Aliaga, Roberto (2008). A boneca e a castañeira. ilust. Maja Celija. Pontevedra: OQO, 48 pp. (ISBN: 978-84-9871-068-7).
Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado de Roberto Aliaga e Maja Celija, de 15x20 cm. Ten unha encadernación en cartoné e está escrito en galego (aínda que tamén hai edición en lingua castelá). Na cuberta pódese ver unha boneca de porcelana nun escaparate dunha tenda de xoguetes e en letra pequena aparecen os nomes dos autores. Na contracuberta aparece unha anciá na neve, mentres volve á casa. No interior aparece o texto, que se complementa coas ilustracións, propiciando unha lectura textual e visual moi rica. As imaxes son de cores escuras, xa que está ambientado no inverno, con predominio de marróns e azuis.
Desde o punto de vista do contido, un narrador en terceira persoa conta a historia de Marcela que ten unha boneca de trapo. Cando se aproxima o Nadal a avoa pon un posto de castañas en fronte a unha tenda de xoguetes, onde venden unha boneca de porcelana. Un día un señor sae da tenda todo apurado e cáelle un agasallo que levaba. A avoa recólleo e dáse conta de que é a boneca de porcelana que ela considera tan fermosa e lévalla con toda a ilusión á súa neta, consciente de que a súa falta de medios nunca lle permitira gastar os cartos en xoguetes tan caros. Toda ilusionada, regálalla a Martina, quen ao final prefire a súa vella boneca de trapo.
Potencialidades educativas: a lectura de A boneca e a castañeira, versión actualizada do conto clásico de Hans Christian Andersen, permite reflexionar sobre o valor que lle damos aos obxectos que queremos. Reflexionar sobre o superfluo dos produtos na sociedade de consumo é fomentar lectores críticos, capaces de valorar o realmente importante e cuestionadores do consumismo. Tamén permite abordar temáticas como a imaxinación e a creatividade, xa que nos mostra que non necesitamos xoguetes moi elaborados ou caros para divertirnos. Con esta obra ponse en valor tamén o xoguete tradicional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario