sábado, 16 de maio de 2020

¡Ata y desata!






Mantovani, María e Bardelás Silvia (1999). ¡Ata y desata!, Madrid: Gaviota, [12 pp.]. (ISBN:9788439289869).


Breve descrición de formato e contido: álbum ilustrado de María Mantovani e Silvia Bardelás, de formato rectangular (290x200 mm). Este libro-xogo é un álbum interactivo que permite a nenos e nenas aprender a atar e desatar os cordóns. A súa cuberta está troquelada coa forma dun globo aerostático e nela podemos observar unha ilustración duns ratos: un está subido á cesta do globo e o outro está amarrado ao cordón que o propio libro trae como recurso para utilizar. Ambos os personaxes están vestidos como se fosen humanos, ao igual que os paxaros que rodean o globo. No fondo tamén observamos unha pequena aldea. Todas as cores da ilustración son vivas e variadas, as personaxes semellan estar debuxadas con témperas e lapis de cores. O título atópase no medio do globo, a súa caligrafía recorda á dunha corda. Na parte superior do globo atopamos o nome das autoras. A contracuberta presenta un breve fragmento onde explica o contido do libro, dirixíndose a todo aquel adulto que guíe o/a neno/nena durante a lectura. Ademais, contén unhas breves instrucións en forma de debuxo, mostrando as diferentes figuras que terá que trazar co cordón. Todo o fondo é de cor branca. Neste libro-xogo, non atopamos gardas nin portada ou contraportada dado que toda a obra é de cartoné, material que facilita a manipulación dos máis pequenos e garante a resistencia necesaria para o continuo uso do cordón.

Con respecto ao interior, nárrase unha historia onde o neno/nena que a lea, terá que axudar os dous protagonistas, Pipo e Pepo, dous ratos aos que lles ocorren moitas desgrazas ata chegar á súa casa. O lector poderá axudalos realizando diferentes figuras co cordón. Tanto as ilustracións como a escrita axudan en gran medida a que a obra motive á participación. Ademais, a maioría das páxinas, a excepción das tres últimas, teñen unha forma que non é usual, xa que seguen a silueta das paisaxes e o seu tamaño vai aumentando a medida que se avanza nel. Se nos fixamos nas ilustracións, podemos resaltar que están cheas de detalles, como a multitude de animais que acompañan e incluso interveñen en certas escenas, todos eles humanizados. Todas as escenas se desenvolven a dobre páxina e nelas ten máis importancia a imaxe da terra que a parte que representa o ceo. Tamén salienta a gran profundidade que presentan, xa que tanto as paisaxes coma as propias personaxes teñen uns tons e dimensións que nos permiten trasladarnos a ese mundo máxico. Isto contrasta coa técnica de trazo e a cor utilizada, xa que a mestura de cores con base amarela e verde, semella uns debuxos animados ou pintados con acuarela.

Referíndonos ao texto, a caligrafía parece estar escrita a man, en letra pequena e atópase nas dúas páxinas na parte inferior. Nela, un narrador omnisciente invítanos a axudar os protagonistas mediante ordes directas e claras, facendo preguntas para que o lector interactúe e siga os pasos. Ademais, o texto contén pouco diálogo, xa que na maior parte se dedica ás intervencións ou chamar a atención do lector.


Potencialidades: este libro é moi diferente aos que atopamos normalmente, xa que, a súa maior potencialidade non é o que está escrito ou debuxado nel, senón o que o neno/nena pode crear e desenvolver a partir del. Así, como a mesma contracuberta explica, os máis pequenos/as poderán desenvolver a súa coordinación fina, a coordinación óculo-manual, a diferenciación espacial, o razoamento intuitivo, a memoria visual e a destreza manual, habilidades que ás veces non se potencian cos contos. Ademais, poderemos traballar outros ámbitos como os animais ou a meteoroloxía, pola variedade de elementos que contén. Con respecto aos valores incluídos na obra, destacamos a solidariedade, a amizade e a empatía. Toda a historia promove a través dos personaxes un espírito de aventura e valentía, porque aínda que lle ocorran moitos infortunios, todos os personaxes continúan sen que isto lles obrigue a parar. A obra está dispoñible en galego, éuscaro e catalán, ademais de castelán, polo que como a súa linguaxe é sinxela, tamén poderemos iniciar os/as nenos/as nalgunha destas linguas a través da historia.
Por outra banda, aínda que esta obra está destinada para lectores maiores de 3 anos polo tamaño do cordón, a amplitude de idades que abarca é moi ampla, xa que contén buracos de diferentes tamaños e posicións, polo que o adulto que guíe o neno/nena poderá suxerirlle diferentes exercicios dependendo da idade. A única cuestións restrición que observo, dende o meu punto de vista, é que este conto é moi difícil de traballar en grupo, xa que os diferentes trazos só poderá realizalos un neno/nena de cada vez, polo que a profesora/profesor ou adulto que o acompañe deberá modificar o seu tratamento se quere que todos participen.


Recursos:

Guía del Juguete 97-98 Pag. 35. Recuperado de http://guia1997.guiadeljuguete.com/p35.htm (Visitado el 27 de Abril de 2020)


Ningún comentario:

Publicar un comentario