Amosando publicacións coa etiqueta muller. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta muller. Amosar todas as publicacións

venres, 1 de maio de 2020

El Libro Rojo de las Niñas



Romero, Cristina (2016). El Libro Rojo de las Niñas, ilust. Francis Marín. Tenerife: OB STARE

Descrición do formato
Atopámonos ante un álbum ilustrado fabricado en cartoné. A artífice desta obra foi Cristina Romero, unha escritora, educadora e nai catalá. Xunto co ilustrador Francis Marín crearon este libro de 48 páxinas. Este conto poderíaselle ler a crianzas de máis de tres anos, aínda que o considero tamén adecuado para aquelas que teñen 8 ou 9, cando está a punto de baixar a menstruación. A lingua na que se escribiu foi a castelá. 
As cubertas están tinguidas dunha intensa cor vermella, que simboliza a menstruación, un dos temas que se tratan na obra. Na cuberta atopamos o título en letras minúsculas e grandes. A caligrafía semella a un estilo antigo, xa que a forma dos grafemas é alongada e estreita. Debaixo deste aparecen o nome da autora e do ilustrador, nunha fonte de menor tamaño. Un debuxo ocupa a maioría do espazo. No medio, hai unha grande árbore, que simboliza a vida e a natureza. Rodeándoa, aparecen moitas persoas, a maioría mulleres. Algunhas están aleitando aos seus bebés, outras agarimándose… As súas expresións son de calma e sosego, transmiten un sentimento de grupo e tribo. Isto é así, xa que este conto pertence á Colección Cuentos en Tribu como lemos na contracuberta. En letras brancas, colocaron un fragmento de texto que pertence ao conto. Na parte inferior, o ilustrador debuxou a tres nenas (ou nenos) abrazando a unha loba. Hipoteticamente esa referencia pode representar a unha femia e podería estar relacionada con Luperca, a crianza e a vida. 
As gardas son de cor vermella, simbolizando o poder e a menstruación (aínda que este non sexa o tema principal da obra). Antes da portada, atopamos os agradecementos dedicados pola autora e o ilustrador. Na seguinte páxina redactaron os datos bibliográficos sobre un fondo nun ton crema. A portada está tinguida tamén desta cor. Sobre ela, coa mesma caligrafía da cuberta, trazaron o título, autora e ilustrador. Porén, un ceo de estrelas desprégase sobre a páxina e, baixo estas, unha persoa deitada na herba, desfrutando do panorama. O texto está redactado en minúsculas, cun tamaño máis ben pequeno. Algunhas frases ou palabras importantes, resáltanas en maiúsculas. 

Contido
El Libro Rojo de las Niñas… por que vermello? Este libro vén a tratar o poder que as nenas e mulleres levamos dentro. A autora quixo crear un acompañamento para que o desenvolvemento das pequenas sexa harmonioso, pero tamén para as adultas, para a reconciliación. Todas e todos somos diferentes, pero as nosas vidas teñen o mesmo valor. Cristina quere lanzar a mensaxe de que somos únicos, un milagre. Este está dedicado ás nenas, pero ten outro libro para os rapaces: El Libro Dorado de los Niños. Ambos pertencen á colección Cuentos en Tribu, a cal lanza unha mensaxe de diversidade, paz, amor e reconciliación. Todo isto a través da tribo, do grupo. 
Un recurso moi empregado nesta colección é o simbolismo. O vermello representa a forza e o poder que levamos as rapazas dentro. A loba, animal recorrente, tamén simboliza isto xunto coa crianza e a vida. A natureza está moi presente, xa que a tribo está nun contacto constante con ela e reflicte tamén a nosa conexión coa terra. Para representar a menstruación, fano cun mar bravo no cal as mulleres temos que loitar cada mes. Pero é parte de nós. Case de todas. A nosa sintonía coa lúa, esa unión mística entre o ser humano e a terra. O libro convídanos a amarnos, a traballar a nosa autoestima. En calquera etapa da vida. Non sempre somos felices, pero debemos loitar por selo. 
O texto está escrito en primeira persoa do plural e segunda do singular. Isto fai que a lectora se sinta aludida, que lle dea a marabillosa sensación da sororidade. A autora quixo transmitir ese sentimento de grupo, de tribo, de solidariedade e amor. Non hai diálogos, xa que a narradora achega toda a información. En canto aos recursos literarios atopamos elementos como metáforas, por exemplo: “en nuestro interior llevamos la semilla del nuevo mundo”. Que se refire á vida, ás novas xeracións pero tamén á posibilidade de cambio.
As páxinas desta obra están tinguidas dun ton crema, menos dúas, cuxa cor vermella resalta entre tanta cor clara. As ilustracións realizáronse cun material fino e delicado, trazando liñas dun xeito moi suave. Os contornos das persoas son de cor viño. Hai elementos que están coloreados, coma o mar, a lúa, e o sangue. Francis tamén empregou a técnica de difuminar para representar a loba. As perspectivas que ofrecen son diversas: plano medio, xeral, detalle… En canto á disposición, hai debuxos a dobre páxina e tamén que ocupan tan só unha. A expresividade das personaxes transmite calma e sosego, na liña de El Libro Violeta. Outra similitude que atopamos con esta obra, que tamén pertence á colección Cuentos en Tribu, é a da imaxe simbólica dun humano, en posición fetal e baixo terra. Encima del, hai un brote. As primeiras follas da esperanza e a vida. 

Potencialidades educativas
Considero que o tema principal para traballar con nenas e nenos de Educación Infantil é a autoestima. Debemos fomentar o amor e a aceptación dende as idades máis temperás. Un bo autoconcepto vai da man dunha boa saúde mental. Temos que querernos e aceptar os cambios dos nosos corpos. Para aceptalos debemos coñecelos previamente, xa que se os ignorásemos, sorprenderíanos. A menstruación parece algo moi afastado da primeira infancia pero é un tema do que debemos falarlles para introducilos á sexualidade e á comprensión do mundo e dos nosos corpos. Incluso nos daría pé a ver e comezar a entender a lúa, como satélite e como figura que inflúe en nós, na marea, nos cultivos… ou polo menos que iso din as lendas populares. A diversidade e a tolerancia son outros temas que se poderían traballar con este conto, xa que lanza a mensaxe de que somos únicos, non hai ninguén igual a min pero todas e todos somos igual de válidos. Eu non son máis nin menos ca os outros.

Recursos na rede
Versión en linguaxe de signos e unha voz en off que o narra na canle da propia editorial en Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=kFOy--kk374 (consultado o 20/4/20). 

Facebook do libro, no que se poden atopar vídeos e artigos relacionados cos temas que se tratan nel: https://www.facebook.com/ellibrorojodelasninas (consultado o 20/4/20).

Cuando las niñas vuelan alto




Díaz Reguera, Raquel (2017). Cuando las niñas vuelan alto, Barcelona: Lumen (4-8 anos).

Descrición do formato: álbum ilustrado de Raquel Díaz Reguera (Sevilla, 1974) escrito en lingua castelá, cuxa lectura é convencional. Ten 48 páxinas e fabricouse en cartoné. A cuberta presenta a tres nenas vestidas con prendas de diferentes cores, vivas e luminosas. Cada unha porta diferentes obxectos, o que leva a pensar que realizan actividades diversas. De esquerda a dereita, a primeira toca un violín, a do medio ten unha avioneta no alto da cabeza e vai caracterizada como unha piloto e a terceira ten un libro na man que está espallando letras e un paxaro no pelo, elemento que podería simbolizar a imaxinación. Cada unha representa un mundo diferente: o da música, o da literatura e o da aventura. O feito de que sexan tres leva a pensar na simboloxía que ten este número na tradición contística europea, onde moitas obras empregan este mesmo elemento, caso de Os tres porquiños ou Os tres desexos. Están sobre un chan con matices ocres, escasa vexetación e un fondo branco cun tenue estampado de puntos. Tamén atopamos o título, o nome da autora, da editorial e un adhesivo que nos informa de que é a 6º edición, acompañada dunha frase: “Las alas de las niñas no se ven, pero te harán volar muy alto”. A contracuberta está caracterizada por unha cor azul suave que representa o ceo. Nel están as tres rapazas sobrevoándoo nunha avioneta, cada unha coas súas calidades, como na cuberta. Debaixo delas aparece un fragmento da obra, o seu resumo e a editorial. Nas gardas, tanto iniciais coma finais, atopamos unha ilustración de moitas ás de bolboreta xuntas, de diversas cores, todas moi vivas, o que está adiantando o contido do libro. O animal seleccionado para ilustrar e acompañar este álbum é a bolboreta, xa que esta simboliza a liberdade e é considerado belo e “bo” pola sociedade. Na portada repítense os datos da cuberta e unhas ilustracións de ás do animal anteriormente nomeado e un paxaro. Á esquerda atopamos os datos bibliográficos sobre unha cor lisa e clara tamén. O texto do conto está en minúsculas. As verbas importantes ou destacables, aparecen en maiúsculas ou nun maior tamaño. As cores empregadas son da mesma gama que as da cuberta e contracuberta.

Contido: O título de Cuando las niñas vuelan alto pódenos levar a pensar na imaxinación e nos soños que teñen as nenas. Está relacionado co contido do texto. Primeiro presenta a tres nenas (Adriana, Jimena e Martina) con cadanseu soño. Despois contrapón a un señor chamado SIQUIERESPUEDES, que é o que tece as súas ás. É curioso que a autora reflectise nun home a figura redentora. Tal vez lle quixese dar o sentido de “aliado” feminista. As figuras dos antagonistas representan as dificultades e barreiras invisíbeis que sufrimos as mulleres. Estes son: DON NOLOCONSEGUIRÁS, SR. REFLEJOS, Señor-ITA, SRA. BELLEZAEXTERIOR e SR. DESIGUALDAD. O que fan estas personaxes é colocar pedras nas posesións das nenas para que non poidan voar. Estas pasan por unha crise pero ao liberarse das rochas, voan outra vez ben alto, alcanzando así os seus soños. 
A historia cóntaa un narrador heterodiexético, xa que presenta aos personaxes, introduce o conflito e pecha a historia. Tamén hai diálogos entre as personaxes. Estes reflicten como se senten as mozas e como van mudando o seu parecer. Carece de saltos no tempo, polo tanto posúe unha arquitectura textual lineal. O texto ten comparacións (ex: “ligera como una pluma”) e metáforas. A máis destacable é a das pedras. Estas representan todos os prexuízos e estereotipos que sofren as mulleres, que fan que nos vaiamos ancorando. Fan xogos de palabras, especialmente significativas en casos como o do responsable de coser as ás sexa das rapazas, SIQUIERESPUEDES.
As ilustracións constan de diferentes tipos de perspectivas: plano xeral, medio curto, enteiro e detalle, nos que aparecen todas as personaxes. A gama de cores é similar á da cuberta, sendo estes tons vivos e luminosos, menos os dos antagonistas. Eles e elas están representados cunha vestimenta negra e a pel azul, violeta e verde (coma as de bruxas, ogros ou outros monstros). Atopamos entón unha dualización, asimilando as cores brancas ao bo e as escuras ao malo. Ademais, os corpos destes son bicudos, carecen de formas redondeadas. Isto transmite rudeza e frialdade. Os antagonistas tamén teñen ás, pero estas pertencen a animais peor vistos pola sociedade, como son o morcego e a libélula. A lectura das ilustracións achéganos imaxes simbólicas, como a das protagonistas reflectidas distorsionadamente no espello, a aparición de animais ou obxectos que evocan a liberdade (paxaros, bolboretas, avionetas, nave espacial de marcianos…). As expresións faciais non son moi representativas, non se observan con claridade os seus sentimentos. Tamén hai debuxos a dobre páxina e outros que non e algúns que transmiten movemento, coma o das nenas correndo. 

Potencialidades educativas: a lectura deste conto é moi útil para traballar o empoderamento feminino, a superación das barreiras patriarcais, a abolición dos estereotipos de xénero, a idea social de desigualdade e beleza exterior, a autoimaxe, o autoconcepto e incluso a sororidade. Salientan todos estas temáticas polo enfoque de contraposición e perspectiva dicotómica:  bo-claro, malo-escuro, que tamén pode ser cuestionado.