mércores, 13 de maio de 2020

La mamá de la mamá de mi mamá


Schmidt, U. A. (2014). La mamá de la mamá de mi mamá. A Coruña: Hércules de Ediciones. [44 pp.]. (ISBN: 978-84-92715-82-4).

Descrición de forma e de contido: álbum ilustrado de tapa dura de 44 páxinas. Este libro non ten unha soa cuberta, senón que ten dúas, debido a que podes comezar a lelo por ambas as caras. Unha das cubertas é a imaxe dunha anciá, polo outro lado atopamos a imaxe dunha nena cativa, bisavoa e bisneta respectivamente. Ambas as cubertas están conectadas entre si por una bufanda vermella. As gardas tamén son diferentes segundo o lado do álbum que abras. Se comezas polo lado da nena, as gardas mostran follas cheas de debuxos; porén, polo outro lado aparece o debuxo dunha ventá a través da cal se pode observar unha árbore sen follas. A portada conta co título da obra, os nomes das autoras, o nome da ilustradora e o da editorial. Na primeira páxina atopamos un resumo da historia que imos ler. Unha vez comezas a ler, podes elixir comezar coa historia contada dende o punto de vista da nena ou da bisavoa, ao chegar á metade do libro remata unha historia e é necesario darlle a volta ao libro e comezar a seguinte polo outro lado.
Ao longo das páxinas preséntanselle ao lectorado unha historia tenra e delicada, narrada en primeira persoa por cada unha das personaxes. As ilustracións amósannos diferentes escenarios acordes ao que nesas páxinas se está a contar, onde ambas pasan tempo xuntas. As ilustracións están feitas cunha gama de cores ocres, verdes e vermellos e cada unha ocupa dúas páxinas. Un elemento importante en todas as imaxes é a presenza da bufanda vermella, a que conecta ambas, é o lazo familiar que as une e que as fai inseparables a pesares da idade.
Dende o punto de vista do contido, o tema principal deste libro é a familia, o fin dunha vida e o comezo doutra. Dende o punto de vista das dúas personaxes principais (bisavoa e bisneta) cóntasenos como é a súa relación e como afrontan ambas a diferenza de idade entre elas. A rapaza non comprende moi ben porqué ás veces á bisavoa se lle esquezan as cousas ou porqué non a recoñece, pero aínda así iso non fai que perda o interese en todas as historias que lle conta. Por outro lado, a bisavoa grazas á rapaza exercita a memoria contando e lembrando anécdotas do pasado e aínda que xa non pasa tempo coas súas amigas da infancia, ten unha nova amiga coa que rir e facer trasnadas. Cando a bisavoa xa non estea, vivirá a través da rapaza e da súa memoria.

Potencialidades: este álbum está indicado para nenos e nenas a partir de entre 6 e 9 anos, é un libro que se podería ler na casa coa familia, mais tamén na escola, para que dende pequenos os nenos e nenas aprecien aos seus maiores e valoren o tempo que pasan con eles, ademais de respectalos. Pode extrapolarse aos adultos maiores en xeral, pero en especial aos maiores da familia, que comparten historias cheas de tesouros e experiencias únicas que son a base da nosa propia identidade e historia. Por iso consideramos este libro unha lectura moi acaída.

Ningún comentario:

Publicar un comentario