luns, 30 de marzo de 2020

Edu se viste de princesa


DÍEZ, N. y MORENO, P. (2019). Edu se viste de princesa. Barcelona: Edicións Bellaterra, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-7290-918-2).
Descrición do formato e do contido: álbum ilustrado con tapas duras feitas de cartoné que consta de 40 páxinas e que ten un tamaño de 23x27 centímetros. É un conto recomendado para nenos e nenas a partir dos 4 anos. Na cuberta aparece un neno que é Edu, o protagonista da obra, vestido cunha blusa de cor azul e unha saia de cor amarela nun fondo azul verdoso sobre o branco. Na contracuberta aparece un debuxo dun bocadillo de cor azul no que sae unha princesa de cor rosa e con coletas, ademais da sinopse da obra.
O título e a cuberta dános información do tema da obra. No interior, as imaxes e o texto adoptan diferentes posicións, pois nuns casos conviven na mesma páxina e noutros ocupan páxinas diferentes. As ilustracións son de estilo figurativo, de cores fortes e contrastadas cun fondo branco, con especial relevancia das expresións faciais dos personaxes que aparecen en cada escena da obra.
O texto é sinxelo, con frases curtas e de doada comprensión para o alumnado. O tema central son os roles de xénero, o respecto aos demais e as vestimentas asociadas ao xénero, xa que no conto o protagonista, Edu, se viste de princesa e os seus amigos dinlle que iso é unha “cousa de nenas”. Porén os seus pais explícanlle que non hai unhas cousas para nenos e outras para nenas, senón que todo o mundo pode facer o que queira independentemente do seu xénero.
Potencialidades: a lectura desta obra é moi útil para traballar cos máis pequenos os roles de xénero e intentar erradicar actitudes sexistas dende a infancia, neste caso representada pola vestimenta. Non obstante, tamén é preciso referirse a outras condutas como as relacionadas con profesións e aspiracións laborais, as afeccións, as caracterizacións de tipo cultural, o aspecto físico ou os atributos de cada xénero.
Recursos educativos:


1 comentario:

  1. Non tivera oportunidade de coñecer este conto e a verdade é que me acaba de gustar moito. Penso que é moi interesante ao igual que importante traballar os rols de xénero na etapa infantil. Fáltame un pouco de información sobre o contido do argumento, pero as potencialidades a destacar parécenme importantes e dan a ver un pouco o tema do conto.

    ResponderEliminar