Parmeggiani, R.
(2015). A avoa
adormecida, ilustr. João Vaz de Carvalho,
trad. Xosé Antón Ballesteros, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Maremar, [40
pp.]. (ISBN: 978-84-8464-914-4).
Descrición do formato e contido: Álbum de tapa dura, de formato
rectangular (18,5x28cm) con encadernación a cartoné, texto de Roberto
Parmeggiani e ilustracións de João de Carvalho. Na cuberta aparece o título en
maiúsculas, o nome do autor e do ilustrador, así como unha ilustración dunha
avoa durmindo na súa cama cun gran sorriso, e o nome da a editorial. Na
contracuberta aparece a ilustración de dous avós xuntos, moi felices, dentro
dun redondel, baixo un fondo azul, coa indicación do nome da coleción. No
interior, o texto convive con ilustracións en tons brancos, azuis, grises e
marróns que semellan a vellez e os hospitais. Son sinxelas e están realizadas a
lapis.
Dende o punto de vista do contido,
este conto relata a historia dunha avoa que antes de botarse “a durmir” e
esquecer moitas das cousas que sabía, xa que tiña alzhéimer ou demencia,
aspecto que na historia non se expresa, cociñaba, bailaba, lía, saía co neto,
contáballe contos... Porén un día cando chegou o neto a avoa xa non estaba no
seu cuarto, xa que falecera, e isto represéntase dunha forma metafórica nas
últimas páxinas. O autor recorre á súa memoria sentimental, para describir un
proceso de perda e dor, cunha metáfora nos debuxos que acompañan aos textos e
que representan o tránsito do tempo e a doenza das persoas que xa non están
connosco. Tamén é importante nomear o espazo no que ocorre a narración, que é o
fogar, un lugar tranquilo e cheo de tenrura.
Este é un libro adicado aos avos/as,
persoas que queremos moito e sobre todo para todos os nenos/as que coidan
deles.
Potencialidades educativas: Un mesmo álbum sérvenos para achegar
o sentimento da perda e a morte dun xeito máis sútil aos máis pequenos/as e
facelos pensar sobre esta cuestión natural que é o final da vida das persoas.
Tamén esta lectura promove a reflexión sobre as enfermidades dexenerativas e os
seus síntomas, como é o caso do alzhéimer ou a demencia, que por desgraza está
moi presente na actualidade. Tamén nos permite traballar as relacións
interxeracionais entre avós/as e netos/as, xa que fai referencia á importancia
que teñen os avós/as nas súas vidas, ao contarlle contos, xogar con eles, ser
os transmisores do legado cultural, encarnar a tenrura e a ilusión, así como o
agarimo e a tenrura.
Recursos:
CEI Estibela (2018). A avoa adormecida, en ponte lectura infantil, en http://pontelecturainfantil.blogspot.com/2018/04/a-avoa-adormecida.html(consultado o 27 de marzo de 2020).
A avoa adormecida paréceme un conto moi interesante para todas as idades, sobre todo para os máis pequenos/as porque con el pódeselle falar sobre temas delicados como son, a morte dun ser querido ou o coñecemento de enfermidades como a demencia. Tal e como se lle contan aos nenos/as contos imaxinarios, tamén hai que traballar con eles/as situacións da vida real como é o falecemento dun familiar. Ademais de tratar esas temáticas trata outras como o vínculo familiar e o amor que lle pode ter un neto a súa avoa. Pretende transmitir a importancia de aproveitar todos os momentos coas persoas importantes que temos ao noso arredor, xa que dun momento ao outro poden faltarnos.
ResponderEliminarUn conto que trata esta temática é ¨Yo siempre te querré¨ de Hans Wilhelm. Neste conto en vez de falecer unha avoa, falece un can. Pódese observar como o protagonista ao igual que na ¨Avoa adormecida¨ pasaba moito tempo co seu ser querido, neste caso coa súa mascota. Xogaban xuntos todos os días e divertíanse moito. En ambas obras percíbese o paso do tempo e como van crecendo os peronaxes, amosándose a chegada da vellez.
Esta obra pódese consultar, en https://www.youtube.com/watch?v=egoG-uaG_wQ (consultado o 16 de abril de 2020).