luns, 18 de maio de 2020

Elmer




Mckee, David (1935). Elmer. Trad. Raquel Salagre. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, [32 pp.]. (ISBN: 84-8302-149-8).

Descrición do formato: álbum ilustrado de tapa dura do autor David Mckee, traducido por Raquel Salagre e publicado en galego pola editorial Xerais. Na cuberta deste libro podemos observar ao elefante Elmer sobre un fondo de cadros coas mesmas cores cás del e o título en cor negra, na parte superior da páxina. A contracuberta tamén presenta os mesmos cadros de diferentes cores, semellantes á pel do protagonista. Na portada podemos observar un debuxo do colorido elefante Elmer xunto a unha palmeira de cor azul sobre un fondo branco. O marxe superior da páxina amosa o título do libro e o nome do autor en cor negra.

Descrición do contido: neste conto nárrase a historia dun elefante chamado Elmer, que era moi diferente aos da súa manda. Isto é porque o protagonista non era da mesma cor cós demais, senón que estaba cuberto de moitas cores, o que o facía moi especial polo seu aspecto, aínda que tamén era diferente polo seu carácter alegre, capaz de sacarlle un sorriso a todos os demais animais. No transcurso desta historia Elmer escapa mentres pensa no diferente que é, por isto usa amoras para pintarse da cor dos demais elefantes, pero cando volve todos están desanimados e tristes, polo que o protagonista acaba rindo e facendo que os demais rían. Finalmente chega a choiva, que lle limpa a pintura a Elmer e consegue que todo volva á normalidade. A manda, consciente da súa realidade, decide conmemorar unha festa anual na que todos os elefantes se pintarán de maneira colorida coma Elmer, mestres que el o fará de cor gris. 
Ao longo do volume aparecen ilustracións a toda páxina, caracterizadas pola profusión de cores e a representación dos integrantes do hábitat no que vive Elmer, acompañadas de breves textos.

Potencialidades: a lectura deste álbum permítenos traballar con nenos e nenas a importancia da inclusión e a non discriminación, á vez que se fomenta o respecto á diversidade e a aprender os uns dos outros. Tamén podemos destacar a importancia da potenciación da autoestima dende idades temperás, como no caso de Elmer, que pensaba que se rían del, cando en realidade se rían con el pola súa forma de ser e de facer felices aos outros.

Recursos educativos:
Taxi Roberto Varela (2018). Elmer. Versión animada recuperada de: https://www.youtube.com/watch?v=T3u0AoA-E-s (consultado o 02/05/2020)

Actividades relacionadas con Elmer: https://cuentosparacrecer.org/blog/elmer-el-elefante- de-colores-actividades-y-materiales/ (consultado o 02/05/2020)

Ositobaldomero (s.d). Elmer (De mil colores). Canción recuperada de: https://www.youtube.com/watch?v=TpNx3i0WIBM (consultado o 02/05/2020)


Ningún comentario:

Publicar un comentario