Hernandez, D. (2018). Unha longa viaxe. Trad. Federico Delicado. Pontevedra: Kalandraka, [ 48 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-410-1)
Descrición do formato da obra e contido da obra: álbum ilustrado de tapa dura do autor Daniel Hernández e traducido por Federico Delicado. A cuberta amosa unha paisaxe escura co mar de fondo e unha barca no medio, rochas e catro gansos voando. Na contracuberta obsérvase a continuación do mar e da paisaxe da cuberta. En canto ás gardas, tanto as iniciais coma as finais, son dunha cor amarela e conteñen debuxos de gansos a cor. Na portada aparece sobre un fondo branco un círculo con tres paos facendo as formas de persoas e o título en grande e cor negro.
No contido nárrase a historia de dúas viaxes que transcorren paralelamente: a viaxe de mamá gansa e os seus poliños que teñen que emigrar ao sur en busca de terras máis cálidas e a viaxe dunha familia que vive nun territorio en guerra e ten que fuxir ao norte en busca dunha mellor vida. En ambas viaxes hai temor ao descoñecido e teñen que afrontar duros desafíos para sobrevivir. Concretamente, as dúas familias, aves e humanos, teñen que enfrontarse ao seu maior reto, que é atravesar o mar. A confrontación entre as dúas historias e os seu desigual destino crean unha potente imaxe mental dos acontecementos narrados e convértense nunha denuncia do sufrimento e abandono dos máis febles, os refuxiados.
O álbum presenta imaxes a toda páxina, acompañadas dun breve texto ou diálogo. As imaxes permítennos seguir a historia dunha maneira moi visual e compleméntanse cos diálogos das personaxes, tanto da mamá gansa cos seus fillos coma dos membros da familia de refuxiados. O texto sempre se atopa nunha esquina cunha letra dun tamaño grande para facilitar a súa lectura e é de cor negra, o que lle permite destacar no fondo. As cores que predominan no libro son en todo momento escuras, sen animación, apagadas, acentuando o sentimento de tristeza. As ilustracións son moi realistas, de estilo figurativo e con grandes planos, correspondéndose a un espazo aberto e natural, con días de choiva ao principio e máis soleados a medida que pasan os días, graduando as tonalidades entre marróns e grises.
Potencialidades educativas: A lectura deste álbum permite traballar na aula o tema da migración dende o punto de vista das dificultades de diferentes familias que non poden permanecer no seu fogar debido a problemas como son a guerra, o traballo ou a supervivencia. A través desta lectura ensinarémoslle a nenos e nenas que temos que ser fortes e que vivimos situación moi complexas, nas que é preciso afrontar as situacións que nos ocorran ao longo da vida dunha maneira positiva, intentando buscar unha solución sempre. Con obras coma esta pódese reflexionar co alumnado sobre realidades que aparecen nos medios de comunicación ou que viviron no pasado as nosas propias familias, vítimas de guerras e conflitos que as levaron a fuxir a outros países, onde non sempre atoparon as portas abertas, como lle ocorre á familia de refuxiados desta obra.
Recursos educativos:
Versión animada e lida da obra: https://www.youtube.com/watch?v=PSaivizu0_M
Ningún comentario:
Publicar un comentario