Amosando publicacións coa etiqueta a amizade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta a amizade. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de maio de 2020

Coas mans baleiras




Tortosa, Ana (2010): Coas mans baleiras, ilust. Cecilia Varela, trad. Laura Rubio. Pontevedra: OQO, [36 pp.]. (ISBN 978-84-9871-237-7)


Descrición do formato e contido: álbum ilustrado de lectura convencional. No seu formato físico (cuxas dimensións son: 25x23 cm) ten unha cuberta de tapa dura onde figura na parte superior o título do conto, os nomes da autora Ana Tortosa e a ilustradora Cecilia Varela na parte inferior esquerda e na inferior dereita o nome da editorial OQO. Na ilustración da cuberta podemos apreciar unha rapaza enriba dun tentáculo dun polbo agarrada a temón. Ela ten unha expresión alegre e sorrinte. O fondo da ilustración é dunha cor azul celeste semellando un ceo descuberto nun día soleado, estas cores fannos sentir calma e tranquilidade. O temón que suxeita a nena e os tentáculos do polbo indícanos que non está capitaneando un barco, posto que o temón está só, o que remite cara a un sentido simbólico. Nas gardas aparecen con ilustracións de tentáculos, que desta vez suxeitan outras cousas, como un gato negro ou un acordeón. Na portada aparecen de novo tentáculos suxeitando unha pipa de fumar, da cal saen diferentes letras. Na páxina de títulos de crédito figuran os nomes das autoras do conto, ilustracións e tradución, así como tamén o nome da editorial e a data da publicación, xunto con dúas dedicatorias, unha da autora: “Para ti, que me enches as mans…” e outra da ilustradora: “A todos os polbos e gatos”. Na ilustración central nesta ocasión o polbo suxeita unha cunca de café cun peixiño saltando nela. O fondo destas dúas páxinas da portada é dunha cor amarela moi suave. 
O texto e as ilustracións que se presentan son debuxos realistas en cores suaves. En todas as páxinas están presentes dúas personaxes que acompañan a nena protagonista, Alba, que son o polbo e un gato negro. O texto que atopamos acompañando as ilustracións son frases sinxelas e moi breves, pero cunha gran forza e carga emotiva. 
Este conto é unha conversa entre Alba e un narrador omnisciente que vai relatando a historia de Alba e a busca dun agasallo para o aniversario de Mario. Un día Alba é convidada ao aniversario de Mario e ela quere atopar un agasallo para non ir coas mans baleiras. Polo camiño busca algo que lle poida gustar ao seu amigo… Pero decátase de que todo o que se lle ocorre el xa o ten, polo que chega á súa casa e non ten ningún regalo para Mario ou iso pensaba ela. Porén, o seu amigo explícalle que o mellor regalo é ela e a súa compañía nunha data tan especial. 


Potencialidades: A lectura desta obra permítenos abordar temas coma o materialismo, a imaxinación, a natureza e a amizade. Ao longo do conto vanse dando pistas sobre como é Mario, grazas aos regalos que se lle ocorren a Alba, “E se lle levo auga de mar?” “Non, iso xa o ten, porque está nos seus ollos”, os nenos e nenas poden imaxinarse como podería ser Mario a través destas descricións, nas que se comparan os elementos presentes na natureza con características de Mario e a súa personalidade. Nestas páxinas atopamos un elemento sempre presente, o mar, e moitas referencias mariñeiras. É importante destacar o personaxe do polbo xigante que aparece ilustrado, referencia moi característica de lendas mariñeiras, pero neste caso non se representa coma unha besta feroz, senón que é amigo da protagonista e a acompaña na súa historia, cunhas ilustracións que axudan a humanizar a este personaxe, ofrecendo así unha imaxe tenra e amigable. Tamén é unha referencia característica o outro personaxe que acompaña a Alba, o gato, característica que tamén fai referencia ao mundo mariñeiro, xa que ata non fai moito os mariñeiros levaban sempre a bordo algún gato para axudarlles a controlar os ratos. No final do conto ofrece unha visión moi importante sobre o tema do materialismo, que se contrapón á afectividade e á amizade, como recoñece Mario, quen representa a experiencia das persoas maiores, o que incide tamén na valoración dos anciáns. 

Traducións a outros idiomas e premios:
Este álbum ten edición en lingua castelá, galega, portuguesa, francesa e inglesa

Te quiero (casi siempre)




Llenas, Ana (2015): Te quiero (casi siempre), Madrid: Espasa Infantil, [52 pp.]. (ISBN: 978-84-6704-370-9). 


Descrición, formato e contido: álbum ilustrado de lectura convencional. No seu formato físico (cuxas dimensións son: 27x27 cm) ten unha cuberta de cartoné, onde figuran os protagonistas do conto, Lolo e Rita, voando cun fondo azul que semella o ceo, aparece tamén o título do conto e o nome da autora e ilustradora, Anna Llenas. Nas gardas observamos unhas ilustracións que semellan uns ovos, ou se cadra unhas nubes. É importante destacar que estas ilustracións son fotografías nas que aparecen as personaxes e todos os elementos están feitos en cartón e papel de distintas cores. No interior aparece a páxina de título de créditos coa información da edición e a portada cos mesmos datos da cuberta sobre fondo branco.
Nesta historia preséntase a dous personaxes, Lolo e Rita. Lolo é un bicho bóla e Rita é un vagalume. Eles son moi diferentes e gústanlles cousas distintas, pero quérense moito pese ás diferenzas. Amósanos un amor moi diferente ao doutros contos, onde todo parece perfecto e non hai problemas, aínda que en realidade se producen tensións e desencontros debidos ás personalidades diferentes que caracterizan ás personaxes, que aprenden a respectarse e aceptarse tal e como son.


Potencialidades: entre as potencialidades da lectura desta obra salienta o respecto polas diferenzas individuais e persoais. O amor que amosa a obra non ten porque ser un amor de parella exclusivamente, senón amor entre persoas, amigos e amigas, familias etc. Outra potencialidade é aprender a ser comprensivos, saber perdoar e aceptar as particularidades. 


Traducións a outros idiomas e recursos:
O idioma orixinal do conto é o castelán: Te quiero (casi siempre), aínda que tamén ten tradución ao catalán. Entre os recursos que podemos atopar sobre este conto eliximos unha canción, Te quiero (casi siempre) la canción, de Anna Llanas e Yo soy ratón (Manu Rubio), podemos atopar tamén un novo formato do conto en pop-up e materiais descargables na web da autora.



mércores, 13 de maio de 2020

A vaca que puxo un ovo

CUTBILL, Andy e RUSELL Ayto, (2017). A vaca que puxo un ovo. Vigo: Patas de Peixe (ISBN: 978-84-9368-423-5). 

A Vaca Que Puxo Un Ovo: Amazon.es: Cutbill, Andy, Ayto, Russell ...Descrición do formato e contido: álbum ilustrado escrito por Andy Cutbill que conta coas ilustracións de Ayto RusellL, composto por 54 páxinas e encadernado en cartoné. É un libro dirixido a nenos e nenas a partir dos 4 anos. Presenta na cuberta un fondo fucsia e unha ilustración onde aparece a protagonista do libro, Marjorie, que mira con ilusión un ovo. Marjorie é de cor branca con manchas negras, ao igual que o ovo. Esta imaxe ocupa o lado dereito da cuberta, o título do libro ocupa todo o lado esquerdo e o autor e ilustrador apenas ocupan espazo, os seus nomes están situados na parte inferior. A contracuberta conta cun fondo que representa un espazo da granxa onde vive a protagonista e onde se poden ver tres vacas facendo malabares, con Marjorie nunha esquina cunha nube gris enriba dela a pesar de que o ceo está azul e sen máis nubes, a protagonista está falando con tres pitas. Tamén, hai un pequeno resumo do conto e abaixo de este o nome da editora e o ISBN.
As gardas son brancas, con manchas en forma de círculos negros que representan as manchas que ten Marjorie e o ovo. Despois da garda hai unha anteportada cun fondo branco e onde aparece tres pitas en fila, esta páxina dá lugar á portada, que ao igual que a anteportada é branca e nela pódese ver ademais do título do libro, que ocupa case toda a páxina, o nome do autor e do ilustrador.
O texto é breve, a fonte utilizada é sinxela, as frases son curtas e claras, cedéndolle o protagonismo ás imaxes, aínda que nalgunhas ocasións aparecen en letra grosa e máis grandes para darlle maior importancia ao que se di. As ilustracións están feitas con trazos sinxelos e son fáciles de identificar, estas imaxes son a dobre páxina. As cores empregadas son de tonalidades fortes, aínda que se utiliza tamén o negro cando é de noite e representa o misterio. Algunhas escenas preséntanse a modo de banda deseñada, o que fai que os lectores as observen con atención.
O narrador é heterodiexético e conta a historia en terceira persoa, mestúrase coas voces dos personaxes que dialogan. Os personaxes principais do conto son animais, as vacas e as pitas. A protagonista é Marjorie, unha vaca que estaba triste porque non se sentía especial xa que, non sabía montar en bicicleta nin dar un pinchacarneiro como as outras vacas, polo que as súas amigas as pitas deciden intervir e colócanlle un ovo onde ela dorme, á mañá seguinte Marjorie berra ¡puxen un ovo!. Finalmente, o que sae de dentro dese ovo é unha pita, pero ao saír di «Muuuuuuu»

Potencialidades educativas: A través deste conto pódense traballar varios temas, desde os animais que viven nunha granxa, a idea do autoconcepto e a autoestima xa que, Marjorie está triste por que non sabe facer as cosas que fan as outras vacas, valores como a amizade e a solidariedade por parte das galiñas, tamén permite reflexionar sobre o amor filial e os tipos de familia.

martes, 12 de maio de 2020

Chocolata

  
Núñez, Marisa (2006). Chocolata, ilustr. Helga Bansche. OQO Editorial, [40 pp.]. (ISBN: 84-96573-63-X).

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado, con cubertas de cartoné e cunhas dimensións de 25x23cm. Na cuberta aparece a imaxe dunha habitación e dentro unha hipopótama, Chocolata, que é a protagonista da historia, cun curto vestido rosa. Chama a atención porque ten unha grande envergadura, ao seu carón atopamos un paxaro que a vai acompañar en todas as escenas do conto e, ao outro lado están os seus zapatos. Tamén aparece o título do conto, o nome da autora, da ilustradora e da editorial. No lombo podemos observar o título do conto e o logotipo da editorial. Na contracuberta aparece o mesmo escenario de fondo que na cuberta, ademais dunha bañeira e un bikini, os datos da editorial, colección, o ISBN e o código de barras.
No interior, as gardas presentan un fondo de color amarelo pastel e pequenos debuxos xeométricos, que teñen relación coa historia do conto, a cabeza do mono, da hipopótamo, os zapatos, o paxaro etc. Na portada aparecen os mesmos datos da cuberta, o paxaro que acompaña a protagonista cunha mochila e sentado nunha maleta grande, o nome da escritora, da ilustradora e da editorial, acompañado na páxina de título de créditos de todos os datos da edición.
As ilustracións son grandes, sinxelas e vistosas e amplían a información aportada polo texto. Nelas sempre destaca a protagonista porque adoita ser máis grande que o resto. As expresións dos personaxes axudan a entender as emocións que están a vivir e recréanse lugares que remiten cara a unha ambientación en África, xa que algunha das ilustracións están compostas por persoas e vestimentas que nos transportan a ese lugar. A tipoloxía do texto é de letras grandes, que adoitan cambiar cando falan as personaxes a máis grosas, acompañadas por signos para darlle énfases cando así o require a historia. Tanto as ilustracións coma o texto apóianse en todo momento e cada dobre páxina configura unha unidade de sentido, o que fai que as crianzas entendan a historia vendo os debuxos. O narrador en terceira persoa combínase cos diálogos que teñen os protagonistas.
Dende o punto de vista do contido, este conto narra a vida dunha hipopótama que vive na selva e desfruta da vida e dos baños canda os seus amigos, ata que un día o mono Teófilo lle conta que na cidade hai unha casa de baños, así que decide ir para probala. Ao chegar á cidade e ser observada polas persoas decide adaptarse ás normas, visita varias tendas de roupa, zapatos, restaurantes etc. e despois deste percorrido pola cidade visita a casa de baños, onde o pasa moi ben, aínda que descobre que o seu tamaño non se adapta ben á oferta, pero valora sobre todo a compaña doutros animais. Cando xa decide marchar, merca un agasallo para o seu amigo Teófilo, regresando ao día seguinte á selva cos seus amigos, aos que lles contou a súa odisea na cidade.


Potencialidades: a lectura desta historia protagonizada por Chocolata é moi acaída para as crianzas, xa que con ela se poden traballar temas como a amizade, a autoestima, a ilusión, a importancia de non ter medo das novas experiencias, a capacidade para adaptarse a novos contextos, a curiosidade por experimentar... De modo máis secundario poderíanse abordar cuestións como o problema da obesidade que padece a protagonista e a súa capacidade para buscar solución a todo, así como o seu optimismo ante as dificultades. As ilustración axudan a traballar coas crianzas conceptos como os contrarios (alto- baixo, grande pequeno) e permiten recrear historias secundarias ás que non se fai referencia no texto, como o paxaro que acompaña a Chocolata, que atopa unha parella despois de liberala dunha gaiola.

Recursos de interese: 

exploradores3a. Chocolata canción [ Arquivo de vídeo]. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=RogBI1rJQKg (consultado o 28/04/2020)

Matemáticas español para niños. Actividades cuento chocolata https://describirmas.blogspot.com/2019/05/actividades-cuento-chocolata.html (consultado o 28/04/2020)

mércores, 29 de abril de 2020

A Cebra Camila



Núñez, Marisa (2000). A Cebra Camila. Ilust. Óscar Villán, Pontevedra: Kalandraka, col. Demademora, [32 pp.]. (ISBN:978-84-8464-126-1).



Descrición do formato e contido: A Cebra Camila é un álbum ilustrado de Marisa Núñez e o ilustrador Óscar Villán. O libro ten unha estrutura cadrada, de 22 x 22 cm, o que facilita o seu manexo tanto por adultos coma crianzas. As súas cubertas son de tapa dura, encadernado en cartoné, o que lle proporciona unha estrutura resistente de cara ao uso na aula ou na casa. Na cuberta atopamos a protagonista da historia, Camila, unha cebra cativa que terá un incidente coas súas raias. Camila está de pé sobre unha bola ou montaña, non se aprecia a simple vista que é. Esta ilustración vén rodeada por dous círculos en diferentes cores, acompañados do título da obra, o nome da autora, do ilustrador e o grupo editorial na esquina inferior dereita. Na contracuberta atopamos o nome da colección, “Demademora”; o código de barras co ISBN do libro; a páxina web de Kalandraka, na que atopamos todos os libros desta editorial e unha pequena ilustración dun caracol sobre unha pelota verde, semellante á que observabamos na cuberta.

Cando nos introducimos na obra atopamos as gardas, dúas páxinas en cor azul escuro con pequenas ilustracións. Estas semellan ser raias de diferentes cores que se moven nunha dirección. A continuación atopamos unha páxina con información sobre a obra, o ano de publicación, autora, editorial etc. Rodeada por un círculo de cor beixe, ambientado sobre un fondo branco e negro, representando as cores dunha cebra. O fondo aparece nunha tonalidade máis discreta, cor beixe,acompañado polo nome da autora, ilustrador e grupo editorial, mentres que o título da obra vén enmarcado sobre un fondo a raias branco e negro.

A historia comeza presentándonos a Camila a través dun pequeno texto rimado. O texto da obra está escrito en galego e vaise integrando en cada unha das páxinas cunha letra de cor negra en minúsculas. A pesar disto, presenta un tamaño adecuado para facilitar a súa visión e lectura. A estrutura da narrativa é lineal, con pequenos fragmentos rimados que se repiten ao longo da historia e fai que esta sexa máis atractiva para as crianzas. Por outra parte, o volume ten 32 páxinas, nas que as ilustracións se integran a toda a páxina de forma continua. O ilustrador emprega cores vivas para representar os protagonistas da obra e ilustracións. Para o fondo, emprega sempre a mesma cor, unha tonalidade cálida e discreta, beixe.

En canto ao contido da obra, Camila é unha pequena cebra á que lle empeza a quedar xusto o cueiro e os tirantes. O seu soño é rodar libre pola herba sen esas prendas axustadas que a súa nai lle obriga a usar, pero o seu soño converteuse nunha gran faena cando o “vento bandido” lle levou as súas raias. Camila con tristura comezará a súa aventura na que se ira atopando con diferentes personaxes ( unha serpe, un caracol, o arco da vella, etc) que lle axudaran a substituír as súas antigas raias por outras de cores.

As personaxes irán intervindo gradualmente na obra a través de diálogos con Camila. Son animais, agás un, o arco da vella. Despois da axuda de todos estes personaxes Camila regresa á casa e cóntalle o sucedido á súa nai, converténdose no último personaxe en intervir na historia. Paralelamente o narrador, en terceira persoa, vainos situando durante o transcurso da mesma.



Potencialidades: A Cebra Camila é outra historia cun forte contido educativo. A través desta obra podemos traballar dende idades moi temperás (+3) temas de interese escolar e familiar, como pode ser a autonomía, o feito de crecer, cometer os nosos propios erros etc. Camila é unha cebra teimuda que tras perseguir unha idea persoal cae nun erro que a levará a unha experiencia persoal caracterizada pola solidariedade, empatía, amizade... Tamén nos permite traballar diferentes sentimentos ou emocións.É importante que teñamos en conta a diversidade como outra potencialidade,xa que finalmente Camila é unha cebra cun corpo a raias de moitas cores que foi creando a partir da axuda e colaboración dos seus compañeiros/as. Nós construímos a nosa personalidade a través de experiencias e interaccións sociais de formas diferentes.Por outra parte a estrutura rítmica e acumulativa do texto permítenos traballar sobre conceptos como a memorización, que ademais de resultar atractiva para os cativos é moi proveitosa.



Recursos:
  
Burela, R. (2017). " A CEBRA CAMILA"- ( CONTO EN GALEGO). YouTube. Obtido de https://www.youtube.com/watch?v=wuCXO6Zz710 Revisado 7 abril 2020.

Castellá Daga, M. (2019). LA CEBRA CAMILA. Moonima. Obtido de https://moonima.site/es/taller/la-cebra-camila/ Revisado 7 abril 2020.

Landera, R. (2015). Actividad 4 - Animación Lectora La Cebra Camila. Lapequeñacerillera. Obtido de http://lapequenacerillera.blogspot.com/2015/01/actividad-4-animacion-lectora.html?m=1 Revisado 7 abril 2020.

  Desta obra é posible atopar materiais en diferentes linguas como portugués, castelán, galego, catalán, italiano e éuscaro.