Turin, Adela (2019). Rosa
caramelo, ilust. Nella Bosnia. Pontevedra: Kalandraka Editora, (ISBN:
978-84-8604-798-0).
Descrición do formato:
Rosa caramelo é un álbum ilustrado de
carácter feminista que intenta rexeitar estereotipos sobre
o sexo feminino. Está composto por 40 páxinas onde se mesturan os textos
e as ilustracións de tons rosas e grises que fan moi visual a historia. A cuberta presenta unha ilustración de catro elefantes,
un rosa e os demais grises, co título por enriba en rosa e os nomes das autoras
en negro.
A contracuberta conta cun parágrafo describindo o traballo da
autora no ámbito da coeducación e da igualdade e por debaixo atópanse flores
(as que as elefantas comen na historia) con diferentes insectos. A portada do
libro é unha imaxe da protagonista, a elefanta Margarida, única femia gris,
pero co rostro alegre e feliz.
O interior do libro
vai mesturando texto en formato pequeno e imaxes en formato máis grande, tendo
os tons grises e rosados como principais. As ilustracións son figurativas, dun marcado carácter tenro que tentan transmitir dozura, á vez que prenden a
atención do lectorado.
Descrición do contido:
A historia narrada conta como no país dos elefantes
sempre houbo diferenzas entre os machos, grises
e fortes, e as femias, coa pel rosa caramelo. De pequenas, as elefantas comían anemones e peonias para adquirir esta cor, considerada a máis axeitada para elas. Margarida
nunca se puxo rosa e os pais desistiron do seu empeño,
deixándoa libre, o que fixo que fose unha elefanta
era feliz. As demais elefantas nun primeiro momento rexeitábana
pero despois, con moita envexa, seguiron os seus pasos e tamén se converteron
en grises. Dende aquelas os elefantes machos e femias son iguais.
Potencialidades educativas:
a lectura desta obra incide na temática da coeducación
e a igualdade de xénero e a súa normalización. Coa
literatura infantil e con libros coma este os docentes poden traballar estas
temáticas dun xeito lúdico e motivador para os mais pequenos/as. A ficción ofrece exemplos que transmiten valores e condutas
que se consideran adecuadas para superar prexuízos e situacións de inxustiza,
coma as que predominaron na sociedade patriarcal. Desenvolver a conciencia
de igualdade entre xéneros dende idades temperás contribuirá
a crear unha sociedade máis xusta.
Recursos, traducións e premios:
A obra orixinal é
italiana, titúlase Rosaconfento e
está dispoñible en: galego, castelán, catalán, éuscaro
e portugués. Na rede pódense atopar diferentes recursos de apoio á lectura.
Salientamos entre eles:
Versión animada de Carmen Sánchez (s.d.). Rosa Caramelo. Construyendo igualdad.mp4. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=qqJx-a09dT8 (consultado o 11/05/2020).
Ningún comentario:
Publicar un comentario