sábado, 28 de marzo de 2020

La playa



Losantos, Cristina (2004). La Playa, Barcelona: La galera [32 pp.]. (ISBN: 84-246-3836-0)

Descrición do formato e contido: La playa é un libro desplegable, cheo de ilustracións. É un libro de cartón, en formato cadrado de 18x18cm. Na cuberta podemos ver como un neno está no mar enriba dunha balea. Na contracuberta aparece unha parte da praia, que integra a imaxe global que configura o libro ao ser aberto por completo. Esta obra ten dúas caras: por un lado podemos observar unha praia chea de xente e polo outro lado temos algún vocabulario coas imaxes ao lado.
Trátase dun libro mudo, sen texto, que presenta unha historia visual, o que ofrece diferentes lecturas. Nunha das caras, composta só dunha imaxe única, cada nena/o que se aproxime á obra poderá fixarse en cuestións distintas segundo o seu interese e atención, pois pódense ver situacións comúns que hai nunha praia calquera día de verán. Nenos e nenas xogando e bañándose no mar, mozas e mozos tomando o sol e moitos barcos navegando. Pola outra cara do despregable pódese ver diferente vocabulario asociado ás imaxes correspondentes. O campo semántico predominante é da praia como por exemplo: cangrexo, pescador, toalla... As cores predominantes son moi rechamantes como o amarelo, azul, vermello... e os debuxos están feitos con  liñas moi finas e negras.

Potencialidades educativas: Este álbum ilustrado de Cristina Losantos resulta moi interesante para traballar cos nenos e nenas xa que é un libro moi interactivo, tanto por carecer de texto como por propiciar unha lectura fundamentalmente visual ao despregarse e isto vailles chamar a atención nada máis velo. Poden manipulalo e explorar como abrilo e pechalo. É tamén un libro lúdico, xa que a parte na que temos a praia debuxada é moi útil para xogos de discriminación visual, buscando obxectos que pode haber na praia. Tamén permite que os nenos e nenas miren a realidade plasmada nun libro, unha realidade que a maioría deles tal vez viva cada verán. Os nenos e nenas miran os debuxos e isto permítelles desenvolver a lectura visual das imaxes e da escena completa que desenvolve o libro, aínda que non saiban ler textos. Nesta lectura primeiro recoñecen diferentes obxectos e situacións, despois identifican o que son e por último eles poden imaxinar unha historia para os mesmos. É un libro aberto a experimentar e crear moitas historias e moi diferentes segundo o que está mirando no conto.
A outra lectura que se lle pode facer ao libro permítelles aos nenos asociar vocabulario moi sinxelo que miraron con anterioridade nos debuxos. As letras son negras e resaltan sobre os fondos, colocándose ao carón das ilustracións ás que se refiren. É moi útil para aprender novo vocabulario ou reforzar o que xa saben.
Penso que esta obra é unha boa opción para ensinar desde diferentes perspectivas todo o relacionado co mar como lugar de lecer. Para que vexan que o que hai na praia é mar e que nadan nel todos os veráns. Poden aproveitalo e desfrutar con el. Aínda que o tema central do libro non sexa o mar, é unha parte moi importante del.

Recursos de interese:
Para saber máis sobre libros despregables e os libros obxecto pódese consultar:
Ramos, Ana Margarida Ramos (org.) (2017). Aproximações ao Livro-Objeto: das potencialidades criativas às propostas de leitura. Porto: Tropelias&Companhia, col. PerCursos da Literatura Infantojuvenil, n.º 17, 226 pp. (ISBN: 978-989-8582-54-6).

Tabernero, Rosa (ed.) (2019). El objeto libro en el universo infantil. La materialidad en la construcción del discurso. Zaragoza: Prensas de la Universidad de Zaragoza, pp. 202 (ISBN: 978-84-17633-73-8).

Mociño González, Isabel (coord.) (2019). Libro-Obxecto e Xénero: Estudos ao redor do libro infantil como artefacto. Vigo: Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, 242 pp. (ISBN: 978-84-8158-825-5).

Ningún comentario:

Publicar un comentario