Romero, Cristina (2016). El
Libro Rojo de las Niñas, ilust. Francis Marín. Tenerife: OB STARE
Descrición do formato
Atopámonos ante un álbum
ilustrado fabricado en cartoné. A artífice desta obra foi Cristina Romero, unha
escritora, educadora e nai catalá. Xunto co ilustrador Francis Marín crearon
este libro de 48 páxinas. Este conto poderíaselle ler a crianzas de máis de
tres anos, aínda que o considero tamén adecuado para aquelas que teñen 8 ou 9,
cando está a punto de baixar a menstruación. A lingua na que se escribiu foi a
castelá.
As cubertas están tinguidas
dunha intensa cor vermella, que simboliza a menstruación, un dos temas que se
tratan na obra. Na cuberta atopamos o título en letras minúsculas e grandes. A
caligrafía semella a un estilo antigo, xa que a forma dos grafemas é alongada e
estreita. Debaixo deste aparecen o nome da autora e do ilustrador, nunha fonte
de menor tamaño. Un debuxo ocupa a maioría do espazo. No medio, hai unha grande
árbore, que simboliza a vida e a natureza. Rodeándoa, aparecen moitas persoas,
a maioría mulleres. Algunhas están aleitando aos seus bebés, outras
agarimándose… As súas expresións son de calma e sosego, transmiten un
sentimento de grupo e tribo. Isto é así, xa que este conto pertence á Colección
Cuentos en Tribu como lemos na contracuberta. En letras brancas, colocaron
un fragmento de texto que pertence ao conto. Na parte inferior, o ilustrador
debuxou a tres nenas (ou nenos) abrazando a unha loba. Hipoteticamente esa
referencia pode representar a unha femia e podería estar relacionada con
Luperca, a crianza e a vida.
As gardas son de cor vermella,
simbolizando o poder e a menstruación (aínda que este non sexa o tema principal
da obra). Antes da portada, atopamos os agradecementos dedicados pola autora e
o ilustrador. Na seguinte páxina redactaron os datos bibliográficos sobre un
fondo nun ton crema. A portada está tinguida tamén desta cor. Sobre ela, coa
mesma caligrafía da cuberta, trazaron o título, autora e ilustrador. Porén, un
ceo de estrelas desprégase sobre a páxina e, baixo estas, unha persoa deitada
na herba, desfrutando do panorama. O texto está redactado en minúsculas, cun
tamaño máis ben pequeno. Algunhas frases ou palabras importantes, resáltanas en
maiúsculas.
Contido
El Libro Rojo de las Niñas… por que vermello? Este libro
vén a tratar o poder que as nenas e mulleres levamos dentro. A autora quixo
crear un acompañamento para que o desenvolvemento das pequenas sexa harmonioso,
pero tamén para as adultas, para a reconciliación. Todas e todos somos
diferentes, pero as nosas vidas teñen o mesmo valor. Cristina quere lanzar a
mensaxe de que somos únicos, un milagre. Este está dedicado ás nenas, pero ten
outro libro para os rapaces: El Libro Dorado de los Niños. Ambos
pertencen á colección Cuentos en Tribu, a cal lanza unha mensaxe de
diversidade, paz, amor e reconciliación. Todo isto a través da tribo, do
grupo.
Un recurso moi empregado nesta
colección é o simbolismo. O vermello representa a forza e o poder que levamos
as rapazas dentro. A loba, animal recorrente, tamén simboliza isto xunto coa
crianza e a vida. A natureza está moi presente, xa que a tribo está nun
contacto constante con ela e reflicte tamén a nosa conexión coa terra. Para
representar a menstruación, fano cun mar bravo no cal as mulleres temos que
loitar cada mes. Pero é parte de nós. Case de todas. A nosa sintonía coa lúa,
esa unión mística entre o ser humano e a terra. O libro convídanos a amarnos, a
traballar a nosa autoestima. En calquera etapa da vida. Non sempre somos
felices, pero debemos loitar por selo.
O texto está escrito en
primeira persoa do plural e segunda do singular. Isto fai que a lectora se
sinta aludida, que lle dea a marabillosa sensación da sororidade. A autora
quixo transmitir ese sentimento de grupo, de tribo, de solidariedade e amor.
Non hai diálogos, xa que a narradora achega toda a información. En canto aos
recursos literarios atopamos elementos como metáforas, por exemplo: “en nuestro
interior llevamos la semilla del nuevo mundo”. Que se refire á vida, ás novas
xeracións pero tamén á posibilidade de cambio.
As páxinas desta obra están
tinguidas dun ton crema, menos dúas, cuxa cor vermella resalta entre tanta cor
clara. As ilustracións realizáronse cun material fino e delicado, trazando
liñas dun xeito moi suave. Os contornos das persoas son de cor viño. Hai
elementos que están coloreados, coma o mar, a lúa, e o sangue. Francis tamén
empregou a técnica de difuminar para representar a loba. As perspectivas que
ofrecen son diversas: plano medio, xeral, detalle… En canto á disposición, hai
debuxos a dobre páxina e tamén que ocupan tan só unha. A expresividade das
personaxes transmite calma e sosego, na liña de El Libro Violeta. Outra
similitude que atopamos con esta obra, que tamén pertence á colección Cuentos
en Tribu, é a da imaxe simbólica dun humano, en posición fetal e baixo
terra. Encima del, hai un brote. As primeiras follas da esperanza e a
vida.
Potencialidades educativas
Considero que o tema principal
para traballar con nenas e nenos de Educación Infantil é a autoestima. Debemos
fomentar o amor e a aceptación dende as idades máis temperás. Un bo
autoconcepto vai da man dunha boa saúde mental. Temos que querernos e aceptar
os cambios dos nosos corpos. Para aceptalos debemos coñecelos previamente, xa
que se os ignorásemos, sorprenderíanos. A menstruación parece algo moi afastado
da primeira infancia pero é un tema do que debemos falarlles para introducilos
á sexualidade e á comprensión do mundo e dos nosos corpos. Incluso nos daría pé
a ver e comezar a entender a lúa, como satélite e como figura que inflúe en
nós, na marea, nos cultivos… ou polo menos que iso din as lendas populares. A
diversidade e a tolerancia son outros temas que se poderían traballar con este
conto, xa que lanza a mensaxe de que somos únicos, non hai ninguén igual a min
pero todas e todos somos igual de válidos. Eu non son máis nin menos ca os
outros.
Recursos na rede
Versión en linguaxe de signos e
unha voz en off que o narra na canle da propia editorial en Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=kFOy--kk374
(consultado
o 20/4/20).
Facebook do libro, no que se
poden atopar vídeos e artigos relacionados cos temas que se tratan nel: https://www.facebook.com/ellibrorojodelasninas
(consultado
o 20/4/20).
Ningún comentario:
Publicar un comentario