xoves, 26 de marzo de 2020

Érase dúas veces... O patiño feo








Gaudes, B. e Macías, P. (2016). Éranse dúas veces O patiño feo. Ilustr. Nacho de Marcos, trad. Marcos Randulfe. Madrid: Cuatro Tuercas. [a partir de 4 anos], [24 pp.]. (ISBN: 978-84-17006-09-9).

Breve descrición do formato e do contido: álbum ilustrado narrativo de 22x22 cm, encadernación de tapa dura e follas resistentes. A cuberta amosa unha imaxe do protagonista principal, o Patiño feo, acompañada do título da obra, o que nos deixa entrever que a historia é probable que sexa unha versión do conto tradicional. Na contracuberta recóllese unha explicación de como xurdiu a colección de libros á que pertence esta obra, unha sinopse da historia e unha ilustración do protagonista, esta vez convertido en cisne. Ambas gardas teñen un fondo vermello: as dianteiras realizan a función de portada e as traseiras recompilan os agradecementos.  
Os textos caracterízanse por ser bastante extensos, empregar unha linguaxe da vida cotiá e enriquecer os diálogos con ensinanzas morais coma “diferente non é nin bo nin malo. É sinxelamente iso, diferente” ou “pechar os ollos ante situación inxustas é posicionarse do lado do agresor”, que fan reflexionar sobre o que estamos a ler. Estes aparecen mesturados con ilustracións a dobre páxina.
As imaxes destacan sobre un fondo branco, empregan cores suaves que transmiten unha sensación de tenrura e, sobre todo, son moi expresivas. As facianas dos protagonistas representan con claridade os seus sentimentos e estados anímicos, polo que reforzan e clarifican o que se vai narrando.



Partindo do clásico do Patiño feo, esta obra relata a historia de Cuasi, un patiño moi diferente aos seus irmáns. Dende o seu nacemento, Cuasi é xulgado continuamente polos seus veciños da granxa por ser distinto ao resto de patos. A súa nai Ánxela, cun forte carácter e conciencia moral, defende o seu fillo continuamente, facendo comprender aos demais animais os seus prexuízos e logrando así que “acepten a aquel estraño patiño como un membro máis da comunidade”. Esta actitude valente cara ás inxustizas sérvelle de inspiración a Cuasi cando comeza a ir á escola. No patio do colexio hai un gran pato, ao que todos coñecen como Patote, que empuxa, pega e trata moi mal ao resto de patiños. Un día, a vítima das súas agresións foi Cuasi e ningún dos amigos que estaban ao seu carón, nin sequera o seu irmán, fixo nada por axudalo. Cando Patote marchou, o irmán pequeno díxolle a Cuasi que non se enfrontase con el para non ter problemas, porén este fíxolle entender que “se non tomas partido nunha situación inxusta, estás permitindo que suceda. En realidade, tamén é culpa túa”. Estas palabras dan voltas na cabeza do irmán pequeno e cando ao día seguinte parecía que volvería repetirse a mesma escena, este saíu a defender a Cuasi. A sorpresa foi que detrás del foron moitos outros patiños logrando que a partir dese día a convivencia na escola fose moito máis sinxela. Aprenderon deste modo que non se pode instalar a indiferenza e o silencio ante as inxustizas, senón que é preciso actuar. Pasou o tempo e Cuasi converteuse nun precioso cisne tanto por fóra coma  por dentro. Tamén é de salientar que na obra se homenaxea á activista Ánxela Davis, que é  representada e caricaturizada a través da nai de Cuasi.

Potencialidades educativas: é un libro que, a través de cada unha das súas páxinas, invita a reflexionar sobre condutas que acostumamos repetir. Ao tratarse dun clásico, é moi probable que os cativos/as xa coñezan a historia tradicional, polo que este novo enfoque os vai sorprender e atrapar durante toda a lectura, manténdoos intrigados ata o final. Ao caracterizarse por ter poucos personaxes, unha forma atractiva de mostrar a historia ao alumnado sería cun teatro de sombras. A través das siluetas podemos marcar as diferenzas de tamaños, nun primeiro momento entre Cuasi e os seus irmáns e despois entre Patote e o resto de compañeiros da escola. Ademais, estariamos favorecendo o desenvolvemento da imaxinación dos rapaces/as para que cada un representase mentalmente as imaxes dos diversos e diferentes personaxes.
Este libro ofrece a oportunidade de educar en valores, xa que con el podemos traballar os prexuízos, a diversidade, o acoso, a amizade, o compañeirismo, a cooperación, o respecto... En relación ao acoso, creo que mostra claramente a realidade dos centros educativos ademais de ofrecer solucións e pautas para combatelo. 
Unha vez rematada a súa lectura, poderíase crearse con toda a aula un decálogo contra o acoso. Ademais, convida a traballar o concepto de amizade, reflexionando que para que dúas persoas sexan amigas non é imprescindible ser iguais (tanto en gustos coma fisicamente) o único requisito é quererse, coidarse, respectarse mutuamente, como acaban facendo estes animaliños.
Por outro lado, que na obra se faga unha homenaxe a Anxela Davis, convídanos a buscar información sobre este personaxe e entender porqué os autores a toman como referente. Así mesmo, ofrece a oportunidade para comezar a traballar sobre diferentes mulleres brillantes que, como din Gaudes e Macías (2016), “ocupan un segundo lugar nos libros de historia”.
Por último, creo que é unha obra que tamén fará reflexionar aos adultos (profesorado, familias...) sobre todo a través das últimas páxinas nas que nos fai comprender que somos os modelos a seguir dos máis pequenos/as. Ao igual que lle acontece aos cisnes cando son cativos, os cales pensaban que “aqueles patos non eran feos... eran distintos a eles, pero especiais e únicos”, os nosos cativos/as tampouco nacen con prexuízos, son as nosas actitudes as que toman coma referencia e as que acaban por convertelos  en persoas que xulgan e sentencian a aqueles que non responde ao patrón do que a sociedade considera como “normal”.

Recursos:
Millán, Beatriz (2017). “Los cuentos de “Érase una vez”. Recuperado de http://www.beatrizmillan.com/cuentos-erase-dos-veces/ a 03/04/2018. Reseña da colección de libros “Éranse dúas veces…”.
TEDx Talks. (2017). “Seamos felices sin comer perdices”| Belén Gaudes | TEDxBarcelonaWomen. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=mh7bkKy17nk a 03/04/2018. Conferencia da autora da obra sobre a colección “Éranse dúas veces…”
Una mamá novata. (2017).Érase dos veces, la colección de libros infantiles que da la vuelta a los clásicos para romper estereotipos”. Recuperado de https://www.unamamanovata.com/2017/11/11/erase-dos-veces-cuentos-igualitarios/ a 03/04/2018. Reseña da colección de libros “Éranse dúas veces…”.

Tirado de Río Quintana (2018) 

Ningún comentario:

Publicar un comentario