Amosando publicacións coa etiqueta convivencia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta convivencia. Amosar todas as publicacións

martes, 28 de abril de 2020

Micaela, una rana ridícula


Antón, R. e Núñez, L. (2001). Micaela, una rana ridícula. Ilust. Paz Rodero. Zaragoza: Edelvives, col. Cuentos del viejo roble, [30 pp.]. (ISBN:978-84-263-4468-7).

Descrición do formato e contido: libro ilustrado con texto en castelán de Rocío Antón e Lola Núñez e ilustracións de Paz Rodero. Este libro pertencente á colección “Cuentos del viejo roble” da editorial Edelvives, cunhas dimensións de 22x22 cm. Conta con 30 páxinas e está encadernado en cartoné. Na súa cuberta pódese ver, na parte superior esquerda, o título da obra, o nome das autoras e da ilustradora; ademais do título da colección á que pertence. Na parte inferior aparece o nome da editorial e enchendo toda a cuberta, dándolle así protagonismo, pódese ver o debuxo da protagonista da obra, a ra Micaela, sentada nun dos nenúfares da charca mentres está a contemplar sorrindo a lúa. Na contracuberta, de fondo branco, pódese ver o debuxo do vello carballo, acompañado dun breve resumo e os nomes doutros títulos da colección. Nas gardas aparecen debuxadas as follas do carballo secas, estas son en tons marróns sobre un fondo tamén da mesma cor. Posteriormente, aparece a páxina de dereitos cos datos da obra e a portada, onde se pode ver o título da obra, o nome das autoras e da ilustradora sobre un fondo de cor branca. Tamén aparece o mesmo debuxo da ra Micaela que aparecía na cuberta da obra.
En canto ao texto, emprégase unha linguaxe sinxela e directa onde a tipografía empregada é a letra ligada ou escolar. Esta é dun tamaño lixeiramente superior ao normal e é de cor negra, para facilitar a súa lectura. Ademais incorpora pictogramas para que os nenos e nenas poidan ir descifrando as palabras agochadas durante a lectura. Ao final da obra atópanse as solucións e tamén unha frase a modo de reflexión sobre os valores que traballa a obra. A disposición xeral do texto é aparecer na páxina par, mentres que na impar aparece a ilustración correspondente. As imaxes están feitas a acuarela e bordeadas cunha fina liña negra. Todas elas son de cores rechamantes, con predominio das cores que hai na natureza: azuis, verdes e marróns.
Trátase dunha obra onde o narrador do conto é unha personaxe do libro, neste caso é o vello carballo, o cal lle expón a historia da ra Micaela aos pequenos animais do bosque. Nesa historia contada polo carballo os animais do bosque din que Micaela é un espantallo e búrlanse dela pola maneira en que canta. Pero o único que ocorre é que Micaela é unha ra que quere facer amigos e que finalmente salva a os animais da charca duns lobos famentos e así é como consegue ser respectada por todos.

Potencialidades: a lectura desta obra está recomendada para nenas e nenos de 5 anos e abordar a iniciación á lectura. Ademais, tamén se poderían traballar valores como a convivencia, a resolución de conflitos, o respecto, o diálogo e a tolerancia cara aos demais. Por outra banda, poderíase explicar a importancia de non xulgar nin deixarse guiar por prexuízos ou visións estereotipadas, creando e favorecendo así un clima de benestar e respecto dentro da propia aula e fóra dela.

Recursos: un posible recurso educativo para traballar esta obra pode ser o CD que inclúe a versión en inglés do texto baixo o título de Michelle, the shy frog. Nel pódense atopar o vocabulario do conto e os pictogramas, a narración completa e interactiva do conto e unha canción final.

luns, 20 de abril de 2020

O león remolón


Tickle, Jack (2016). El León Remolón, adapt. Carmen Gil. Barcelona: Combel Editorial, [12 pp.]. (ISBN: 978-84-9101-027-2). 

Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado pop up, tridimensional, de Jack Tickle (2005) cunha encuadernación de cartoné, adaptado por Carmen Gil, cuxo título orixinal é The very Lazy Lion, publicado por primeira vez polo selo Little Tiger Press, en Gran Bretaña en 2005. A encadernación é de cartoné. A cuberta do libro resulta ser moi atractiva e identificativa para os nenos/as de curta idade. Nela aparecen animais da selva, dos que vai tratar o libro, que destacan sobre un fondo laranxa. Especialmente resalta a figura grande do león, en amarelo. Tamén contén o título en maiúsculas grandes de cor azul, o nome do autor, da adaptadora e da editorial. Os animais continúan na contracuberta co mesmo fondo laranxa, nesta parte hai unha pequena introdución sobre os animais da selva, xunto cos dereitos do libro. Nos dereitos infórmase sobre o título orixinal, a edición, o ilustrador, a editorial, o deseño gráfico, a maquetación, datos sobre a imprenta, o ISBN e o depósito legal. Ao lado destes datos destaca un pequeno fondo branco no que se mostra unha precaución do libro (non apto para menores de 3 anos) polas pezas que contén, o ISBN e o C€. 

Ilustracións: o texto e as ilustracións teñen relación, xa que en cada páxina se describe a un animal. A letra é grande e aparece a un lado das ilustracións sen superporse entre elas. Destacan as onomatopeas, en letra grosa, dos sons de cada animal, que se presenta no seu hábitat. As cores son moi vivas, tanto do ambiente coma dos seres vivos. Nas ilustracións 
de cada animal resáltanse os seus atributos máis característicos con efecto pop up, é dicir, son emerxentes e móvense cando pasamos as páxinas, con exemplos como a boca do león, a trompa do elefante, o pescozo da xirafa etc. Estas imaxes móbiles ocupan case a totalidade das dobres páxinas, sendo a letra un complemento. A arquitectura textual é de carácter expositivo-descritiva en forma de pequenos poemas rimados, un para cada animal. 



Potencialidades: a lectura deste álbum achega aos máis pequenos ao mundo animal, o xogo de interacción con el, ademais de fomentar o recoñecendo de formas, figuras, elementos… Tamén axuda a traballar o valor da diferenza e reflexionar sobre a convivencia, pois todos os animais son diferentes e conviven xuntos. O percorrido polas diferentes páxinas permite traballar os sons mediante as onomatopeas, a imitación de sons dos distintos animais e os elementos que aparecen nos seus respectivos hábitats. Isto incide na adquisición e mellora da linguaxe infantil dende o xogo, a diversión e o entretemento. Tamén podemos motivar aos máis pequenos á lectura dunha maneira atractiva e divertida coa canción, que é un material pedagóxico esencial en Educación Infantil. 

Recursos de interese: Susa Herrera realizou unha adaptación deste libro que se pode ver en: https://www.youtube.com/watch?v=5whKuOUaS2I (consultado 12/04/2020). 

domingo, 30 de abril de 2017

Unha casa a medida

Kulot, Daniela. (2003). Unha casa a medida, ilust. Mesma autora, trad. Marc Taeger e Pilar Martínez, Vigo: Faktoria k de Libros, [26pp.] (ISBN: 978-84-935122-9-3).

Breve descrición do formato e contido da obra:
 
 

libro de tapa dura, de 30x24cm, con ilustracións que acompañan a unha breve narración escrita en galego. Na cuberta preséntanse os protagonistas da historia: Crocodilo e Xirafa, a mesma altura. Así mesmo, presentase o título da obra e o autor desta. Na contracuberta aparece un breve resumo do relato.

 
 
 
 
Crocodilo e Xirafa están namorados e deciden ir a vivir xuntos. O problema é que Crocodilo é baixiño e Xirafa é moi alta, polo que Xirafa non colle na casa de Crocodilo, e a el fáiselle moi grande a casa de Xirafa. Ambos buscan unha solución para atopar unha casa axeitada.


Potencialidades: é unha historia que trata o amor, a tolerancia e a aceptación das diferenzas a partir dunha parella un tanto peculiar.
A base de intelixencia e humor, a parella supera as dificultades que lles presenta a convivencia e constrúen unha casa a súa medida. A principal ensinanza é que o amor non entende de diferenzas e que todo pode ter unha solución.
A variedade cromática das ilustracións fai que nos paremos a observar cada un dos detalles que se presentan nelas.