura asenta, nun primeiro momento, en parágrafos breves sen diálogo e representacións en debuxo mediante a técnica de estampación de selos entintados, despois esta estrutura muda para rematar nun debuxo dunha horta xigante despregable, no cal se reflicte o diálogo entre os protagonistas. As ilustracións propician unha lectura visual complementaria ao texto e amplían contidos da obra. Ao comezo da obra a escritura aparece plasmada nas páxinas pares nun fondo laranxa, mentres que as ilustracións enmarcadas dentro dun cadro se colocan nas páxinas impares, pero a medida que a obra avanza esta disposición vai mudando ata se converter nun diálogo a toda páxina das imaxes e os breves textos.
Potencialidades educativas: a lectura desta obra permítenos abordar a colaboración entre as crianzas e fomentar a participación na axuda aos iguais. Promove a reflexión sobre as nosas accións nalgún momento da vida e a maneira de solucionar problemas para estar ben con nós mesmos e cos demais. Fomenta a solidariedade e a importancia de ser xenerosos cos outros, a convivencia dentro dunha sociedade e a tolerancia aos gustos alleos. Tamén é un recurso favorable para estimular o interese das crianzas pola agricultura e a natureza. Mediante as imaxes estampadas potencia o xogo acumulativo co cal se vai construíndo a horta.
Recursos:
Entrenubesespeciales (2018). La huerta de Simón. Lectura da obra en castelán, recuperada de:
https://www.youtube.com/watch?v=XNGIL4MFUH8 (consultado o 01/05/20)
Bandaseca (2019). A horta de Simón. Recuperado de:
https://www.youtube.com/watch?v=VgwUqcZq1hI (consultado o 01/05/20)
Ningún comentario:
Publicar un comentario