sábado, 18 de abril de 2020

Así es mi corazón


WITEK, Jo (2014). Así es mi corazón, ilust. Christine Roussey, trad. Gabriela Keselman. Madrid: Bruño, (a partir de 3 anos), [32 pp.]. (ISBN: 978-84-696-0143-3).

Descrición do formato: álbum ilustrado traducido ao castelán e cuxa primeira edición é de 2014. Está encadernado en cartoné con dimensións 27 x 26 cm. O formato presenta unha cuberta cun corazón troquelado sobre un fondo branco, cuxo tamaño se reduce en cada páxina. Por enriba do corazón atópase o título da obra partido polo debuxo da nena que conta a historia. Na contracuberta, tamén sobre un fondo branco, aparece a mesma nena vestida de heroína que desprende estrelas e bota corazóns, e xusto por debaixo un breve resumo, o resto de álbums da mesma colección, o código de barras co ISBN e o selo CE, que sinala que o álbum cumpre coas disposicións aplicadas.
As gardas son diferentes pero están relacionadas: a primeira garda está formada por un fondo de cor vermella e por corazóns pequenos de cor branca; a segunda garda está formada por un fondo de cor branca, sobre o que aparecen corazóns de maior tamaño que na outra garda e de diferentes cores, ademais dos datos do álbum e os dereitos. Ademais da portada, que é a mesma imaxe que a da cuberta pero sen a nena no título, o álbum conta cun prólogo no cal hai dúas dedicatorias, unha escrita pola autora e outra escrita pola ilustradora: “Al pequeño corazón que todos tenemos acurrucado en nuestro interior”, de Christine Roussey; e “A todos los que me quieren como yo soy, y a todos los que quiero yo”, de Jo Witek.

Descrición do contido: este álbum ilustrado aborda as emocións da nena protagonista quen, a través do seu corazón, explica os sentimentos que experimenta en diferentes ocasións. Comeza falando do seu corazón, que é como unha casiña na que pasan moitas cousas e que vai abrir a porta; de seguida conta que cando está contenta o seu corazón parece unha estrela grande e brillante, cando quere vivir aventuras o seu corazón vólvese tan alto e forte que chega ás nubes, cando está enfadada o seu corazón berra, patexa e parece que vai explotar e así sucesivamente contando as emocións que sente.
No relacionado coa lingua que se presenta, atópanse comparacións en todo o texto e predomina o campo semántico dos sentimentos (contenta, enfadada, tranquila...) pero tamén aparece o campo semántico dos animais (elefante, lobo e esquío), das partes do corpo (corazón, meixelas, brazos...) e das accións (voar, gritar, explotar, romper...).

As ilustracións: a estrutura do conto segue sempre a mesma secuencia: na páxina impar sempre aparece o texto con ilustracións relacionadas co contido; na páxina par aparece sempre o debuxo que máis representa o texto. Por exemplo, na páxina impar aparece o texto falando de que o seu corazón é como unha casiña e na páxina par aparece unha casiña cor de rosa. Desta forma, o troquelado do corazón ten en cada páxina unha cor diferente. As ilustracións das páxinas impares son sempre dun tamaño proporcionado unhas con outras, mestres que as ilustracións das páxinas pares ocupan a maior parte da mesma, pasando para a páxina impar en moitas ocasións.


Potencialidades: este álbum ilustrado, cunha linguaxe sinxela, é un bo instrumento para traballar as emocións e os sentimentos e así axudar aos nenos e nenas a recoñecer os seus sentimentos e os dos seus iguais. Esta proposta aprovéitase para que aprendan a expresarse e ensinándolles que é bo dicir o que sentimos, con liberdade. Outro aspecto interesante da obra é o recurso ao troquelado, que se converte en elemento vertebrador e motivador da lectura, ao incidir materialmente na temática central da obra e permitir interactuar coa obra a través da exploración táctil.

Recursos:
Aula de Elena (2015). Así es mi corazón – videocuento. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=SeQs_5kEyuY&feature=emb_logo (consultado o 17/4/20).
Cuentos para crecer (2016). Así es mi corazón. Materiales y actividades. Recuperado de: https://cuentosparacrecer.org/blog/asi-es-mi-corazon-materiales-y-actividades/ (consultado o 17/4/20)

2 comentarios:

  1. Este libro paréceme moi interesante para traballar nun aula de infantil, xa que axuda os nenos e nenas a recoñecer os seus sentimentos e as suas emocións e tamén aprenden a recoñecer os sentimentos dos demais.

    ResponderEliminar
  2. Este libro paréceme moi interesante para levar a cabo nunha aula de educación infantil xa que, trata temas moi importante como as emocións e saber expresar os seus sentimentos. Nas primeiras etapas é moi importante traballar cos nenos e nenas estes temas para que poidan expresar como se senten en cada momento, poder comprender aos demais e favorecer o compañeirismo.
    Deste libro tamén destacaría o troquelado xa que, me parece un elemento moi importante que axuda a que os nenos/as mostren interese e a unha maior interacción entre alumnos/a-mestre/a.

    ResponderEliminar