González, Eneko
(2016). Grandes Damas. Libro-juego para
visibilizar el papel de la mujer a lo largo de la historia, ilust. do
autor, Tudela: Ekilikua Creaciones, [64 pp.]. (ISBN 13: 978-84-608-9744-6).
Descrición
do formato: álbum ilustrado de Eneko González. Na cuberta
presenta unha representación de diferentes mulleres, procedentes de distintas
etnias, todas collidas da man, o que transmite unha mensaxe de sororidade ao
público. A imaxe acompáñase dun fondo violeta que cubre toda a cuberta, color
representativo do movemento feminista. Na contracuberta, sobre o fondo violeta,
aparece debuxado un taboleiro de xogar ás damas ocupa case todo o espazo. Esta
imaxe ten relación coa garda final, na que se recollen as regras para xogar co
taboleiro e tamén un conxunto de fichas redondas de cartón que teñen a todas as
mulleres das historias debuxadas. Nas gardas iniciais aparece información do
libro xunto co título, o nome dos autores e un pequeno debuxo representativo. A
continuación, recóllense nun índice os nomes das 24 mulleres seleccionadas na
obra co título da súa máis salientable contribución á sociedade. Debaixo do
índice aparecen debuxadas mulleres de diferentes épocas, distintas etnias,
vestimentas peculiares, en representación de todas esas mulleres protagonistas
dos contos. A disposición de cada dobre páxina configúrase de modo que na
páxina par aparece o texto coa historia de cada protagonista e na impar, un
debuxo representativo da historia contada. Ao final do volume aparecen dúas páxinas
que convidan a que cada neno ou nena escriba sobre a súa propia gran dama.
Dende
o punto de vista do contido, a obra consta de 24
historias diferentes que falan dunha muller que fixo algo grande. Entre elas
podemos atopar famosas coma a pintora Frida Kalho, a científica Hipatia, a
pirata Mary Read, a actriz Ida Lupino, a aviadora Amelia Earhart, a astrounauta
Valentina Tereshkova ou Li Cairong, a muller máis vella do mundo, entre moitas
outras. En concreto, gustaríame comentar a historia da pirata Mary Read, unha
rapaza de Londres procedente dunha familia humilde que con 18 anos se vestiu de
home e se alistou na mariña en busca de novas emocións, xa que estaba farta de
traballar na aldea. Despois de moitas aventuras, namorou dun holandés, pero
este finou pronto, e decidiu viaxar ás Indias Orientais. O barco no que
navegaba foi asaltado polo pirata John Rackman, facendo que Mary se unise á súa
banda. E así, pasou o resto da súa vida coma pirata, vivindo aventuras no mar,
sendo tan libre coma ela sempre quixo. Coma esta, podemos atopar máis historias
de mulleres que marcaron o rumbo da súa vida e deixaron unha pegada no
empoderamento feminino.
Potencialidades:
coa lectura desta podemos traballar moitas temáticas, xa
que cada historia aborda diferentes contidos a través dos que explorar
coñecementos de diferentes áreas: historia, sociedade, cultura, xeografía...
Ademais, a perspectiva lúdica de descuberta e xogo está representada polo
propio xogo de mesa que acompaña o libro, as damas. A partir deste podemos abordar
outros que usen taboleiro, como son o parchís, o xadrez, a oca etc. É de
salientar que con esta obra se incide na visibilidade do colectivo das mulleres
en todos os ámbitos da vida, xa que estas sempre aparecen subordinadas e
tapadas pola figura do home. Dando voz ás mulleres, nenas e nenos poderán
sentirse identificados con algunhas delas, contribuíndo a que se desenvolvan no
marco dunha perspectiva máis equitativa e crítica coa desigualdades entre homes
e mulleres. Tamén pode é unha boa ferramenta para dar a coñecer a máis mulleres
importantes da historia, aínda que non aparezan representadas no libro. De
feito, o convite nun apartado específico a que cada neno ou nena fale dunha
gran dama que coñeza é de interese para ampliar este repertorio. Esta podería
ser outra actividade, pedirlle aos cativos que falen da gran dama da súa vida,
de maneira que pensen nas súas nais, irmáns, tías, avoas, primas, etc. Coa
información recollida poderíase facer un mural ou incluso que esas mulleres
vaian á escola a falar da súa propia historia ao resto de nenos e nenas. As
posibilidades educativas deste álbum son múltiples, polo que é un libro moi
recomendable e non só para cativos, senón tamén para público de todas as
idades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario