martes, 31 de marzo de 2020

Jack e a morte



Bowley, Tim, Jack e a morte, ilustr. Natalie Pudalov, trad. María Rosario Pita Villares. Pontevedra: OQO Editora, 2012, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-367-1).

Descrición do contido e formato: álbum ilustrado de tapas duras, de formato rectangular, cunhas dimensións de 280x220mm, con encadernación en cartoné. Escrito orixinalmente en inglés, aínda que conta con traducións a outras linguas como é o galego e o castelán, feitas por María Rosario Pita Villares. O texto é de Tim Bowley e as ilustracións de Natalie Pudalov. Na cuberta encóntrase o debuxo de tres corvos, que representan a morte, a imaxe de Jack, un fío vermello que forma parte do título do conto e o nome da editorial OQO. Na contracuberta continúase coas ilustracións dos corvos e do fío vermello, que actúa como condutor de todas as páxinas do álbum. As ilustracións recrean fermosas metáforas visuais e imaxes con cores que contrastan o temporal e o inmortal para acadar un efecto dramático e darlle carácter poético ao ciclo da vida. A linguaxe é simbólica e directa, rompendo os tabús que existen do tema da morte.
Dende o punto de vista do contido, este conto relata a historia de Jack, un neno que se atopa coa morte e, ao intuír que vai buscar a súa nai doente, trama un plan para liberarse dela. Con incrible astucia, Jack é quen de atrapar o sinistro personaxe nun bote, pero as consecuencias do acto son imprevisibles, xa que dende ese momento nada pode morrer, nin as plantas nin os animais. Isto provoca a fame, que proliferan millón de insectos e se produzan pragas... É así como o que semellaba un motivo de alegría, salvar a súa nai, se converte nun caos. As graves consecuencias da acción de Jack fan que se decate de que ten que liberar a morte para que a vida continúe.

Potencialidade educativas: Nesta versión do conto tradicional británico enfatízase a idea de presentar a morte non como inimiga da vida, senón como a outra cara dunha mesma moeda: Unha non existiría sen a outra. A través desta historia pódese reflexionar sobre o ciclo natural da vida, dos seres humanos e da natureza en xeral. Asumir a súa existencia é comprender que estamos ante un proceso natural, aínda que nos resulte doloroso.

Recursos:
Grupo Baleiras (2018). Jack e a morte, en Ponte lectura infantil, en http://pontelecturainfantil.blogspot.com/2018/04/jack-e-morte.html (consultado o 27 de marzo de 2020).

Ningún comentario:

Publicar un comentario