Amosando publicacións coa etiqueta diversidade racial. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta diversidade racial. Amosar todas as publicacións

mércores, 15 de abril de 2020

La conejita Marcela



Tusquets, Esther (2011). La conejita Marcela, ilust. María Hergueta, Pontevedra: Kalandraka. [48 pp.].(ISBN:978-84-92608-45-4).

Descrición do formato: a obra La conejita Marcela é un libro ilustrado da autora Esther Tusquets (Barcelona, 1936). Este libro é de cartoné cunhas dimensións de 22x22 cm. Na cuberta do libro podemos observar unha ilustración sobre a coelliña Marcela cun buzo e uns lentes. O buzo que esta traía posto era porque cada vez que a pisaban Marcela sempre mordía como resposta, polo tanto para evitar isto puxéronllo. Os lentes que Marcela levaba era porque ela naceu co ollo esquerdo mirando cara a arriba, aínda que os coelliños como ela non tiñan esa característica. Debaixo da ilustración aparece o título do conto, os autores que compoñen a obra e a editorial do libro. A cor amarela de fondo é unha cor alegre. Na garda inicial aparece no fondo unha ilustración de Marcela en contraposición coa última garda que aparece enriba o coelliño branco, Federico. A imaxe deles dous xuntos aparece nunha parte do libro cando Marcela se atopou con el e esta lle pediu matrimonio. Na portada podemos ver o título do libro e o nome das autoras, debaixo disto unha ilustración de Marcela cos lentes. Esta mesma imaxe podémola ver nunha das páxinas da historia. Por outra banda, na contracuberta podemos ver unha ilustración de Marcela e Federico escapando xuntos ata o bosque. Por último, no lombo aparece o nome da autora e da ilustradora mais o título do conto.

Contido da obra: esta obra amósanos a historia dunha coelliña chamada Marcela. Marcela vivía nunha aldea organizada en coellos brancos e negros. Istos tiñan que andar en diferentes zonas, xuntarse coelliños brancos con brancos e negros con negros. Os brancos andaban erguidos e miraban dereito mentres que os negros miraban sempre para abaixo. Marcela era unha coelliña de cor negra. Esta naceu cun ollo que sempre miraba cara a arriba e polo tanto puxéronlle uns lentes para poder disimular o seu ollo e que os coelliños brancos non se sentisen incómodos. Ademais diso a Marcela acontecíalle outra cousa. Cada vez que a pisaban ela sempre mordía. Por esa razón, seus pais decidiron colocarlle un buzo para que os coelliños brancos non se enfadasen cada vez que esta mordía. Un día esta decidiu escapar daquel pobo e chegou ata un no que todo era ao revés. Un día Marcela viu que os coellos estaban organizados por cores. Os brancos por unha beira e os negros por outra. Nestes os negros tiñan unha chea de privilexios que os outros non tiñan. Marcela preocupada polas características que este pobo tiña non quería seguir nun lugar no que existise esta separación por cores. Un día camiñando atopouse con outro coello que era branco. Ámbolos dous quedaron pasmados mirándose. Os outros coellos  negros pensaron que Marcela ía ser atacada e tentaron defendela, pero Marcela púxose a favor de Federico, o coello branco, e fuxiron de alí. Marcela decatouse de que Federico era igual a ela, tiñan as mesmas características. El tamén tiña un ollo que miraba cara a arriba e tamén mordía cada vez que o pisaban. Esta propúxolle matrimonio e el aceptou. Xuntos fuxiron para unha pradería onde ningún coelliño habitaba. Alí foron felices e tiveron fillos grises cada un con diferentes características, pero todos erguidos e sen mirar cara a abaixo.

Potencialidades: con esta obra podemos traballar o tema da diversidade. Neste libro preséntase a imaxe dos coelliños Marcela e Federico que son diferentes ao resto polas súas características. Con estes dous personaxes podemos traballar as diferenzas cos nenos e nenas dunha maneira sinxela. Facéndolles ver que ser diferentes non é nada malo senón que é unha cualidade que ten cada un/unha que nos fai únicos e únicas. Aínda que ás veces a xente nos critique sempre vai haber alguén que nos valore polas nosas diferenzas. A lectura deste libro permite reflexionar sobre a diferenza racial e as consecuencias que esta tivo ao longo fa historia. A través deste conto pódese traballar a interculturalidade, a diversidade e a convivencia harmónica, así como o respecto, a xustixa e a igualdade de dereitos.

Recurso educativo:
Guíainfantil (2018,14 de febreiro).Las conejitas que no sabían respetar | Cuento con valores para niños. Descargado de https://www.youtube.com/watchC0mU-qGr8&list=PLjI7GxVH4pqFigqNgBQ (consultado o 14/04/2020)
Gabsturtle (2020, 30 de marzo).Los días en que todo se detuvo I Cuento Infantil. Descargado de https://www.youtube.com/watch?v=H6WkkF9xy0U
Ivan, R.(2014, 5 de setembro). Trabajo de informática-la conejita marcela. Descargado de https://www.youtube.com/watch?v=MXeWFK4CRS8  (consultado o 14/04/2020)

Dez dedos nas mans e dez dedas nos pés

Fox, Mem (2018). Dez dedos nas mans e dez dedas nos pés, ilust. Helen Oxenbury, Pontevedra: Kalandraka. [40 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-382-1).

Descrición do formato do libro: o conto Dez dedos nas mans e dez dedas nos pés é un álbum ilustrado da autora Mem Fox ( Australia,1946). É un conto de forma rectangular e de tamaño mediano cunhas dimensións de 24.5 x 28 cm. Este libro ten unha tapa dura e as súas follas son algo grosas e resistentes, isto é bo xa que sería un material duradeiro nas mans dun neno ou nena. A cuberta e a contracuberta do conto relaciónanse entre si. Estas fan relación ao contido que nos vai amosar o conto no interior. Nestas preséntanse a dous nenos de diferentes culturas pero con algo en común, ambos teñen, como o título mostra na cuberta, dez dedos nas mans e dez dedas nos pés. Estes nenos, cada un situado nunha destas partes, están nunha randeeira e mostran unha expresión de ledicia. No primeiro vemos que amosa as súas mans que fan referencia a unha parte do libro. Pola outra banda, o outro neno mostra os seus pés para rematar a referencia ao título do conto. Tamén observamos cada un ten a tonalidade da súa pel de diferente cor facendo un chamamento á aceptación das diferenzas individuais sen criticar estas. Por último, nesta partes amósase de fondo unha cor branca para resaltar as figuras dos nenos para que nos fixemos neles e non no resto. As gardas do libro teñen a mesma estética son de cor azul ambas. Isto pode significar a armonía que se amosa entre todos os nenos ao longo do conto. As imaxes que se mostran ao longo da historia son moi realistas e moi rechamantes, ao incidir na diversidade de procedencia xeográfica, de aspecto ou de etnia de cada un dos bébes que aparecen na obra, resáltase o elemento que os fai a todos iguais: os dedos e as dedas.

Descrición do contido do libro: neste conto a idea principal está moi clara, xa que se trata ao longo de toda a historia. Esta é o tema de que cada un ten característica diferentes entre sí pero sempre hai algo que todos e todas temos en común. Neste conto vanse amosando parella de nenos e nenas de diferentes lugares e culturas na que se expoñen algunha das súas características como onde naceron, que lles pasa, onde viven… E logo mostrase a característica que teñen igual todos e todas que sempre é a mesma. Esta é que todos e todas teñen dez dedos nas mans e dez dedas nos pés. Ao longo da historia vanse contrapondo sempre dos nenos e nenas de diferente cor de pel o diversas cultura, marcando que entre estas características diversas sempre hai algo común que coincide co título da obra.

Potencialidades da obra en educación infantil: con esta obra podemos traballar en todos os ciclos de Educación Infantil. É unha obra sinxela que se pode ler só a través das imaxes. A través delas podemos traballar temas como a diversidade cultural e racial e a aceptación das diferenzas individuais. A pertenza a diferentes países e etnias permite tamén achegarse aos coñecementos xeográficos e culturais. Por outra banda, tamén se pode traballar a aceptación das propias diferenzas individuais a través de comentar as características de cada un e unha, fronte ao que contrapoñer as moitas características que temos en común, como poden ser os dedos, incidindo en que todos somos persoas únicas e especias cada un e unha cas súas características persoais.

Recursos educativos:
Tati, B. (2019, 7 de febreiro).Dez dedos nas mans e Dez dedas nos pés. Kalandraka. Descargado de https://www.youtube.com/watch?v=lk-_eG8AETY (consultado o 13/04/2020).
Tat, Bi.(2019, 7 de febreiro). Contos cantados de kalandraka. [Entrada de blog]. Descargado de http://cousasdepequenosmaiores.blogspot.com/2019/02/contos-cantados-de-kalandraka.html (consultado o 13/04/2020).
María.(2018, 7 de outubro). Dez dedos nas Mans e dez dedas nos Pés. [Entrada de blog]. Descargado de http://leoncinos.blogspot.com/2018/10/dez-dedos-nas-mans-e-dez-dedas-nos-pes.html (consultado o 13/04/2020).

xoves, 9 de abril de 2020

Homme de couleur!



Ruillier, Jérôme (2011). Homme de couleur!, ilust. Jérôme Ruillier, :Les trésors. [28 pp.].(ISBN:978-2-84181-260-8).

Descrición do formato: a obra Homme de couleur! é un álbum ilustrado de Jérôme Ruillier (Madagascar, 1966). O formato é de cartoné con dimensións 23,5 cm x 23,5 cm. Na cuberta aparece un dos personaxes principais, o home branco. Este está representado con diferentes cores xa que como ben conta o segundo personaxe principal, o home negro, as persoas brancas manifestamos diferentes cores de pel ao presentarsenos diversas situacións.  Por riba da ilustración aparece o título do libro con cada letra dunha cor en combinación coa ilustración. O fondo móstrase alegre dunha cor amarela. Debaixo da ilustración podemos ver o nome do autor e a editorial á que pertence. Na contracuberta podemos ver enriba de todo como na cuberta o nome do libro. Debaixo deste, unha breve explicación referida ao contido do libro, na que se adianta que é un conto-poema transmitido de xeración en xeración pola tradición oral africana contra as expresións racistas, e que cuestiona os prexuízos e as ideas preconcebidas. Podemos ver unha pequena ilustración dos protagonistas do libro, o home negro e o home branco representado coas diversas cores. Na garda principal de cor branca aparece unha ilustración dun sol. Este sol acompaña ao rapaz de pel negra nunha das páxinas do conto. No fondo da garda aparece o ano de publicación, a editorial, e o seu ISBN. Na portada podemos ver a estética semellante á da contracuberta, xa que volve aparecer o título do libro, e a mesma ilustración. Aínda que nesta ilustración podemos observar como os personaxes estan en diferentes posicións, o neno de pel negra na esquerda e o de cor na dereita. A cor da portada volve a ser branca para que resalte o título do libro e os personaxes principais. Na garda final volvemos a ver os personaxes principais e enriba destes unha lúa. Esta lúa acompaña ao neno branco nunha das páxinas do conto. Ademais, na garda vemos unha dedicatoria que di “A ma mére” (a miña nai). Asi mesmo, podemos ver que hai unha contraposición co sol da primeira garda e a lúa da segunda facendo unha clara homenaxe ás diferenzas. E como se pode ver o sol e a lúa son diferentes. Esta expresión utilízase hoxe en día cando alguén é completamente diferente ao outro.
Contido da obra: en Homme de couleur! o autor comeza a contarnos diversas situacións nas que as persoas brancas manifestamos a pel de maneira diferente. Pola contra, as persoas negras sempre manteñen a mesma cor. No conto relata situacións como por exemplo:  cando estamos enfermos pomonos brancos, cando tomamos o sol pómonos vermellos, se temos frío pomonos morados e incluso cando sentimos medo pomonos verdes. Despois disto manifesta a cuestión de: quen é enton o home de cor? Hoxe en día chamamoslle persoas de cor ás persoas coa pel de cor negra, en cambio o autor reflexa que nós deberíamos ser as persoas de cor, xa que modificamos a cor en distintas situacións.
Potencialidades: a través desta obra podemos traballar en Educación Infantil diversos temas como por exemplo: o racismo, a diversidade cultural, a diversidade racial, as diferenzas que poden presentar as persoas en contraposición con outras, a tolerancia e o respeito cara a estas. Esta é unha obra que amosa unhas imaxes sinxelas e un texto comprensible onde se explican estos temas dunha maneira doada. Estos temas serían moi fáciles de levar a cabo nunha aula xa que hoxe en día en calquera centro educativo podemos ver a nenos e nenas de diversas culturas e de diferentes características. Sería interesante traballar esta obra realizando diferentes actividades como por exemplo: aprender bailes ou cancións de diversas culturas, realizar un mural e situar o lugra de orixe de cada neno e nena, unha festa cultural onde cada nai e pai traia unha comida propia do seu pais etc.

Recursos educativos:
Mamam Doudou. (2017, 21 de septiembre). Lecture: Homme de couleur!. Descargado de https://www.youtube.com/watch?v=GJuIYhyMfR0
Carmenchuchu. (2012, 27 de enero). Cuento ¡hombre de color!. Descargado de https://es.slideshare.net/carmenchuchu/cuento-hombre-de-color

(2013, 20 de mayo). ¡Hombre de color!. [Entrada de blog]. Descargado de https://cuentosdiversidad.wordpress.com/tag/respeto/

venres, 3 de abril de 2020

Kofu: o neno de chocolate







Loriga, Lupe (2004). Kofu: o neno de chocolate, ilust. Ana García, Vigo: Nova Galicia Edicións S.L. [24 pp.]. (ISBN: 84-96293-36-X).

Descrición do formato: a obra Kofu: o neno de chocolate é un álbum ilustrado de Lupe Loriga. O formato do libro é de tapa dura, cartoné con dimensións 24.5 x 20 cm. A cuberta ten un fondo de cor alaranxado que nos pode transmitir un sentimento de alegría. Este fondo está composto por unhas nubes das mesmas tonalidades que o fondo, no que se representa un ceo, onde sobrevoan por riba dunha táboas de chocolate, Kofu e Luisiño os nenos protagonistas do conto. Podemos ver que Kofu está por riba dunha táboa de chocolate branco e pola contra Luisiño nunha de cor negro. Isto representa como superaron as diferenzas por iso Kofu o neno de cor sobrevoa nunha de cor branco e Lusiño nunha de cor negra. Ademais, diso pode mostrarnos que agora estes xa son amigos e un ponse no lugar do outro. A contracuberta deste conto ten relación coa cuberta, xa que ao abrir o libro por completo ambolas dúas compoñen unha imaxe única. A parte da contracuberta amosanos varias taboas de chocolate compostas por chocolate branco e negro sobrevoando o ceo. Podemos ver que isto representa a unión de ambas as cores e que se superaron as diferenzas. Os protagonistas van de fronte simbolizando que as diferenzas quedaron atrás. Os personaxes do libro van vestidos con roupas de estilo xaponés. Procurando o significado do nome Kofú este ten relación cunha cidade no centro de Xapón chamada Kofú.
Na portada do conto podemos ver o neno Kofu comer unha taboa de chocolate branco. Enriba da ilustración observamos o título do conto e debaixo da ilustración os nomes da autora e da ilustradora. Na garda principal aparece a continuación da portada. A metade da garda está composta por unha táboa de chocolate branco, os nomes das compositoras mais o lugar onde o libro foi publicado. Por outra banda, na garda final podemos observar ao neno Luisiño cun fondo de chocolate negro en conxunto coa páxina anterior na cal aparece Kofu cun fondo de chocolate branco. 

Contido da obra: en Kofu o neno de chocolate preséntase a historia duns nenos os cales van con súa nai Sara de paseo. De súpeto ao máis pequeno caélle a chaqueta e un neno de cor recollella para darlla. Este quedou sorprendido xa que nunca tiña visto a ningún neno nin nena dunha cor diferente. Despois o máis pequeno foille preguntar a súa nai se lle pasaba algo por ter a pel desa cor, e súa nai díxolle que non lle pasaba nada que soamente a tiña máis oscura. A súa nai comezoulle a contar uha historia sobre un neno de cor chamado Kofu. Kofu chegou á escola e todos os nenos e nenas o rexeitaban e non querían xogar con el. Pero de súpeto, un neno chamado Luisiño de pel branca uniuse a el para xogar os dous. Como Luisiño xogaba con Kofu os demais nenos e nenas deixabano de lado porque decían que era raro. A nai de Luisiño, Silvia ocorréuselle unha idea para que seu fillo non quedase sen amigos. Un día convidounos á súa casa e preparoulles unha gran merenda. Nesta había bocadillos de chocolate branco e de chocolate negro. Silvia comezou a preguntarlles aos nenos e nenas cales lle gustaban mais se os brancos ou os negros. Os nenos e nenas responderon que todos estaban moi ricos. Silvia dixolles se estes deixaban de comer os bocadillos por seren brancos ou negros. Os nenos responderonlles que non. Entón Silvia cuestionoulles que porqué non querían xogar con Kofu, xa que a diferenza que tiñan con el era tamén a cor. Os nenos e nenas aprenderon ese día unha gran lección e ao día seguinte na escola eles mais Luisiño e Kofu xogaron todos xuntos.

Potencialidades: con esta obra podemos traballar o tema da diversidade cultural. Así mesmo, podémoslle ensinar a todos os nenos e nenas de infantil que todas as persoas somos iguais independentemente da cor da nosa pel, do lugar que procedemos o do idiomas que falamos. Este libro mostroume unha maneira diferente da que non me dera conta para explicar esta diferenza racial, xa que se mostra dunha forma moi sinxela a explicación desta diferenza a través duns bocadillos. Esta idea estaría moi ben para levala a unha aula de Educación Infantil, xa que considero que unha forma moi visual e sinxela de explicar dita situación.

Recursos educativos:
(2020, 10 de marzo). Actividades. [Entrada de blog]. Descargado de https://somosigualessomosdiferentes.wordpress.com/actividades/ 
Marina, E. (2019, 18 de octubre). Kofu el niño de chocolate. Descargado de https://www.youtube.com/watch?v=U2EIF9UGSgE

Todos somos especiales

Maguire, Arlene (1995). Todos somos especiales, ilust. Sheila Lucas, León: Everest, [33 pp.]. (ISBN: 84-241-3181-9).

Descrición do formato do libro: o conto Todos somos especiales é un álbum ilustrado escrito por Arlene Maguire (New Jersey). Este ten forma rectangular e é de tamaño mediano, cunhas dimensións de 21 x 19 cm. Este libro ten a tapa branda, este material pode ser moi fráxil para o uso dos nenos e nenas posto que poden chegar a estragalo con facilidade. Na cuberta do conto aparecen unha chea de nenos e nenas de diferentes nacionaidades e razas. Ademais, tamén aparecen diversos animais. Os nenos e nenas e animais  teñen expresións de ledicia e contento. Ademais, todos e todas levan roupas con cores vivas e alegres. O fondo da cuberta é de cor azul, que simboliza a harmonía, e esta móstrase tamén na expresión de cada un e en que están todos agarrados da man. Por outra banda, na contracuberta atópanse dúas cores mesturadas: o azul e o verde, que simbolizan a harmonía e a esperanza. Tamén se ve unha imaxe duns nenos e nenas abrazando o mundo. Así mesmo, aparece o nome da editorial, a edición e un resumo do tema que trata o libro. Nas gardas deste libro non hai moita información relevante, na primeira aparece o título da obra e na do final aparece toda a información relacionada cos datos de publicación da obra.

Descrición do contido do libro: esta obra presenta un texto rimado. Ao longo do libro vánse dando diferentes datos e diversas características dos diferentes nenos e nenas que aparecen na obra. Abórdanse as preferencias de cada un/unha e as características individuais de cada suxeito, pero sempre desde unha forma adecuada e aceptando as diferenzas como algo que nos fai únicos e únicas. Como o libro mostra xa dende o título, vanse expondo as diferenzas individuais de cada un/unha para concluir dicindo que todos e todas somos especiais.

Potencialidades da obra en educación infantil: a través da lectura desta obra podemos traballar cuestións como a diversidade cultural, a diversidade racial, as diferentes discapacidades e aceptar as diferenzas de un/unha mesmo/a. Na diversidade cultural podemos traballar cos nenos/as as diferentes culturas que hai no mundo, as súas crenzas e diferenzas. Tamén se pode tratar a diversidade racial e facer partícipes a todo o alumnado da riqueza que supón esta convivencia. As discapacidades están presentes a través dunha das nenas que aparece na obra e que vai nunha cadeira de rodas, visibilizando a diversidade funcional de maneira sinxela. A reflexión sobre estas temáticas incide na aceptación das diferenzas como algo bo é positivo. 

Recursos educativos:
Marta, M. (2013, 3 de junio). Todos somos especiales. Cuento. Descargado de https://es.slideshare.net/MartaCano2/todos-somos-especiales-cuento
UP and Learn.(2020, 26 de marzo). Lectura del libro Todos somos especiales de Arlene Maguire. Descargado de https://www.youtube.com/watch?v=fqFN4kFGnnw
Alexander, K. (2015, 8 de agosto). Barney Canciones- Somos Especiales. Descargado de https://www.youtube.com/watch?v=fPyQLH0c9Mo
RAULNLTV. Somos especiales .Descargado de https://www.youtube.com/watch?v=DvneJesaEFQ