Amosando publicacións coa etiqueta bondade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta bondade. Amosar todas as publicacións

martes, 14 de abril de 2020

A CASA DA MOSCA CHOSCA



MEJUTO, Eva e Sergio MORA (2008). A casa da mosca chosca. Pontevedra: Kalandraka. [40 pp.]. (ISBN 13: 978-84-8464-155-1).

Descrición do formato e do contido: álbum ilustrado en galego de Eva Mejuto e Sergio Mora,que é unha adaptación dun conto popular ruso. Os temas principais do álbum son a diversidade de personaxes que se presentan na obra, a amizade, a bondade, a xenerosidade, a solidariedade, a tolerancia, o respecto, a igualdade e a inclusión. Non só se atopan temas positivos senón tamén o egoísmo ou os celos. Trátase dun álbum acumulativo, que asenta en estruturas paralelísticas e reiterativas.
Dende o punto de vista formal, trátase dun libro de tapa dura de formato mediano e cadrado 22 x 22 cm. Na cuberta vese o título da obra e a imaxe dunha mosca conlentes voando, que se caracteriza polo seu sorriso de orella a orella. A contracuberta recrea a manta da cama da mosca chosca e do mantel da mesa que utiliza para comer a torta co resto dos animais.

Dende o punto de vista do contido, cóntase a historia dunha mosca que vivía no bosque e decidiu construír unha casa. Para inaugurar o seu fogar preparou unha torta de amora e o seu arrecendo foise espallando polo bosque. Entón comezou a recibir visitas de distintos animais atraídos polo aroma da torta. Así, un escaravello, un morcego, un sapo, unha moucha, unha raposa, un lobicán pasan a ser os convidados da mosca chosca, pero cando se dispuñan a merendar chegou o oso, que non estaba convidado, e e comeu toda a torta dun bocado!
As ilustracións están deseñadas con cores moi rechamantese con elementos paródicos, que provocan a risa. O foco central da obra ten lugar na casa da mosca chosca e cada personaxe ten asociado un adxectivo, que remarca unha característica da súa personalidade. O estilo deste álbum caracterízase por ser un conto rimado, o que favorece a memorización, e por un encadeamento que incide no xogo de inferencias.

Potencialidades: a lectura desta obra permite traballar rima, a memorización, o ritmo e a cadencia sonora da lingua. Con este tipo de obras foméntase a conciencia fonolóxica dos máis novos e a súa consciencia dos mecanismos da propia lingua, ademais de facelo dende o ludismo e a diversión. Outra potencialidade é aprender os números cardinais e ordinais,dado que se xoga con enumeracións e secuenciacións, propio da linguaxe matemática. Coa mosca chosca tamén se poden coñecer diferentes animais e observar os seus tamaños. Tamén se abordan valores como a solidariedade, bondade e honestidade, así como a xenerosidade e hospitalidade da que fai gala a protagonista, que promove unha convivencia harmónica na diferenza.

Recursos educativos:
Versión animada da obra con imaxes do álbum: https://www.youtube.com/watch?v=CfzEpFwj1_E (consultado o 13/04/2020).

Versión animada da obra con imaxes do álbum: https://www.youtube.com/watch?v=lXFgnQTawqk (consultado o 13/04/2020).

Versión animada da obra https://www.youtube.com/watch?v=wuaZm2ttRrw (consultado o 13/04/2020).

Versión animada da obra con imaxes do álbum: https://www.youtube.com/watch?v=_N82tboBtNw (consultado o 13/04/2020).

Versión animada do álbum por alumnos/as de 6º de infantil. https://www.youtube.com/watch?v=CyL1fCiQ26Q (consultado o 13/04/2020).

venres, 28 de abril de 2017

Oso atrapabolboretas

Isern, Susana (2012), Oso atrapabolboretas. Pontevedra:OQO editora, (+3 anos). [36 pp.] (ISBN: 978-84-9871-377-0).


Breve descrición do formato e contido da obra: É un álbum ilustrado, onde a través das ilustracións, informa o lector de moitas máis accións que o texto non narra.O paso do tempo pode lerse na follaxe que se volve vermella ou acaba por desaparecer en diferentes momentos da historia.
Existe tamén un paralelismo entre o espazo do lago —lugar no que fai vida Oso— e o do ceo —onde se recuperará da caída na auga— tanto pola cor cincenta como polo xogo da dobre páxina.
Un oso vivía no bosque e o que  máis lle gustaba era andar de paseo e coleccionar cousas que atopaba nas árbores.Un día apareceu un ganapán no alto dunha rama.—Que podería facer con isto?As aparencias enganan. Ao contrario do que poida parecer,usa o ganapán para salvar bolboretas cando caen ao lago e o seu grande nariz para que se sequen rápido e poidan volver mover as ás.
Potencialidades.
É unha historia sobre a bondade, onde a inclinación natural do protagonista cara ao ben é indiscutible: protexe dun modo admirable as bolboretas por iniciativa propia e sen esperar nada a cambio.Tamén trata sobre a amizade que nace entre Oso e a enorme bolboreta, Branca, quen o acabará rescatando non só do lago senón tamén da súa soidade.
Busca facilitar que o lector se identifique co protagonista mostrándonos aos animais humanizados.
As bolboretas neste conto son, para Oso, unha especie de tesouro inaccesible. Por iso é polo que a ilustradora mantén unha distancia nos encadramentos e non xoga con primeiros planos sobre elas.
En cambio, o tratamento visual da bolboreta grande, Branca, é diferente, enxalza o seu protagonismo entre todas as demais e outórgalle maior expresividade ao xogar coas súas ás, debuxarlle ollos...
De igual forma, xogou coa acumulación progresiva dos obxectos que colecciona Oso para ofrecer unha narración paralela á historia. Así, antes de atopar a bolboreta grande, aparecen amontoados na súa barca “como unha especie de barricada que protexe a súa soidade”. Finalmente, acaban atopando o seu lugar e a súa funcionalidade cando Branca entra na súa vida, como lle ocorre a Oso cando o ganapán aparece na súa.