sábado, 28 de marzo de 2020

Rosa caramelo


Turin, A. (2012). Rosa caramelo. Ilustr. Nella Bosnia, trad. Xosé Ballesteros. Pontevedra: Kalandraka, [40 pp.].(ISBN: 978-84-8464-798-0).
Descrición do formato da obra: Álbum ilustrado de tapa dura da autora italiana Adela Turin. A cuberta amosa unha manda de elefantes sobre un fondo branco e verde, tres de cor gris e un de cor rosa. Na contracuberta obsérvanse unhas flores con diversidade de insectos. En canto ás gardas, tanto as iniciais como as finais son dunha cor lisa, neste caso rosas. Na portada aparece sobre un fondo branco un elefante correndo e aparentemente feliz, que nos invita a entrar no interior do libro coa súa postura.
Descrición do contido: Este álbum cóntanos a historia dunha manda na que todas as elefantas son de cor rosa e os elefantes de cor gris. Mentres os machos se divirten e son libres, as femias teñen que estar pechadas nun valado comendo flores para conseguir ser fermosas  e que os seus ollos sexan brillantes. Margarida, unha pequena elefanta, non consegue ser da mesma cor ca o resto e isto faina entristecer, xa que os seus pais llo recriminan constantemente. Estes deciden deixar de insistirlle en que faga o posible por ser como as demais e é entón cando Margarida, e as outras elefantas detrás dela, conseguen ser libres e vivir como os elefantes.
Ilustracións: O álbum presenta imaxes a toda páxina, acompañadas dun breve texto, o cal ás veces desaparece, dando paso á lectura unicamente visual. Estas permítennos seguir a historia e recrear o que acontece en cada escena, complementadas polos diálogos entre os pais de Margarida e esta. O texto sempre se atopa nunha esquina cunha letra dun tamaño grande para facilitar a súa lectura e é de cor negro, o que lle permite destacar sobre o fondo. As cores predominantes son cores moi vivas. As ilustracións son bastantes planas, pero grazas ás diferentes formas, adquiren movemento. O espazo que observamos é un espazo aberto e natural, dominado polas tonalidades verdes.
Potencialidades educativas: A lectura deste álbum permite traballar na aula o tema da igualdade de xénero. A reflexión a través desta temática permitirá fomentar condutas igualitarias e respectuosas entre o alumnado. A obra permítenos observar os estereotipos que existen na sociedade e a diferenza entre o sexo masculino e feminino, xa que existe unha idea preconcibida sobre o que é para homes e que é para mulleres. A través da lectura deste conto ensinarémoslle a nenos e nenas que poden vestirse como queiran, facer as actividades que queiran ou xogar ao que desexen, independentemente do seu xénero. Polo tanto, esta lectura permítenos traballar a coeducación entre os sexos e a igualdade entre xéneros.
Na aula débese fomentar a participación de todo o alumnado nas mesmas tarefas e permitir que xoguen de forma colectiva, facer dramatizacións e cambiar os roles. Tamén se poderían facer talleres de cociña para todos, para que nenos e nenas sexan conscientes de que non é tarefa de mulleres, ou empregar o recuncho da clase destinado á manipulación ou actividades da vida práctica para que todos desempeñen as mesmas actividades. Lerlles contos e pórlles vídeos nos que se vexa plasmado este tema e falar na asemblea sobre el para concienciar dende etapas moi temperás aos nenos, formando mentes abertas e libres, que propicien a non discriminación, é algo tamén moi necesario.
Recursos educativos:
Versión animada e lida da obra en: https://www.youtube.com/watch?v=qqJx-a09dT8 (consultado o 27 de marzo de 2020).
Texto e actividades en: http://blogelartedeeducar.blogspot.com/2014/11/cuento-rosa-caramelo-para-trabajar-la.html (consultado o 27 de marzo de 2020).

Ningún comentario:

Publicar un comentario