mércores, 22 de abril de 2020

Cornelio



Lionni, Leo (2019). Cornelio. Pontevedra: Faktoría K de Libros, [36 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-452-1).

Descrición do formato e do contido: álbum ilustrado de tapa dura. A cuberta presenta unha imaxe grande do protagonista, un crocodilo de cor verde, que vai andando sobre dúas patas e camiñando en terreo firme. Na contracuberta aparece unha xungla cun monte de fondo e o nome da colección “Tras os montes”. Nas gardas vense unhas follas verdes rematadas en punta sobre un fondo branco. Na portada aparece unha xungla e na parte superior o nome de Cornelio en vermello e enriba o nome do autor.

A temática é a perseveranza, diferenza e aprendizaxe, polo que permite traballar cos nenos e nenas a diversidade e o poder da curiosidade como medio para novas aprendizaxes, así como a importancia do esforzo por logralas e o afán de superación. Cornelio é un crocodilo que naceu coa capacidade de camiñar a dúas patas, polo que podía ver cousas que o resto de crocodilos non podían. Esta habelencia convérteo nun ser moi curioso, que botou a andar e coñeceu a un mono, quen lle ensinou algúns dos seus trucos a Cornelio. O crocodilo cando voltou xunto ao resto de crocodilos ensinoulles o que aprendera, concretamente a colgarse da cola nas árbores. Aparentemente ao resto de crocodilos non lles parecía interesante, aínda que cando decidiu marchar puido observar que o resto de crocodilos estaban tentando poñer en práctica os trucos que lles ensinou Cornelio. O texto está narrado en terceira persoa, estruturado en breves parágrafos e cunha forte dependencia das imaxes a toda cor en cada páxina.

As ilustracións son a dobre páxina. Os personaxes que aparecen son os crocodilos e un mono, así como o hábitat no que viven. A disposición das figuras é sempre de orientación cara á dereita, animando ao lectorado a seguir avanzando nas páxinas da historia para saber que ocorre.

Potencialidades: a lectura deste libro permite traballar cos nenos e nenas os distintos gustos, habelencias e capacidades que temos todos e que iso é respectable. Tamén se incide na importancia de manter a curiosidade, dado que permite aprender cousas novas. Outro aspecto é tamén o valor do esforzo e o afán de superación por conseguir o que nos propoñemos. Por outra parte, tamén é un texto que axuda a entender que a diferenza é fundamental e que cada un de nós ten que ser un mesmo, ademais de que aprender e probar é necesario para experimentar e medrar.

Recursos

Carmen y Rustichello (Room to play) (10 de marzo de 2020). Carmen e Rustichello leggono CORNELIO di Leo Lionni. Obtido do arquivo:https://www.youtube.com/watch?v=sJTgkYQIGS8 (consultado o 21/04/2020).

Cañón, Ruth (agosto, 2013). Recursos y actividades para trabajar la educación intercultural en el aula en Ed. Infantil y Ed. Primaria. ResearchGate.Recuperado de:

Ningún comentario:

Publicar un comentario