Amosando publicacións coa etiqueta monstros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta monstros. Amosar todas as publicacións

venres, 10 de abril de 2020

Onde viven os monstros


Sendak, Maurice (2014). Onde viven os monstros, trad. Xosé Manuel González, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Tras os montes, [48 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-859-8)

Contido, descrición e forma: álbum ilustrado de Maurice Sendak no que se conta a historia de Max, un neno ao que lle gusta facer trasnadas e que un día, cando a súa nai o manda castigado para o seu cuarto, viaxa a un lugar fantástico. Alí coñece a uns monstros que o proclaman rei dese mundo salvaxe por ser o máis temible de todos eles. Tras pasar un tempo cos monstros e divertirse con eles decide volver á casa, xa que bota de menos a súa familia.
Trátase dun álbum ilustrado, no que as imaxes son imprescindibles para entender boa parte da historia. Na cuberta móstrase a imaxe dun dos monstros no mundo fantástico, situado na parte dereita da ilustración, no medio dun bosque e a carón do mar, no cal navega un barco. Se abrimos o libro e miramos a cuberta e contracuberta, pódese observar como a paisaxe continúa ao longo da contracuberta. Utilízanse cores escuras porque é de noite e destácase o barco con cores vivas para mostrar que forma parte da historia, xa que é o medio que utiliza Max para chegar ata o mundo dos monstros. No interior do libro o texto non está inserido nas ilustracións, que comezan sendo cadros sobre un fondo branco, pero que van aumentado de tamaño ata ocupar toda a páxina e desaparecer incluso o texto.


O narrador está en terceira persoa e os personaxes comunícanse mediante diálogos. En canto á arquitectura textual, ao longo do conto podemos atopar diversas estruturas que se repiten («medrou e medrou») e numerosas reiteracións.
As ilustracións son sinxelas aínda que se detallan os elementos importantes (como os rostros dos monstros). Utiliza unha gama de verdes e azuis e emprega a cor amarela en elementos importantes aos que fai mención explícita no texto (barco ou ollos). Emprega planos xerais ao longo de todo o conto para mostrar o lugar onde acontecen os feitos. O protagonista adoita aparecer no centro do plano ou nunha marxe cando aparecen outros personaxes.
Os personaxes son os seguintes: Max, que é o neno protagonista da historia; a súa nai, que non aparece nos debuxos, a pesar de manter diálogo; e por último, os monstros, que representan o mundo imaxinario de Max. Estes aparecen representados con dentes, cornos e gadoupas afiadas para mostrar que son feroces.

Potencialidades educativas: na época na que foi publicado este libro, nos anos 60, xurdiu bastante controversia, xa que non seguía os canons da época e o conto mostraba a un neno rebelde, ademais de que aseguraban que os monstros poderían asustar aos máis pequenos. Na actualidade é un libro que pode axudar aos nenos e nenas a sentirse identificados co protagonista e comprender que poden recorrer á fantasía para identificar os seus propios problemas, como fai Max.
Este álbum pode ser de moita utilidade en Educación Infantil para transmitir aos nenos e nenas a paixón pola lectura, moi importante dende idades temperás, ademais de traballar os contos como fonte de aprendizaxe. Nunha aula de Educación Infantil poderíase realizar unha dramatización do conto a través de marionetas ou cos nenos e nenas disfrazados, para que eles mesmos se poñan no lugar do protagonista.

Traducións a outros idiomas e premios: o libro orixinal está escrito en inglés por Maurice Sendak, publicado no ano 1963. Leváronse a cabo moitas traducións no noso país, ao galego por Xosé Manuel González, ao catalán por María Viu e tamén ao castelán por Agustín Gervás. Ademais, fóra de España realizáronse traducións a outros idiomas como o francés, o alemán, o portugués, entre outros. No ano 2009 fíxose unha adaptación cinematográfica dirixida por Spike Jonze. Este libro recibiu varios premios, entre os que destacan os seguintes: a medalla Caldecott no ano 1964, o premio Andersen ou o Boston Globe-Horn Award.

Recusos educativos
Audioconto do libro en castelán: https://www.youtube.com/watch?v=y688vDVZeH4 (consultado o 10/04/2020)
Tráiler da adaptación cinematográfica: https://www.youtube.com/watch?v=c_DOyIQktTE (consultado o 10/04/2020)