Canosa.M,
Padrón.D (2012). Acuario. Ferrol:edicións
embora, col. Fardel dos soños [33pp.]. (ISBN: 978-84-92644-44-5)
Descrición de
formato e contido:
Acuario é un libro de poesías
infantil. É de tapas duras e cun papel satinado, que permite ver moito mellor
as imaxes do interior. Ten un tamaño mediado e é cadrado. A cuberta é
totalmente branca cunhas burbullas de auga azuis e unha nena colgando dun
amocelo, mentres que na contracuberta aparecen unhas poucas burbullas máis de
auga. As imaxes que aparecen no libro queren imitar aos peixes de verdade. E as
cores que predominan son en tons terra. Todo o libro segue unha mesma
organización: a páxina da esquerda sempre é dunha cor (tons roxizos e terra) e
está o poema acompañado cun letreiro co nome do peixe que lle corresponde. Na
páxina da dereita está o debuxo do peixe ou molusco do que se fala no poema,
coa súa cor e forma característica.
Os poemas versan sobre uns amigos que queren saber sobre
o fondo mariño pero como non se poden meter no mar deciden ir visitar un
acuario. Nese acuario hai todo tipo de peixes e moluscos e van inventando unha
historia en verso para cada un. Cada poesía describe fisicamente o peixe ou
molusco e tamén nos ensina os seus costumes e formas de actuar. Son instrucións
para entender que é o que hai debaixo do mar e o papel que ten cada peixe
dentro del. Recórrese a figuras como as personificacións coma “que presumidas
son estas sardiñas”, símiles como “brilla a faneca como unha raiola” e algún
que outro hipérbato coma “moito lle gusta na auga nadar”.
Potencialidades
educativas:
Grazas a este libro os nenos poden coñecer segredos que o
mar esconde, os animais que nel habitan, coma a solla, o polbo, as sardiñas
etc. Salienta polo apoio visual das imaxes recreadas, pois ao carón de cada
poesía hai un debuxo do personaxe ao que se refire a composición, de modo que
nenos e nenas poden asociar o peixe ou molusco do que se esta a falar coa imaxe
e tamén adquiren novos coñecementos e valores estéticos. Ao ser un libro de
poesías ofrécenos aínda máis potencialidades educativas, como estimular a
memoria auditiva e rítmica, como o fan tamén as cancións; favorecer o
desenvolvemento da linguaxe, potenciar a expresión verbal grazas ás rimas,
fomentar a creatividade, a imaxinación, potenciar a aprendizaxe artística a
través do ritmo e a musicalidade que está presente nestes versos e favorece
tamén as aprendizaxes significativas de novos coñecementos que axudan a
asimilar novos conceptos.
Recursos de
interese:
Canción infantil sobre o poemario: [ceip coiron Dena]
(2013, Junio 16). Adiviñas do mar. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=vl74uxpYXD8
Roig, B.-A., Soto, I., & Neira, M. (2009). A poesía infantil no século XXI (2000-2008).
Vigo: Edicións Xerais de Galicia/LIJMI. Recuperado de: https://www.usc.gal/gl/proxectos/lijmi/modules/libros/libro_0011.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario