mércores, 13 de maio de 2020

Monstruo rosa



Dios Ruiz, Olga (2013), Monstruo rosa, ilust. da autora, Zaragoza: Apila Ediciones, [36 pp.]. (ISBN: 978-84-939736-4-3).


Descrición do formato e contido: álbum ilustrado de Olga Dios Ruiz. O seu formato é cadrado con cubertas de tapa dura e de cor branco. Na cuberta vemos o título da obra escrito en letras maiúsculas e cor rosa, coas “o” do título completamente coloreadas no seu interior, o nome da autora en cor rosa tamén e un debuxo dun monstro rosa sorrindo e sostendo nunha man un edificio moito máis pequeno ca el. No chan podemos observar unhas pequenas gafas, que podemos supoñer que son de alguén que vive no edificio que sostén o monstro, e na parte superior esquerda podemos ver un arco da vella. Na contracuberta aparece unha pequena aldea onde hai varias casas e árbores pequenas e brancas e fume que sae das chemineas das casas formando unha nube na parte superior, onde aparece un resumo da obra que se atopa no interior. Ademais aparece o nome da editorial, o código de barras e o ISBN. As gardas son de cor branca e na parte superior dereita aparece unha dedicatoria da autora cara ás persoas que algunha vez se sentiron como se sente o monstro rosa, diferente aos demais. Na portada vemos o título da obra en gran tamaño e o nome da autora, ambos en cor rosa e dentro dunha gran nube. Enriba da nube hai un arco da vella. Os debuxos que aparecen neste libro son a toda páxina e intégranse co texto.
O conto relata a historia dun monstro rosa que vivía nun lugar onde o fume das casas tapaban o ceo e que era moi diferente con respecto aos outro cidadáns. O monstro é rosa, grande e moi alegre e os demais son pequenos, brancos e máis serios. O monstro tampouco podía xogar coma os demais debido ao seu tamaño e tampouco podía durmir dentro da casa, xa que non cabía, polo que aínda que tentaba integrarse cos demais nunca o lograba. Un día decide marchar e buscar outro lugar onde vivir, e despois de moito viaxar, atopou un lugar onde si se vía o ceo e o arco da vella. Neste lugar atopou a moita xente diferente entre si; diferentes cores tamaños, formas, personalidades… Neste sitio, cada un tiña unha casa personalizada, onde todos podían descansar dentro. Neste lugar o monstro deixou de sentirse diferente aos demais.

Potencialidades: Coa lectura deste libro podemos mostrarlles aos nenos/as a relevancia e riqueza da diferenza, a oportunidade de ser unha fonte de coñecemento, ademais doutros valores como o de compartir, respectar a opinión e puntos de vista dos demais, a reflexión sobre os prexuízos e estereotipos para eliminalos.

Recursos: 
Cuéntame un cuento (2018). Cuentos infantiles: Monstruo Rosa libro infantil en español. Recuperado de: https://youtu.be/IYwK3UOrRPQ (consultado o 12/05/2020).
Dios Ruiz, O. (2013). Olga De Dios. Recuperado de: https://olgadedios.es/obra/monstruo-rosa/ (consultado o 12/05/2020).

Ningún comentario:

Publicar un comentario