xoves, 23 de abril de 2020

Un bicho extraño




Daporta, Mon (2009), Un bicho extraño, ilust. Oscar Villán, trad. Chema Heras, Vigo: Faktoría K de libros, (+3 anos), [14 pp.]. (ISBN: 9788496957671).

Descrición do formato da obra: trátase dun álbum ilustrado cun tamaño de 18x22 cm, unha encadernación de tapa dura e esquinas redondeadas. A cuberta é gris e nela podemos observar o título con letras grandes e brancas nun fondo negro, acompañado de dúas imaxes dun animal; na contracuberta, aparece un rabo longo en proporción ao animal que se atopaba na cuberta. 
Con respecto á tipografía, a letra está en maiúsculas e é bastante grande, o que a fai máis lexible para os nenos/as. O feito de que teña frechas que vaian indicando por onde hai que seguir a lectura, convérteo nun álbum aínda máis fácil de ler e manipular. É un texto que está escrito en verso e é rítmico, o que anima a seguir a lectura e a memorizala. Empréganse palabras familiares, sinxelas e nalgunhas ocasións repítense. A estrutura deste conto é circular, xa que empeza e termina no mesmo punto, de modo que se podería ler infinidade de veces. Esta característica fai peculiar esta obra e chama aínda máis a atención dos cativos. Podemos consideralo un libro-xogo, xa que o eixe central é unha historia sen fin, é dicir, un conto que non se termina nunca de contar xa que o seu final está conectado co seu principio.

Dende o punto de vista do contido, nada máis empezar a obra, comezamos observando un bicho moi raro, parece un ovo. Segundo imos avanzando as páxinas, iremos vendo como lle aparecen mans, nariz, rabo ou orellas. Ao chegar ao final da historia, a obra convídanos a virar o libro e seguir lendo o texto para deconstruír a caracterización do animal que acabamos de coñecer: un rato. Unha vez que viramos o libro poderemos ler todas aquelas liñas que antes nos aparecían boca abaixo. Así o que semellaba un ovo e se converteu nun rato, agora vai perdendo todos os atributos por mor dun raio que caeu e do susto foi perdendo partes ata quedar como o vimos ao principio.
As ilustracións son absolutamente necesarias e moi atractivas (aínda que non sexan moi coloridas), xa que reflicten o relatado no texto. Non é unha obra que chame moito a atención a primeira vista polos tons apagados e a aparencia estática do elemento central de forma redondeada que é primeiro un ovo e despois un rato. 

Potencialidades educativas: a lectura desta obra permítenos traballar diferentes aspectos como as partes do corpo, os diferentes tamaños, os fenómenos meteorolóxicos etc. A linguaxe sinxela favorece que os nenos/as adquiran dunha maneira mais fácil os coñecementos. A obra axúdanos a aumentar a nosa imaxinación e creatividade ao ter que adiviñar quen pode ser o animal, este segredo non se resolverá ata o final do libro. Isto acaba influíndo na incerteza dos cativos/as e aumenta o desexo de seguir lendo e manipulando o libro.

Recursos educativos:
Vídeos da narración da historia en castelán: https://www.youtube.com/watch?v=Qu2VJi84t4A (consultado o 21/04/2020)
Vídeos da narración da historia en castelán con diversos recursos: https://www.youtube.com/watch?v=1nWQHTyBoPs (consultado o 21/04/2020)

Ningún comentario:

Publicar un comentario