venres, 27 de marzo de 2020

Non é fácil pequeno esquío




Ramon, Elisa (2003). Non é fácil pequeno esquío, ilustr. Rosa Osuna, traduc. Marisa Núñez. Pontevedra: Editorial Kalandraka, col. Demademora, 40 pp. (ISBN: 978-84-8464-183-4).

Breve descrición do formato e do contido da obra: Este álbum literario de Elisa Ramón e Rosa Osuna de 22x22 cm trata sobre o tema da morte dun familiar, neste caso a nai, unha temática pouco presente na literatura infantil actual, aínda que moi recorrente na tradicional e nos contos clásicos. Está editado nun formato cadrado con tapas duras e de tamaño mediano. Na cuberta aparece o protagonista, o nome da autora e o título, co cal xa nos podemos ir facendo unha idea do que vai tratar o conto. Non todas as páxinas conteñen texto, senón que vai intercalándose con ilustracións complementarias que enriquecen a historia. As imaxes son frías e representan a tristeza e a dor do esquío, aínda que progresivamente van contrastando con imaxes de tonalidades máis cálidas que recrean as vivencias do protagonista coa falecida. Estas ilustracións teñen un estilo colorista e mesturan estampados, gravados e texturas.
Desde o punto de vista do contido, nárrase a historia dun pequeno esquío que na hora de cear bota en falla á súa nai na mesa e non é capaz de cear debido á tristeza que lle embarga. O seu pai intenta explicarlle a ausencia dela, aínda que el prefire o cobizo do seu mellor amigo, o moucho. Na súa casa escóndese debaixo das sabas e o seu pai dille que lle ten que ensinar algo que lle vai gustar: era unha foto dos seus avós explicándolle que se fixeran maiores e morreran, polo que se sentiu moi triste tamén, aínda que sempre os recordará. O pequeno vía como todos os seus amigos xogan cos seus pais, polo que se pon aínda máis triste porque bota moito de menos á súa nai, pero isto deixa de suceder cando descobre no ceo unha bela estrela, polo que sabe que é a súa nai e desde aí daralle o calor e o amor que necesita para a súa vida. Polo tanto, no transcurso do conto móstranse os sentimentos de dor e tristeza que ten o protagonista, pero que finalmente acepta a ausencia definitiva da nai e comeza a lembrar os bos momentos vividos con ela e a convivir co sucedido.
Esta historia de estrutura lineal de presentación, nó e desenlace preséntase a través dun texto sinxelo con frases curtas e cun estilo acumulativo e repetitivo. A letra está en minúscula e a voz narrativa en terceira persoa.


Potencialidades: Este conto pode servir para tratar o falecemento dun familiar próximo ao alumnado, concretamente dunha nai, e axudar a superar o dó. Segundo se intúe dende o título, a morte pode ser un proceso que se aprende, aínda que non sexa fácil. O exemplo é a experiencia do pai do esquío, que aprendeu isto cando perdeu aos seus pais: a morte considérase como o desenlace natural da vida que nos iguala a todos os seres humanos.
A partir deste libro pódese aprender tamén os distintos procesos polos que se pasa cando se sofre a morte dun ser querido, neste caso unha nai: primeiro chora moito e está moi triste, pero finalmente asúmeo como algo que é natural, que todos os seres humanos nacemos e morremos. Ademais de ser consciente de que se a súa lembranza sempre estará no seu corazón.
Salienta tamén o recurso ás metáforas, que neste caso se empregan para describir a presenza espiritual dun familiar desaparecido e como este nos acompaña a través de obxectos case imperceptibles. Coa lectura desta obra demóstrase que a literatura pode reconfortar o noso estado de ánimo. Tamén se poden traballar moitos valores na aula, como son a soidade, a incomprensión, a recuperación do equilibrio emocional, o pranto desconsolado, o enfado e a ira, os cales podemos controlar a través do amor e das lembranzas. En conclusión, estamos ante un libro infantil enfocado a consolar ao neno/a e axudarlle a integrar a terrible experiencia dunha forma doce e respectuosa, entendendo o proceso de desesperación e choros, que ao final acaba asumindo.

Recursos de interese:
Vídeos da narración da historia en castelán: 
https://www.youtube.com/watch?v=vzNvFhjuGyg

CEI Estibela (2018). Non é fácil pequeno esquío, en ponte lectura infantil, en http://pontelecturainfantil.blogspot.com/2018/04/non-e-facil-pequeno-esquio.html (consultado o 27 de marzo de 2020)

Ningún comentario:

Publicar un comentario