Pérez
Otero, Amalia e Casado, Michael. (2008). O
libro das Illas Cíes. Vigo: Edicións A Nosa Terra. Promocións Culturais
Galegas, col. Contos das illas. [32 pp.]. (ISBN:978-84-8341-286-2).
Descrición do formato e contido: álbum ilustrado no que as
imaxes son moi importantes para comprender a historia. Conta
con tapas de cartón duras e as páxinas son satinadas, o que permite unha maior calidade das imaxes. As
medidas son 25x23 cm. Os debuxos son con formas redondeadas e as cores que
predominan son escuras, como verdes, azuis e marróns. O texto está sempre a un
lado e deixando ver con claridade as imaxes.
En canto ao argumento, céntrase
na viaxe dun grupo de nenas e nenos ás Illas Cíes, durante a que deixan o lixo polo chan, arrincan as
flores e teñen unha actitude de pouco respecto coa natureza. A súa actitude será reprendida por un ser máxico, un
trasno, que as defende e protexe de todo. El será o que
impida que os nenos contaminen toda a illa.
Potencialidades: a lectura desta obra permite reflexionar
sobre as viaxes a paisaxes con características particulares, como son as Illas
Cíes, reserva natural da biosfera. Tamén serve como aproximación ficcional a un
espazo real, que o lectorado podería visitar en calquera momento. A perspectiva
ecoloxista e de coidado do medio tamén permite traballar a conciencia e
sensibilización dos máis novos cara á reciclaxe e o coidado do medio natural.
Recursos
de interese:
Narración do conto que se pode seguir
en: [Isabel Maceira]. (2013,maio 4). O libro das Illas Cíes. [Arquivo de vídeo]. Recuperado
de: https://www.youtube.com/watch?v=x42RRsYTHFA (consultado
o 13/04/2020).
Videoconto: [Os7sabios]. (2014, xullo14). O libro das Illas Cíes. [Arquivo
de vídeo]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=00aJjohSkWQ.
(consultado o 13/04/2020).
[Piratas de Nabia]. (2014, xuño 12). Islas Atlánticas de Galicia- vídeo
didáctico. [Arquivo de vídeo]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=QC3yvfJabu8(consultado
o 13/04/2020).
Este libro gustoume moitísimo! Ademáis de ensinar un dos paraísos máis máxicos que existen en Galiza como son as Illas Cíes, incita na importancia do coidado do medio, da contaminación e o respecto cara as cousas que non son nosas e que se merecen ser valoradas. Con este libro poderían realizarse múltiples actividades con nenos/as, por exemplo, unha visita onde poideran observar o tipo de aves que alí viven ou para coñecer as diferentes praias que alí están presentes. É un álbum cunhas ilustracións moi rechamantes e reais que pretende incorporar aos lectores na Illa coñecendo as normas que alí están establecidas.
ResponderEliminar