luns, 13 de abril de 2020

Marea Negra










Carreiro, Pepe (2003). Marea Negra. Vigo: Edicións A Nosa Terra/ Promocións Culturais Galegas, col. Contos do Miño. [28 pp.]. (ISBN: 84-96202-69-0).

Descrición do formato e contido: Marea Negra é un libro ilustrado de tapas duras de cartón e cun papel satinado. É cuadrangular (25x23cm) e de tamaño mediano. Presenta imaxes en toda a cuberta e contracuberta que nos dan pistas do que nos vai contar o libro. Estas imaxes son utilizadas despois no interior do libro. Na cuberta podemos ver o mar cheo de alcatrán e as gaivotas intentando escapar, mentres os animais da granxa observan o que acontece. As cores predominantes neste libro son en tons fríos, predominando o azul e o gris. Os debuxos son moi sinxelos e semellan estar feitos a carbón e con liñas que non están moi delimitadas e ben rematadas.
En canto ao argumento desta obra de Pepe Carreiro, achéganos a un acontecemento histórico que pasou en Galiza en 2002, cando un petroleiro derramou todo o seu petróleo polos mares de Galiza e causou unha catástrofe en toda a nosa terra. Este libro conta o naufraxio dun barco petroleiro que enche o mar de alcatrán. A vida das gaivotas vese afectada, na ribeira atopábase unha granxa con varios animais, nesta granxa había un gran porco que era o xefe, o resto dos animais decidiron recorrer a el para buscar axuda pero recibiron unha resposta negativa pola súa parte e despreocupouse totalmente do asunto. Os animais decidiron botarse ao mar para reanimar as súas compañeiras as gaivotas. O porco ao mirar como se axudaban entre eles decidiu levarlles uns grans de millo ás gaivotas pero a resposta dos seus compañeiros foi botalo da súa granxa. Os animais salvaron a todas as gaivotas e puideron vivir todos xuntos e felices sen a marea negra. Ao longo do texto atopamos o campo semántico dos animais e do mar.



Potencialidades educativas: A lectura deste libro do escritor galego Pepe Carreiro permítenos traballar diferentes aspectos cos nosos alumnos e alumnas. Por un lado podemos traballar o tema do “Prestige”, un acontecemento histórico en Galiza e así coñecer un pouco máis sobre a cultura galega e compartir con eles unha situación que lles tocou vivir aos seus avós e pais, tomando consciencia das graves consecuencias que tivo na vida mariña esta catástrofe. Na historia podemos ver outro tema que é a empatía e a solidariedade, como reflicte o feito de que os animais da granxa que axudan as gaivotas. Esta acción ten un resultado positivo, que se reflicte na convivencia harmónica de todos os animais, mentres que os que actúan mal son expulsados e rexeitados, como lle ocorre ao porco. A obra ofrece ademais diferentes niveis de lectura, pois os adultos poden ver nela unha metáfora da clase política que xestionou naquel momento a catástrofe en Galicia.

Recursos de interese:
Vídeo sobre a marea negra e o que pasou: [Oscar López Quintero] (2010). La marea negra del Prestige [Archivo de vídeo]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=jFVvTp4YZ98 (consultado o 12/04/2020).

Comentarios de rapazas e rapaces sobre a marea negra: Lobo, R. (2003, xaneiro 18). La marea negra, vista por los niños. Fisterra: El País. Recuperado de https://elpais.com/diario/2003/01/18/espana/1042844417_850215.html (consultado o 12/04/2020)

Ningún comentario:

Publicar un comentario