domingo, 29 de marzo de 2020

El cazo de Lorenzo


Carrier, Isabelle (2010).El cazo de Lorenzo,Barcelona: Editorial Juventud. [40 pp.]. (ISBN: 978-84-261-3781-4).

Descrición do formato e contido da obra: Álbum ilustrado de Isabelle Carrier cuxa temática é a diversidade funcional e que contribúe a que o lectorado sexa sensible cara a realidades como as discapacidades. O cazo de Lorenzo mostra unha grande amplitude de significados, dende os obstáculos de Lorenzo ata a falta de compresión do resto de persoas do seu contorno e da súa superación. Despois da súa lectura pódese reflexionar co alumnado sobre o rexeitamento, a relevancia da xenerosidade de tan só unha persoa para contribuír a aceptar as propias limitacións, as características das imaxes esquemáticas coas que se configura a obra ou cuestións como a autoestima.
Dende o punto de vista do contido, este álbum presenta a un neno chamado Lorenzo, o cal sempre camiña arrastrando un cazo que lle caeu enriba sen saber porqué. Isto fai que xa non sexa igual aos demais. O ruído do cazo pode resultar molesto para o resto da xente e facer que xa non se fixen noutra cousa que non sexa como o arrastra. Lorenzo non o entende e decide esconderse debaixo del durante un tempo, pero un día achegóuselle unha muller e púxose a xogar con el ao tenis, ademais de axudarlle a expresarse os seus medos. Esta muller anónima regálalle un bolso no que poida levar o seu cazo consigo para non molestar o resto das persoas.
O texto conta cun narrador heterodiexético que presenta o protagonista, introduce o conflito e pecha a historia, de estrutura cuadricular e con encadeamentos. No estilo salienta o emprego de figuras como a metáfora. As frases so moi curtas e directase serven de apoio ás ilustracións. 
As ilustracións teñen unha disposición de dobre páxina nos momentos clave da historia, mentres que se manteñen independentes en cada páxina en toda a obra. Os personaxes caracterízanse polo sincretismo e o estilo infantil, a súa sinxeleza pero forte emotividade, marcados por unha liña negra e sen gran variación nas diferentes escenas. Emprégase só a cor para destacar elementos relevantes, concretamente a vermella coa que se caracteriza o cazo, fronte ao resto de cores moi apagadas. As imaxes oriéntanse todas co personaxe camiñando cara ao lado dereito (xogos de continuación) e que nos incita a seguir lendo o conto cara ese lado.

Potencialidades educativas: A lectura deste álbum contribúe a reflexionar sobre a existencia de diferenzas debidas á discapacidade, tamén axuda a comprender as diferenzas e a necesidade de aceptalas e contribuír á inclusión daqueles que as padecen. Con esta obra tamén se aborda a necesidade de socialización e o cuestionamento do rexeitamento a actitudes negativas e de exclusión. Tratar esta temática é tamén fomentar unha educación en igualdade e respecto, ademais de visibilizar a diversidade.
Este álbum tamén contribúe á adquisición dunha maior competencia na lectura visual a través das ilustracións sinxelas e concisas, destacadas sobre o fondo branco e nas que se recorre unicamente á cor vermellado cazo de Lorenzo e do verde do cazo da persoa “extraordinaria”.

Recursos educativos:


Narración apoiada polas imaxes do álbum en https://www.youtube.com/watch?v=oPcrGnz5J1k


Ningún comentario:

Publicar un comentario