mércores, 22 de abril de 2020

El monstruo de colores va al cole.

El monstruo de colores va al cole






Llenas Serra, Anna (2018). El monstruo de colores va al cole. Barcelona: Flamboyant, [44 pp.]. (ISBN: 978-84-9488-324-8).



Descrición do formato: álbum ilustrado de Anna Llenas con cubertas de cartón duro e tamaño de 25x25 cm. Na cuberta principal aparece o protagonista, o monstro de cores coa súa mochila vermella, nervioso ante o enfrontamento á súa nova aventura e unha amiguiña. O fondo de dita portada é de cor branca. O protagonista, como o resto das ilustracións ao longo do conto son de cores variadas e moi vistosas, rechamantes para a vista dos lectores. Realizados posiblemente coa intención de semellar a un debuxo infantil, xa que tanto o monstro de cores, coma unha amiguiña que se mostra na cuberta, teñen trazos de debuxo infantil. Ademais, tamén se pode observar o emprego de elementos que destacan algunhas palabras no título como o cartón pintado de termos como “cole”. Na parte superior aparece tamén o nome da autora. Na contracuberta, tamén de cor branca, aparece un pequeno resumo do contido da obra, acompañado dunha imaxe do monstro de cores no seu baño peiteándose e aseándose. As gardas están cheas de imaxes dos distintos monstros de cores en diversas situacións da vida cotiá. A portada é moi sinxela, ao amosar o título do conto en letra negra acompañado do nome da autora sobre un fondo branco de novo. No interior, as follas son grosas e resistentes. As ilustracións son de carácter figurativo, con contornos en lapis e estilo infantil. A disposición é a ocupar unha páxina e mostra moitas cores e moitos elementos rechamantes para calquera lector/a. En ocasións tamén son empregados elementos como recortes de xornal pintado ou cartóns.




O texto é moi breve e con xogos de tipografía para destacar palabras concretas e dirixir a atención cara a elementos semánticos de interese para o desenvolvemento do contido. A voz narrativa é unha terceira persoa e a linguaxe é moi sinxela e directa, o que favorece a comprensión dos máis pequenos/as.

Dende o punto de vista do contido, a historia está protagonizada polo monstro de cores, o cal se enfronta ao seu primeiro día de escola. Está nervioso posto que non sabe nin o que é. Pero pronto descobre que é un lugar onde lle esperan moitas aventuras e coñecer moitos novos amigos.


Potencialidades: a lectura desta obra trata principalmente o tema do medo ás experiencias novas, en concreto á escola, e da amizade. A medida que pasan as páxinas deste conto, imos descubrindo as rutinas e as vivencias que o noso monstro de cores vai presenciando. Tamén coñeceremos distintas dinámicas da escola e aos seus compañeiros de aula. A lectura da obra permite reflexionar sobre a importancia da escola e a parte positiva que ten a súa asistencia. Outra das temáticas destacadas neste conto son as distintas emocións que experimenta o noso protagonista, estados anímicos polos que pasa durante a súa nova experiencia que o lectorado debe identificar e aprender a xestionar. Tamén salienta no relato a importancia da conversa e a busca de acordos, así como o uso do vocabulario, especialmente no campo dos adxectivos.


Recursos de interese:

Aula de Elena (2018, setembro 25). El monstruo de colores va al cole- videocuento. [Arquivo de vídeo] https://www.youtube.com/watch?v=cP66Fyl3ej0 (consultado o 21/04/2020).

Cuentos para crecer (2017). El monstruo de colores. Actividades y materiales. https://cuentosparacrecer.org/blog/el-monstruo-de-colores-actividades-y-materiales/ (consultado o 21/04/2020).

Ningún comentario:

Publicar un comentario