SERRA, Adolfo (2011). Caperucita Roja. Madrid: Narval. [32 pp.]. (ISBN: 978-84-938293-8-4).
Descrición do formato e o contido: adaptación do clásico popular de tradición universal Carapuchiña Vermella en formato de álbum ilustrado mudo, coa cobertura de cartoné. Tanto na cuberta como na contracuberta o libro presenta unha imaxe cun fondo en branco e unhas figuras que semellan árbores en negro, pero que tamén remiten cara ao pelo do lobo. Na cuberta pódese adiviñar á Carapuchiña agochada detrás dunha arbore, mentres que na contracubertura se pode ver unha pequena bolboreta vermella que voa libre. A cuberta e a contracuberta son complementarias. As gardas son de cor predominantemente vermella, con branco e negro, as cores presentes en toda a obra. As imaxes do interior son todas a dobre páxinas.
O deseño das ilustracións asenta no contraste entre o negro e o branco, con elementos en vermello e o amarelo, empregado para os ollos do lobo. Os personaxes por veces aparecen camuflados e esixen unha atenta lectura visual para localizalos.
Dende o punto de vista do contido, esta versión parte do conto tradicional recollido polos irmáns Grimm, no que o leñador salva a avoa e a nena abrindo o ventre do lobo. Pero nesta representación, o protagonista indiscutible e omnipresente é o lobo, cuxa pelaxe conforma o bosque, a través do cal se conduce a Carapuchiña nunha aventura desde a punta da cola, na que se sitúa a súa casa, ata que entra, literalmente, na boca do lobo, movida pola curiosidade. É de salientar que o aspecto máis peculiar deste volume é que non hai texto, polo que a narrativa visual xoga coas nosas expectativas e coñecementos previos da historia para que reconstruamos a narración a partir das imaxes.
Esta obra conta con edicións en francés e alemán e recibiu premios como o Premio Dragón Ilustrado 2011 e foi finalista do Premio Álbum Ilustrado del Gremio de Libreros de Madrid no ano 2011 e do Premio Junceda Ibèria no 2012, entre outros recoñecementos.
Potencialidades: a lectura deste conto permítenos traballar a alfabetización visual da infancia, desenvolver o traballo coa imaxinación dos/as nenos/as e o achegamento aos clásicos a partir de obras de gran calidade estética. Ademais o feito de que non haxa texto escrito implica que cada vez que se fai unha aproximación á obra a lectura e reconstrución de significados sexa diferente e enriquecedora. De modo transversal tamén se poderían traballar temáticas como a inseguridade e o medo que poden ter os nosos alumnos/as.







