Amosando publicacións coa etiqueta medo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta medo. Amosar todas as publicacións

mércores, 20 de maio de 2020

As chaves dos soños


Meilán García, Ana (2018). As chaves dos soños, ilust. Silvina Eduardo, Lugo: Entre nubes y cuentos, [42 pp.]. (ISBN: 978-84-697-9671-9). 

Descrición do formato: álbum ilustrado escrito por Ana Meilán. As súas dimensións son de 23x25 cm. Na cuberta atopamos varias casas con árbores ao seu arredor. É de noite e colgadas de fíos vemos estrelas, chaves e a lúa. As letras do título do conto están realizadas con recortes de letras de varias cores. Na contracuberta atopamos as distintas chaves que van formar parte da historia co seu fío azul e a frase: “ e a  túa chave, ¿que soño abre?”. Cando abrimos o conto vemos representado o escritorio de Adele co seu estoxo, cores, e unha libreta co título Abre os teus soños. As distintas ilustracións están realizadas coa técnica da colaxe, na que cada elemento está formado por anacos de cartón, revista, libros, papel… Adele, a protagonista, caracterízase por levar lentes, ter o pelo roxo e medo de ir durmir, polo que decide pedirlle axuda a súa nai.

Descrición do contido: a historia está narrada en primeira persoa pola nena protagonista, quen relata diferentes situacións. Adele é unha nena que ten soños bos e malos, grandes e pequenos. Para evitar as noites de pesadelos a súa nai cóntalle un segredo sobre varias chaves atadas a un fío azul. Entrégallas e con iso solucionaranse os seus medos. Estas chaves abriranlle as portas dun soño diferente cada noite. Cando vaia durmir terá que colocar a chave que elixa debaixo da almofada e cando a súa estrela brille esa chave abriralle a porta a distintas viaxes. Soña cando está no ventre da súa nai que pode voar e se lle parece que vai ter algún pesadelo, coa súa valentía é capaz de pensar noutra cousa diferente. As chaves proporcionaranlle seguridade, tranquilidade e confianza. Adele aprenderá a enfrontarse ao descoñecido, conseguirá relaxarse e ir tranquila a durmir.

Potencialidades: Moitos nenos e nenas teñen o mesmo problema que Adele, non queren ir durmir polo medo a soñar cousas desagradables. Coa lectura deste libro podemos traballar que facer neses momentos, conseguir relaxarnos e poder durmir sen ningunha preocupación. Ao longo do conto atopamos moitos elementos que se traballan habitualmente na aula de Educación Infantil e que poderían servir como exercicio para a atención e a concentración. A maiores, tamén podemos explicarlle a técnica da papiroflexia, creando cousas sinxelas como os paxariños que vemos no libro. Nun dos soños de Adele transportámonos ao inicio da súa vida, cando está no ventre da súa nai. Podemos traballar esta cuestión de maneira que consigan entendela. Tamén hai bastante vocabulario sobre animais e permite tratar a relación e a confianza existente cunha persoa de apego, neste caso a nai de Adele.

Recursos educativos:
[Cuentos en la nube]. (2017, outubro 18). Cuentos infantiles - Las llaves de los sueños [Arquivo de vídeo]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=X_wXJrPOuTk (Consultado o 6/5/20)

mércores, 13 de maio de 2020

A casa da miña avoa

Bruno, Pep (2009). A casa da miña avoa, ilust. Alberto Gubellini, Pontevedra: Editorial OQO. [36 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-210-0)

Descrición do formato e o contido: A casa da miña avoa é un álbum ilustrado de Pep Bruno (Barcelona, 1971) de 25x23 cm e cunha encadernación de cartoné, a versión que imos analizar está en galego pero tamén hai unha versión en castelán. Na cuberta do libro aparece o título do libro, e o nome do autor, do ilustrador e da editorial; todo sobre unha imaxe de fondo na que encontramos o protagonista do álbum indo por un camiño en dirección a unha casa, tamén observamos un paxaro, un lobo e un oso. Na contracuberta aparecen datos da edición xunto coa imaxe de dous paxaros enriba das pólas de dúas árbores.
No interior do volume, as gardas presentas a un rapaz e a unha anciá voando nunha vasoira, o que lembra os contos de bruxas. A seguir aparece a páxina de dereitos sobre a imaxe do ceo cunha nube, na que se recollen todos os datos da edición, mentres que na portada aparece un paxaro enriba do tellado dunha casa e á esquerda está o título do libro, o nome do autor, do ilustrador e da editorial. Ao longo do volume, as ilustracións acompañan a mensaxe do texto recreando as distintas situacións que se van mencionando no relato. Recórrese a xogos coas tipografías, que empregan as letras grosas para amrcar os diálogos. A linguaxe é sinxela e adaptada á idade dos lectores e lectoras infantís, aos que se dirixen breves acoutacións durante toda a historia para aclarar algúns aspectos. As ilustración ocupan toda a páxina e as cores e materiais semellan estar realizados con pinceis e acuarelas, xogan con distintos planos para mostrar as diferentes emocións que teñen as protagonistas. Grazas ás sombras e ás cores máis suaves, conseguen dar forma e volume a todos os elementos que aparecen na historia.
En canto ao contido, preséntanos a un neno que está de aniversario, a súa avoa vai celebralo á súa casa, pero esquécese de levar a torta. Debido a isto o neno ten que ir á casa da avoa buscar a torta, para o que é preciso que supere o medo que lle producen diferentes personaxes que atopa polo camiño e na casa da súa avoa. Un narrador heterodiexético presenta a historia do neto e a súa avoa, introduce o conflito e pecha a historia.


Potencialidades: mediante a lectura deste álbum, podemos traballar o misterio, o suspense, a tensión e os medos. De esta maneira, pódese traballar a súa superación. Tamén traballariamos os prexuízos e as primeiras impresións, xa que ao principio o neno teme aos compañeiros da súa avoa e acaba facéndose amigo deles. Ao longo deste álbum podemos recoñecer personaxes clásicos como poderían ser Frankenstein ou Drácula, polo que poderiamos traballar a lectura destes clásicos que posiblemente algúns dos nenos e nenas xa coñezan.

sábado, 2 de maio de 2020

Os de arriba e os de abaixo


Valdivia, P. (2009). Os de arriba e os de abaixo, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka, col. Minilibros, [32 pp.]. (ISBN 978-84-8464-691-4).

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado co texto e ilustracións de Paloma e tradución á lingua galega de Manuela Rodríguez. A edición pertence á colección “Minilibros”, polo que o seu formato presenta capa branda e de dimensións moi reducidas. A cuberta contén o título da obra e os nomes da autora e editorial. Ademais apréciase unha ilustración na que podemos ver o título da obra e unha liña divisorioa que sitúa a uns personaxes enriba e outros en sentido inverso debaixo. Estas personaxes son animais, entre os que salienta a xirafa que é a única capaz de superar a liña que os divide co seu longo pescozo. Na contracuberta podemos ver a mesma liña divisoria na que enriba hai unha personaxe humana e abaixo un animal, ademais do nome da colección “Minilibros”. Na portada atópase o título da obra e o nome da autora do texto e ilustración e o nome da editorial, ademais enriba do título pódense apreciar unhas personaxes moi abrigadas e abaixo case sen roupa. A historia que conta este álbum é que os de arriba viven igual que os de abaixo, pero viven en distintas estacións, cando arriba vai calor, abaixo vai frío e cando arriba é tempo de sementar, abaixo é tempo de colleita, aínda que todos comparten o mesmo soño que é voar. 
É un álbum ilustrado narrativo no que as ilustracións son moi necesarias. Nelas podemos ver personaxes de forma redondeada e algunhas de forma rectangular, nas que a autora utiliza moito as cores vermella, negra, e verde. Pódense apreciar como personaxes tanto a seres humanos coma a animais, como pode ser un paxaro, unha xirafa, un elefante ou o can, ademais de seres da natureza como as árbores. Nas ilustracións pódese apreciar en todo momento un fondo de cor crema e que emprega lápices como material maioritario. É un libro que esixe a implicación do lector para interaccionar coa historia, que se conta a través das ilustracións e do texto, os cales van avanzando a medida que pasamos as páxinas e se pode saber que pasa cos de arriba e os de abaixo. 

Potencialidades: a lectura desta obra permite que nenos e nenas reflexionen  sobre as relacións sociais e a diversidade, que aínda que se viva en diferentes sitios se poden manter relación sociais. Con este álbum tamén se pode traballar o medo ao descoñecido, polo feito de que os de arriba pensan que os de abaixo son diferentes a eles e viceversa. Para iso é importante traballar a empatía e a capacidade para se poñer no lugar do outro, o que contribuirá a eliminación de estereotipos e prexuízos. A obra tamén contribúe a poder falarlle das diferenzas climatolóxicas no planeta, ao se referir o texto á sementeira e colleita; dos continentes que conforman o mundo ou das súas características xeográficas e físicas dentro do globo. A propia configuración física do libro tamén axuda a percibir a contraposición de perspectivas, pois se lemos o álbum na posición convencional os de abaixo están cara a abaixo, pero se lle damos a volta ao libro veremos que ocorre o contrario cos que estaban arriba. Este xogo de perspectivas conflúo na última páxina , na que se pode ler dos dous lados e poden describir o que cada un percibe, xa que o seu pequeno tamaño se adapta as pequenas mans dos potenciais destinatarios. 


domingo, 26 de abril de 2020

Las llaves de los sueños


Meilán García, Ana (2018). Las llaves de los sueños, ilust. Silvina Eduardo Canoso, Lugo: Entre nubes y cuentos, [42 pp.]. (ISBN: 978-84-697-9293-3).

Contido, descrición e forma: álbum ilustrado autopublicado de Ana Meilán, con ilustracións de Silvina Eduardo Canoso. As imaxes xogan un papel fundamental no desenvolvemento da historia. Na cuberta, a ilustradora utiliza a técnica da colaxe, ao igual que no resto do álbum. Emprega recortes para formar as letras que compoñen o título e no centro da cuberta amosa o debuxo dunha aldea con casas de cores vivas. Ademais, colgando do teito cuns fíos, caen unhas chaves e unhas estrelas. Os nomes tanto da autora como da ilustradora encóntranse na parte inferior da cuberta, con tipografía sinxela e de cor negra. Na contracuberta aparecen ilustradas unhas chaves unidas cun lazo de cor azul que terán relevancia no desenvolvemento da historia. Nas gardas preséntase unha imaxe de cores moi vistosas con diferentes elementos: unha libreta, un compás, un estoxo, un colar, entre moitos outros; ademais, nas gardas do final, inclúese un sobre que esconde unhas chaves como as da protagonista. No interior do álbum a tipografía que se utiliza é sinxela e de cor negra e nalgúns casos destácanse palabras dentro dunha frase cunha tipografía diferente e máis grande, para darlle máis importancia. A ilustradora volve empregar a técnica da colaxe, coma na portada, utilizando dende recortes do xornal ata cordas, cartóns ou papeis de cores. A historia está contada en primeira persoa por Adele, a protagonista. En canto á arquitectura textual, a autora recorre moito aos adxectivos para describir os obxectos ou sucesos que ocorren.


O contido do álbum xira ao redor da historia de Adele, unha nena rubia de pelo rizado, con gafas e moi alegre. A Adele cústalle moito ir durmir polas noites, xa que non lle gusta ter pesadelos mentres dorme. Unha desas noites nas que non podía durmir, a súa nai regálalle unhas chaves unidas por un lazo azul e dille que, cando teña medo, coloque unha desas chaves debaixo da almofada e asegúralle que terá uns soños marabillosos. Durante as noites seguintes Adele fai o que lle dixo a súa nai e, aínda que tivo un pesadelo, conseguiu superalo e volver á tranquilidade desfrutando da maxia dos soños.

Potencialidades educativas: o problema co que se encontra a protagonista é moi común nos nenos e nenas de Educación Infantil, moitos non queren ir durmir porque non queren ter pesadelos. Nesta historia aparece unha figura de apego, que debería estar presente na infancia dos nenos e nenas, neste caso é a nai de Adele, que a acompaña en todo momento e lle ofrece consellos para poder superar os seus medos e desfrutar do poder e da maxia dos soños. As chaves simbolizan que, cada vez que teñamos un problema, sexamos capaces de buscar unha solución a través da imaxinación e a fantasía. A lectura deste álbum transmítelles seguridade e tranquilidade aos nenos e nenas que pasan pola mesma situación cá protagonista.

Traducións a outros idiomas e premios: pode atoparse unha autotradución da autora do álbum, Ana Meilán García, á lingua galega co título de As chaves dos soños.

Recursos educativos
No blog da autora podemos encontrar moitos recursos relacionados con este álbum e con outros libros da mesma escritora: https://www.entrenubesycuentos.com/ (consultado o 26/4/20)
Audioconto do álbum na súa adaptación ao galego: https://www.youtube.com/watch?v=XcU6f4zneqM (consultado o 26/4/20)
En un abrir y cerrar de ojos (2018). Las llaves de los sueños (comentario sobre a obra): https://www.youtube.com/watch?v=eq6hB9PpduM&t=277s (consultado o 26/4/20)

venres, 24 de abril de 2020


A casa da miña avoa

A casa da miña avoa (colección O): Amazon.es: Bruno Galan, Pep ...


Bruno, Pep (2009). A casa da miña avoa, ilust. Matteo Gubellini, Pontevedra: OQO, [36 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-210-0).

Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de cartoné do autor Pep Bruno e ilustrado por Matteo Gubellini. A cuberta amosa a paisaxe dun bosque con diversos animais de aspecto terrorífico e unha nena cun traxe azul. Na contracuberta obsérvase a continuación da paisaxe do bosque. As gardas amósanos a nena e a súa avoa voando nunha vasoira. Na portada, aparece un paxaro de cor verde e con gravata, subido no tellado da casa, mentres que o título está en letras grandes e negras. 
Dende o punto de vista do contido, nárrase a historia dunha nena que está de aniversario e a súa avoa prepáralle unha torta para celebralo. A avoa esquécese da torta na súa casa e manda a nena a buscala. Despois de cruzar o bosque, chega á casa da súa a avoa e atópase con numerosos personaxes que a asustan. Finalmente, entende que o único que querían era felicitala polo seu aniversario. 
 
O álbum presenta imaxes a toda páxina, acompañadas dun breve texto. O texto aparece en cor negra para facilitar a súa visualización e fai uso da letra grosa e exclamacións para destacar algunhas palabras. As cores que predominan son cálidas e cunha gran variedade. As ilustracións son moi representativas e claras e mostran un grande apoio para o texto.

 Potencialidades: a lectura deste álbum permite traballar na aula o tema do medo e dos prexuízos a través de personaxes caracterizados como monstros. Coñecer este conto permite reflexionar sobre a necesidade de non xulgar sen coñecer e a que tomen consciencia de que as aparencias enganan. Ao longo de todo o álbum é preciso activar os coñecementos previos para identificar a personaxes moi coñecidos polos máis pequenos, aínda que neste conto non están pensados para meter medo, senón para xogar coas expectativas do lectorado e sorprendelo. 

   Recursos: Non atopamos recursos para este conto

 Fiz coleccionista de medos


Fiz, o coleccionista de medos (colección O): Amazon.es ...


 Casalderrey, Fina (2009). Fiz, o coleccionista de medos, ilust. Teresa Lima, Pontevedra: OQO, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-207-0). 

  Descrición do formato e contido da obra: albúm ilustrado de cartoné da autora Fina Casalderrey e ilustrado por Teresa Lima. A cuberta móstranos unha representación de tres dos medos sinalados no conto sobre un fondo azul. Na contracuberta podemos observar outra representación dun medo sinalado na obra. En canto ás gardas, tanto as iniciais como as finais, amósanos o mesmo medo en tamaños diferentes, primeiro máis grande e despois máis pequeno. Na portada, aparece a representación dun guindastre suxeitando o sol e a lúa, mentres que o título aparece en grande con letras negras. 
  Dende o punto de vista do contido, nárrase a historia dun neno que tiña tantos medos que decide coleccionalos e gardalos nun baúl. Un día convidou aos seus amigos a gardar os seus medos nun baúl e descobren que eles tamén teñen outros medos. Finalmente deciden dedicarse a atrapar medos e os seus vanse facendo cada vez máis pequenos.
  O álbum presenta imaxes a toda páxina, acompañadas dun breve texto que aparece sempre nunha esquina da páxina e en cor negra para facilitar a súa visualización. Recórrese ao emprego da letra grosa para destacar algunhas palabras. As cores que predominan son cálidas, aínda que cunha gran variedade. 

  Potencialidades: a lectura desta obra permite traballar na aula o tema dos medos e inseguridades propias da infancia. Coñecer a historia de Fiz permite reflexionar sobre a relevancia de aprendermos a nos enfrontar aos nosos medos, nun proceso necesario de autocoñecemento. A historia tamén permite fomentar o diálogo e a expresión dos sentimentos e emocións de cada un de nós ante situacións diferentes. 
Recursos:


luns, 13 de abril de 2020

Os sete cabritos

Os sete cabritos (colección O): Amazon.es: Alonso García, Tareixa ...
Alonso, T., & Lima, Teresa. Os sete cabritos. Pontevedra: OQO, [40 pp.]. (ISBN: 978- 84- 96788- 67-1).


Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado adaptado por Tareixa Alonso e Teresa Lima. A cuberta amosa a un lobo que ten na man unha careta de cabrito. Na contracuberta obsérvase un fondo azul e en pequeno podemos ver unha casa con árbores ao redor. En canto ás gardas, ámbalas dúas amosan dúas mans, unha negra e outra branca, entre elas obsérvase un fío e unha tesoira. Na portada vemos a un cabrito sobre un fondo branco camiñando, este leva un caldeiro colgado nun dos seus brazos.
Este álbum, baseado nun conto clásico popular, cóntanos a historia dunha familia de cabritos. Un día a nai deixa sós aos seus sete fillos e dilles que teñan coidado e non lle abran a porta a ninguén, xa que o lobo pode presentarse na casa e atacalos. Cando a súa nai se foi, petaron á porta e eles preguntaron quen era, contestou unha voz que non era a da súa nai, polo tanto os cabritos non abriron a porta e así sucesivas veces. Ata que unha vez o lobo conseguiu enganalos, entrou na casa e comeu a todos os cabritos menos ao máis pequeno. Cando a súa nai chegou contoullo todo e foron ao río onde estaba o lobo para rescatar aos seus irmáns. Finalmente a nai consegue salvar aos seus fillos e mételle pedras na barriga ao lobo, que acaba caendo no río do peso.
O álbum presenta imaxes a toda páxina, acompañadas de bastante texto pero fácil de ler. As imaxes permítennos seguir a historia sen necesidade de ter que ler. O seu estilo é moi suxestivo, presentando xogos interesantes tanto para os pequenos coma para os adultos. O texto conta con partes dialogadas e cun narrador que nos presenta a historia e nola vai contando ata o final. A gama cromática é variada, predominando as cores cálidas e vivas sobre o fondo de cor terra e pasteis. Salienta tamén o xogo coa tipografía, que por momentos destaca palabras concretas para chamar a atención sobre elas, caso dos números, por exemplo.
Potencialidades educativas: coa lectura deste álbum ilustrado podemos traballar cos nenos e nenas de educación infantil a importancia que ten obedecer sempre aos nosos pais e ás nosas nais; e o sentido da responsabilidade, como por exemplo a de quedar sós e soas na casa. Por outro lado podemos traballar o tema do medo, tal e como tiñan os sete cabritos cando o lobo chamaba na súa porta; a aprendizaxe dos números ou a loita do ben contra o mal. Por outra parte, a gran importancia que adquire a ilustración nesta obra, permite desenvolver a competencia visual dos máis pequenos e traballar a lectura a través das imaxes.
Recursos educativos:
Versión animada do conto en: https://www.youtube.com/watch?v=HqaZKQFbOjQ (consultado o 30 de marzo de 2020).

martes, 7 de abril de 2020

A min non me comas!


Mazo, Margarita del (2011). A min non me comas, ilus. Vitali Konstantinov, trad. Laura Rubio, Pontevedra: OQO editora, col. 0, [36 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-324-4).
Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado de Margarita del Mazo, encadernado en cartoné e con dimensións 25x23cm. Na cuberta presenta aos protagonistas: un monstro cunha boca moi grande, na cal ten moitos dentes e unha lingua moi longa da que caen dúas gotas de baba, e dúas mans grandes cuns dedos puntiagudos. Xusto no medio destas mans está un neno agarrando o seu oso peluche. A contracuberta garda relación coa cuberta, pois aparece un anaco do brazo e do corpo do monstro, tamén aparecen imaxes simulando a boca do monstro e na parte inferior sae un bicho pequeno escupindo cara a arriba a unha especie de caveira. As gardas son en cor vermella, ao igual que a cuberta e a contracuberta, adiantando así as tonalidades que se empregan no álbum. Nelas aparecen ósos, osos, reloxos, fantasma, bichos extraños, bocas, monstros… anticipando o que ocorre dentro do conto. Na portada aparece a boca do monstro co título do álbum dentro e debaixo están algúns dos bichos presentes nas gardas.
A min non me comas! conta a historia de Mateo, un neno que dorme co seu osiño de peluche e que esperta unha noite porque escoita un ruído detrás da porta. Ese ruído foi causado por un monstro que o quere comer, entón Mateo dille que non o coma, que lle estará máis bo o seu osiño e que o coma a el. Deste xeito, Mateo vai buscando aos membros da súa familia para que durman con el e cando aparece o monstro, dille que coma a quen estea con el. Pero chegará un punto no que Mateo se cansa de que coman á súa familia e plántalle cara ao monstro.


O narrador é heterodiexético, pois é o encargado de presentar os protagonistas, introduce o conflito e pecha a historia. A súa intervención recóllese cunha letra de menor tamaño. A estrutura é lineal, pois nela van pasando as diferentes persoas ás que come o monstro, para ao final acabar vomitándoas e Mateo dicindo que xa non volveu ver monstros no seu cuarto. Este estilo favorece a musicalidade e o ritmo. O texto está escrito en letras grandes para facilitar a lectura da historia, algunha palabras ou onomatopeas aparecen en maiúsculas, creando así un xogo tipográfico co que se pretende captar a atención do lector e aportar intensidade a determinadas accións, tamén emprega aclaracións que van entre parénteses e letras máis pequenas. Os campos semánticos máis empregados son o da familia (nai, tía, irmán); o das emocións (asustado, enfadado…) e o das cousas cotiás (abrigo, cama, pixama…). A vermella é a tonalidade máis empregada, de xeito que as outras cores que aparecen (negro e branco) están difuminadas sobre o fondo vermello, resaltando así a sensación de medo.
Dende o punto de vista da lectura visual xógase coas proporcións, xa que o monstro é moito máis grande ca o neno e os elementos que aparecen no conto. A disposición das imaxes son a toda páxina, coa presenza de diferentes planos para remarcar certos momentos. Aínda que no texto non fai referencia aos bichos ou ósos que aparecen na maioría das páxinas, estes permiten unha interpretación do que está ocorrendo, como resultado da acción que leva a cabo o monstro. Ocorre o mesmo cos reloxos, que aparecen en todas as páxinas, mesmo poden aparecer dous ou tres nunha. Estas ilustracións acentúan o simbolismo e comprensión da historia. Tamén destacar que na maioría das páxinas, na parte inferior, aparecen as seguintes siglas: MMXI e VK. Estas poden ser as inicias da autora e do ilustrador.
Esta obra tamén está dispoñible en castelán.
Potencialidades educativas: entre as potencialidades que ofrece A min non me comas! cabe destacar a reflexión ao redor de cómo enfrontar e superar o que nos dá medo e aprender a xestionar as emocións que sentimos. Tamén permite falar da importancia da familia e dos seres queridos para superar calquera medo que teñamos e sentirnos arroupados. 
Recursos educativos: 
CPI dos Dices (2011). Experiencia educativa nunha aula de Educación Infantil cun contacontos de A min non me comas!, en https://www.youtube.com/watch?v=fHB5jbJMU0Q&index=103&list=UUCMczPOHPRC1REuRmYPN7Og (consultado o 21/03/2020).
CRA de Culleredo (2014). Experiencia educativa nunha aula de Educación Infantil cun contacontos de A min non me comas!, en http://www.edu.xunta.gal/centros/craculleredo/node/725 (consultado o 21/03/2020).

luns, 30 de marzo de 2020

Martín Gris



Aguirre, Zuriñe (2016). Martín Gris. Alicante: Fun Readers [36 pp.]. (ISBN: 978-84-9444-122-6).

Breve descrición do formato e contido: Álbum ilustrado con tapa dura e cunhas dimensións de 25x25 cm. Na cuberta aparece o título da obra en letras maiúsculas e brancas cun debuxo de Martín, o protagonista, que parece sorprendido porque na súa cabeza está medrando unha árbore, isto adiántanos o que lle sucede a Martín no transcurso da obra.  As ilustracións son moi coloristas e reflicten moi ben as preocupacións que ten o protagonista. A obra narra a historia de Martín, un neno que non ten color, é branco e negro porque está apagado, sen enerxía e triste porque ten moitas preocupacións.

Potencialidades educativas: Martín desperta cada día con medo de que algo da súa apariencia cambie e iso faga non gustarlle aos demais. Unha das principais potencialidades que se poden traballar é aprender a superar e afrontar o medo a non gustar, os nenos/as teñen que aprender que o realmente importante está no interior de cada un/ha, pero tamén hai que ensinarlles que os cambios son algo natural e que todos/as, dalguna maneira u outra, os experimentamos. Outros aspectos importantes son o amor materno-filial e  ensinarlles a que aprendan a ver o lado positivo das cousas (como fai a nai de Martín). O álbum conta cunha animación interactiva para que nenos e nenas poidan ver dende o ordenador unha versión ampliada da obra.

Recursos de interese:
Blog Orientapas. Neste blog ofrecen una proposta didáctica sobre este libro con preguntas coas que se poden facer reflexionar aos nenos/as. (2017), en http://orientapas.blogspot.com/2017/12/martin-gris-un-album-ilustrado-sobre.html

domingo, 12 de febreiro de 2017

Paula y su cabello multicolor

Parets Luque, Carmen (2014), Paula y su cabello multicolor, Madrid: Createspace (2-6 años), [24 pp.] (ISBN: 978-14-9936-533-7).

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado que se caracteriza por ser de formato mediano e rectangular, con cantos rematados en punta e as tapas de cartón brando. Na cuberta aparece a personaxe principal e sobre ela un rótulo branco co título do libro e o nome da escritora. As cores empregadas son moi vistosas e localízanse unicamente no pelo de Paula, focalizando así a atención no elemento principal da obra. Na contracuberta do libro aparece a mesma imaxe que na cuberta, pero neste caso non está definida e as cores son moi suaves. Nela descríbese o obxectivo do libro e as emocións que aparecen recreadas nel: alegría, tristeza, enfado e medo.


No interior da obra, as páxinas pares teñen unhas ilustracións, caracterizadas por uns toques de cor nos elementos principais que representan unha emoción, sendo o demais de cor branca. Nas páxinas impares aparece o texto en maiúscula, sempre relacionado coa ilustración da seguinte páxina. Emprégase un vocabulario sinxelo, facendo así que sexa fácil comprender a historia. Ao longo do libro van narrándose diferentes situacións cotiás e cómo Paula sente cousas diferentes en cada unha delas, cambiando así a cor do seu pelo.





Potencialidades: con esta obra búscase que os máis pequenos recoñezan as emocións e poidan expresalas dun xeito positivo e saudable. Ademais, ao relacionalas con hábitos da vida cotiá conséguese que os nenos e nenas poidan identificar os sentimentos de alegría, tristeza, medo e enfado dunha forma máis sinxela.

sábado, 11 de febreiro de 2017

Cuando Ana tiene miedo

Janisch, Heinz (2002), Cuando Ana tiene miedo, ilust. Barbara Jung, trad. Frank Schleper, Zaragoza: Edelvives, (0-5 anos), [35 pp.] (ISBN: 84-263-4902-1).



Breve descrición do formato e contido: obra que se caracteriza por ter unha forma rectangular e alongada e tapa dura. Por unha banda, na garda dianteira aparece unha imaxe cun fondo de cores escuras onde aparece unha nena que semella estar temerosa por algunha razón. Enriba da nena e sobre o fondo, está o título da obra en dúas cores (azul e vermello) e coa palabra “miedo” de diferente tamaño que o resto. Ao lado dereito dos pés da nena,  pódese observar o nome tanto do autor coma da ilustradora, mentres que á dereita se mostra o da editorial. Por outra banda, na garda traseira aparece o mesmo fondo, pero esta vez amósase un debuxo da mesma nena cun gran sorriso e, sobre isto, unha breve descrición da obra. 
. 
En canto ao interior da obra, a toda páxina (par e impar), represéntanse diversas ilustracións do máis psicodélicas, é dicir, que manifestan o que a nena ten na súa mente. As cores son moi variadas, con moitos contrastes entre cores máis escuras e máis claras que semellan estar pintadas con pinceladas marcadas, algunhas finas e outras grosas, sen unha delimitación clara que separe os personaxes do fondo. Os textos son breves, todos co mesmo formato e situados na parte inferior de cada páxina, que fan referencia aos diversos debuxos representados.
O contido trata a historia dunha nena que cando ten medo á hora de deitarse, chama a través da súa imaxinación a todos os seus amigos, os cales a protexen e a axudan a eliminar tal sentimento, cada un dun xeito diferente. Finalmente, a parte máis importante é cando a nena se chama a si mesma e di “¡Ana no tiene miedo de nada!”, poendo así durmir tranquila con todos os seus amigos, a excepción dun deles que queda vixiando.

Potencialidades: o que pretende esta obra é convidar os nenos/as a identificarse coa personaxe, que cando ten medo enche a súa mente dun mundo moito máis divertido, máxico e seguro para ela, todo coa axuda duns amigos moi especiais. A maiores, poténciase de xeito simultáneo a imaxinación, dando renda solta ao universo infantil, axudándolles ao mesmo tempo a superar os seus temores e a facilitar a odisea de quedar durmidos. Así mesmo, a simplicidade das oracións favorece a comprensión da historia e anímaos a introducirse na ledicia que supón ler, estimulando do mesmo xeito a súa linguaxe.