Cutbill. A (2010). A vaca que puxo un ovo. Ilus.R. Ayto, Santiago de Compostela: Patasdepeixe Editora, [54 pp.]. (ISBN: 978-84-9368-423-5).
Descrición do formato da obra: Trátase dun álbum ilustrado cunha cuberta de cartoné formado por 54 páxinas cunhas dimensións de 24x20 cm. Na cuberta aparece a ilustración da vaca protagonista mirando o ovo, que está colocado sobre palla. A ilustración é moi grande e rechamante e alude ao protagonismo que vai ter na obra e ao carón aparece o título en letras grandes, que ocupa a metade da cuberta, debaixo da que se sitúan os nomes dos autores. Na contracuberta aparece a vaca protagonista con expresión triste mirando como se divirten as súas compañeiras mentres ela non sabe facer nada especial; aparecen tamén as demais vacas montando en bicicleta e facendo pinchacarneiros; as galiñas falando con Marjorie e un pequeno resumo da obra xunto co ISBN, o código de barras e a editorial, na parte baixa. As gardas son brancas e con manchas negras imitando os cores das vacas. A cuberta aparece troquelada no ovo, de maneira que deixa ver as gardas polo burato e decora dito ovo. Na anteportada aparecen os mesmos debuxos que nas gardas, agora coas galiñas na parte dereita, e a seguir a páxina de dereitos e a portada, onde volve aparecer o título do álbum.
As ilustracións ocupando a maior parte das páxinas; o texto aparece en tamaño pequeno e nun recanto, deixando protagonismo á lectura visual. Estas son moi coloridas e esaxeradas, tanto nos animais como nas persoas, destacando pola dimensión da boca, os ollos, o corpo, etc. Predomina un estilo paródico e próximo ao cómic, cunhas vacas humanizadas: len o xornal, fan acrobacias etc. Percórrese tamén ás onomatopeas e aos xogos tipográficos para representar os berros ou subidas de ton da voz.
O contido xira ao redor da historia de Marjorie, unha vaca que se sente moi triste e solitaria xa que afirma que ela non ten nada especial, e o resto das vacas si. Ante a súa tristeza, as súas amigas as galiñas deciden intervir e colócanlle un ovo onde ela dorme, polo que os seus donos cren que a vaca puxo un ovo. Isto convértea en protagonista dos medios de comunicación e preferida dos seus donos, pero provoca a sospeita entre as demais vacas. O enigma resolverase no momento no que rompe o ovo e se descubra que ocorreu en realidade.
Potencialidades educativas: Coa lectura deste álbum pódese reflexionar sobre as potencialidades que ten cada persoa e que nos fai a todos e todas especiais. Trabállase o amor filial e a afectividade, xa que a protagonista, tras coñecer que o que saíu do ovo era unha galiña, adoptouna e quíxoa coma tal, xa que ela a coidara ata a eclosión, dando a entender a importancia das adopcións, que o importante é querer e coidar aos fillos e fillas, sen importar a súa aparencia. Tamén permite reflexionar sobre a amizade, cando as galiñas axudan a protagonista colándolle o ovo, xa que ven que Marjorie se sente triste e soa. A amizade é fundamental na vida dos nenos e nenas, pois os amigos axudan cando precisamos que nos escoiten, que nos queiran, apoien ou colaboren connosco.
Recursos educativos: Na rede pódense atopar varios vídeos nos que o álbum é narrado ou lido (https://www.youtube.com/watch?v=9aGZPthvVKE ) (Revisado 23/03/2020)
Tamén hai varios blogs nos que tratan o libro, nun deles hay unha obra de teatro feita por alumnos do colexio LAR de Vigo (http://colegiolar.es/cms2/a-vaca-que-puxo-un-ovo/ ) (Revisado 23/03/2020)
Ningún comentario:
Publicar un comentario