luns, 30 de marzo de 2020

P de papá



P de papá by Bernardo Pêgo De Carvalho;Isabel Fernandes Minhós ...

Martins, I. e Carvalho, B. (2009). P de papá. Pontevedra: Kalandraka. [32 pp.] (ISBN: 978 - 84 - 96388 - 17 – 8)

Descrición da obra e contido: trátase dun álbum ilustrado de material duro para que sexa fácil de manipular polas nenas e nenos. Na cuberta aparecen dúas siluetas, representando a un pai en cor azul que bica o nariz do seu fillo, que aparece en cor marrón. A silueta do neno transmite tranquilidade e alegría, froito da protección paterna. Na contracuberta aparecen de novo a silueta do pai e do fillo. Esta vez, as dúas siluetas son negras e camiñan felices da man nun fondo azul claro. O único texto que presenta é o nome da colección: “Libros para soñar”. 
Este álbum ilustrado non conta con gardas e as imaxes ocupan unha páxina, ademais dun texto moi breve que permite centrar a atención no debuxo. Predominan as cores de tonalidades apagadas, entre as que destaca sobre todo a laranxa, marrón, azul e amarelo, alternándose para formar parte do fondo ou da silueta que forman os personaxes.

O contido xira ao redor da relación dunha familia monoparental, formada por un pai e o seu fillo, quen dende a figura do narrador, vai enumerando unha serie de características que ten o seu pai. O neno fai ver que ao lado do seu pai se sente feliz e protexido. Trátase dun texto rimado, onde en cada páxina aparece unha rima que fai referencia á descrición do pai. Dentro do texto podemos atopar varias palabras que pertencen ao campo semántico dos transportes, por exemplo cando compara ao pai cun avión, cun tractor ou cunha ambulancia. As situacións recreadas son de tranquilidade, diversión e tamén autoridade, das características que posúe un pai cando coida de un fillo. Faláse do pai como un sofá, un abrigo, un colchón etc., é dicir, o pai é casa.

Potencialidades: a lectura deste álbum permite traballar na aula, por unha parte, a temática da educación emocional e as relacións afectivas, centradas na figura paterna; e por outra, a temática de roles de xénero e estereotipos. Con respecto ás relacións cos pais, ensinarémoslles aos nenos e nenas a fomentar o seu coñecemento e o respecto sobre os diferentes tipos de familias existentes, mostrándolles que non soamente existen familias formadas por nai, pai e fillos/as, senón que hai múltiples tipos de familias. Con respecto ao tema de xénero e estereotipos, amosarémoslles a través desta obra que o coidado dos fillos e fillas non depende soamente das nais, senón que é moi relevante tamén atender á relación coa figura paterna.

Recursos:
Recensión de MARQUES, Ana (2009). P de papá, revista dixital Babar, en      
http://revistababar.com/wp/p-de-papa/  (consultado o 24 de marzo de 2020).  

Ningún comentario:

Publicar un comentario