Mazo, Margarita del (2011). A min non me comas, ilus. Vitali Konstantinov, trad. Laura Rubio, Pontevedra: OQO editora, col. 0, [36 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-324-4).
Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado de Margarita del Mazo, encadernado en cartoné e con dimensións 25x23cm. Na cuberta presenta aos protagonistas: un monstro cunha boca moi grande, na cal ten moitos dentes e unha lingua moi longa da que caen dúas gotas de baba, e dúas mans grandes cuns dedos puntiagudos. Xusto no medio destas mans está un neno agarrando o seu oso peluche. A contracuberta garda relación coa cuberta, pois aparece un anaco do brazo e do corpo do monstro, tamén aparecen imaxes simulando a boca do monstro e na parte inferior sae un bicho pequeno escupindo cara a arriba a unha especie de caveira. As gardas son en cor vermella, ao igual que a cuberta e a contracuberta, adiantando así as tonalidades que se empregan no álbum. Nelas aparecen ósos, osos, reloxos, fantasma, bichos extraños, bocas, monstros… anticipando o que ocorre dentro do conto. Na portada aparece a boca do monstro co título do álbum dentro e debaixo están algúns dos bichos presentes nas gardas.
A min non me comas! conta a historia de Mateo, un neno que dorme co seu osiño de peluche e que esperta unha noite porque escoita un ruído detrás da porta. Ese ruído foi causado por un monstro que o quere comer, entón Mateo dille que non o coma, que lle estará máis bo o seu osiño e que o coma a el. Deste xeito, Mateo vai buscando aos membros da súa familia para que durman con el e cando aparece o monstro, dille que coma a quen estea con el. Pero chegará un punto no que Mateo se cansa de que coman á súa familia e plántalle cara ao monstro.
O narrador é heterodiexético, pois é o encargado de presentar os protagonistas, introduce o conflito e pecha a historia. A súa intervención recóllese cunha letra de menor tamaño. A estrutura é lineal, pois nela van pasando as diferentes persoas ás que come o monstro, para ao final acabar vomitándoas e Mateo dicindo que xa non volveu ver monstros no seu cuarto. Este estilo favorece a musicalidade e o ritmo. O texto está escrito en letras grandes para facilitar a lectura da historia, algunha palabras ou onomatopeas aparecen en maiúsculas, creando así un xogo tipográfico co que se pretende captar a atención do lector e aportar intensidade a determinadas accións, tamén emprega aclaracións que van entre parénteses e letras máis pequenas. Os campos semánticos máis empregados son o da familia (nai, tía, irmán); o das emocións (asustado, enfadado…) e o das cousas cotiás (abrigo, cama, pixama…). A vermella é a tonalidade máis empregada, de xeito que as outras cores que aparecen (negro e branco) están difuminadas sobre o fondo vermello, resaltando así a sensación de medo.
Dende o punto de vista da lectura visual xógase coas proporcións, xa que o monstro é moito máis grande ca o neno e os elementos que aparecen no conto. A disposición das imaxes son a toda páxina, coa presenza de diferentes planos para remarcar certos momentos. Aínda que no texto non fai referencia aos bichos ou ósos que aparecen na maioría das páxinas, estes permiten unha interpretación do que está ocorrendo, como resultado da acción que leva a cabo o monstro. Ocorre o mesmo cos reloxos, que aparecen en todas as páxinas, mesmo poden aparecer dous ou tres nunha. Estas ilustracións acentúan o simbolismo e comprensión da historia. Tamén destacar que na maioría das páxinas, na parte inferior, aparecen as seguintes siglas: MMXI e VK. Estas poden ser as inicias da autora e do ilustrador.
Esta obra tamén está dispoñible en castelán.
Potencialidades educativas: entre as potencialidades que ofrece A min non me comas! cabe destacar a reflexión ao redor de cómo enfrontar e superar o que nos dá medo e aprender a xestionar as emocións que sentimos. Tamén permite falar da importancia da familia e dos seres queridos para superar calquera medo que teñamos e sentirnos arroupados.
Recursos educativos:
CPI dos Dices (2011). Experiencia educativa nunha aula de Educación Infantil cun contacontos de A min non me comas!, en https://www.youtube.com/watch?v=fHB5jbJMU0Q&index=103&list=UUCMczPOHPRC1REuRmYPN7Og (consultado o 21/03/2020).
CRA de Culleredo (2014). Experiencia educativa nunha aula de Educación Infantil cun contacontos de A min non me comas!, en http://www.edu.xunta.gal/centros/craculleredo/node/725 (consultado o 21/03/2020).
Ningún comentario:
Publicar un comentario