Aliaga, Roberto (2008). A boneca e a castañeira, ilust. Maja Celija, Pontevedra: Editorial OQO. [48 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-068-7)
Descrición do formato e o contido: A boneca e a castañeira é un álbum ilustrado de Roberto Aliaga (Ciudad Real, 1976) de 15x20 cm e cunha encadernación de cartoné, esta historia está en galego pero tamén conta cunha versión en castelán. Na cuberta do libro aparece o título do libro, o nome do autor e da ilustradora, a editorial e o escaparate no que aparece a boneca que posteriormente a avoa intentará comprar para a súa neta, ademais doutros xoguetes. Na contracuberta do libro atopamos a imaxe da avoa indo cara a cidade coa súa banqueta das castañas, ademáis do código de barras e a editorial.
No interior do álbum, as gardas, estas son sinxelas, completamente azuis escuras cunhas raias amarelas. Despois atopámonos cunha páxina de dereitos onde aparecen catro castañas a esquerda da páxina, esta infórmanos do título orixinal, da edición (título orixinal, edición, ilustradora, deseño gráfico e maquetación, imprent, ISBN e depósito legal). Na portada aparece a boneca de Marcela sentada apoiada nun toro de madeira, imaxe que podemos observar na primeira páxina da historia, xunto co título, o nome do autor e da ilustradora e a editorial. A relación entre texto e imaxes é complementaria, durante toda a historia as ilustracións acompañan a mensaxe do texto ambientando as distintas situacións que se van mencionando no álbum, de maneira que o texto sempre cambia de lugar nas páxinas para non cortar ou superpoñer as imaxes e poder transmitir as emocións mellor. Recórrese a xogos de tipografía,ao facerse unha diferenciación entre a narración e os diálogos, dado que cando falan Marcela ou a súa avoa, o texto aparece en letra grosa. A linguaxe é sinxela e adaptada á idade dos lectores e lectoras; as ilustración son a dobre páxina e as cores e materiais semellan estar realizados con pinceis e acuarelas, xogando con distintos planos para mostrar as diferentes emocións que teñen as protagonistas. Grazas ás sombras e ás cores máis suaves, conseguen dar forma e volume a todos os elementos que aparecen na historia.
En canto ao contido, o álbum presenta a Marcela, que vive soa xunto coa súa avoa e unha boneca de trapo, gastada polo paso do tempo e o cariño que lle dá Marcela. Coa chegada do Nadal a avoa quere comprarlle unha boneca nova a Marcela pero non ten o diñeiro necesario, situación que se soluciona cando a un señor, coas présas, deixa caer un agasallo que é unha boneca de porcelana. A Marcela gústalle a boneca pero non tanto como se imaxinaba a avoa que sería. Un narrador heterodiexético presenta a historia de Marcela e a súa avoa, introduce o conflito e pecha a historia. Tamén podemos escoitar as voces das protagonistas cando a avoa dubida se comprar a boneca de porcelana e cando lle explica a neta as normas que implica xogar con ela.
Potencialidades: a lectura desta obra permítenos reflexionar sobre o Nadal e o consumismo que se produce nestas datas tan sinaladas. Coñecer esta historia permite reflexionar sobre o valor dun xoguete, a súa capacidade para fomentar a imaxinación e a creatividade dosmáis novos. Por outra banda, as ilustracións permiten a nenos e nenas facer unha lectora visual e complementaria ao texto, potenciando a autonomía e a exploración pola súa parte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario