sábado, 9 de maio de 2020

Chibos, chibóns


González, Olalla (2006), Chibos Chibóns, ilust. Federico Fernández, Pontevedra: Kalandraka, col. Os contos do trasno, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-617-4).

Descrición do formato:
Chibos, chibóns é un álbum ilustrado de cartoné de Olalla González e de Federico Fernández, composto por 32 páxinas e editado por Kalandraka. Trátase dunha adaptación dun conto popular con enormes potencialidades para a educación infantil. A cuberta conta cunha ilustración dos tres protagonistas: o chibo chibón grande, o chibo chibón mediano e o chibo chibón pequeno, no cumio de tres montañas. As gamas de cores utilizadas (que van permanecer presentes en todo o libro) son o azul, o gris e o marrón, que evocan o misterio que vai ter lugar na historia. As figuras dos animais con formas estiradas e cunha superposición de capas de cores fan que o estilo propio do ilustrador se vexa dun xeito claro. Enriba do chibo mediano e pequeno atópase o título do álbum e na chiba do protagonista grande os nomes dos autores. A contracuberta é un fondo azul sen imaxes e co nome da colección nun lateral. As gardas iniciais están compostas por formas circulares de cor branca de diferente tamaño, que pode facer alusión á talla dos diferentes corpos dos protagonistas ou ás nubes do alto da montaña. Se avanzamos unha páxina atopámonos coa portada e coa páxina de dereitos, que se recrean un gran debuxo dunhas montañas en punta (as cales recordan a forma dos lapis) e dun prado composto por bólas de cores.
O interior do libro está configurado por textos breves e debuxos de gran tamaño que seguen as gamas e os estilos da cuberta. No texto xógase coa tipografía, ao ir cambiando o tamaño de letra para indicarlle ao lector a énfase que lle debe poñer á hora de contar o conto.

Descrición do contido:
Este conto relata como no alto da montaña vivían tres chibos: o chibo chibón grande, o chibo chibón mediano e o chibo chibón pequeno. Un día decidiron baixar para comer a herba tan apetitosa que había na beira do río pero, para iso, debían cruzar a ponte onde se situaba un feroz ogro. Finalmente, coa astucia dos chibos conseguen o seu propósito

Potencialidades educativas:
A lectura desta obra promove a reflexión sobre temáticas como a cooperación entre compañeiros e compañeiras e a importancia de empregar a habelencia para solucionar atrancos, aspectos importantes na primeira infancia. Ademais, coa lectura desta obra tamén se poden explicar conceptos referidos a tamaños, números, as cores, o mundo rural, a loita do ben contra o mal... Polo tanto este libro ten numerosos recursos cos que a mestra ou mestre pode xogar para traballar na aula dunha maneira lúdica e motivadora.

Recursos, traducións e premios:
Chibos, chibóns é unha obra orixinal en galego e traducida ao castelán, portugués, inglés, italiano, éuscaro e catalán. Entre os múltiples recursos que se poden atopar na rede como material de apoio educativo de tipo audiovisual seleccionamos tres exemplos:


Picaraxadas Alba Paz (2020). Chibos chibóns, conto en galego. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=ZUsuo6VPhCQ (consultado o 9/5/20)
CEIP Barro (2012). Os chibos chibóns. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=WNRp_vIlRiY (consultado o 9/5/20).
Becky imaxina (2020). Chibos chibóns en galego con marionetas. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=MdsbBwrDov8 (consultado o 9/5/20).




Ningún comentario:

Publicar un comentario