Turin, A. (2012). Artur e Clementina. Ilustr. Nella Bosnia, trad. Xosé Ballesteros. Pontevedra: Kalandraka, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-785-0).
Descrición do formato e contido da obra: Álbum ilustrado de tapa dura da autora italiana Adela Turin. A cuberta amosa a unha parella de tartarugas, unha fronte á outra, nun fondo verde e azul. Na contracuberta observamos o mesmo fondo que na cuberta pero sen as tartarugas. As gardas conteñen unha ra subida a uns bambús, en sentido inverso. A portada é branca e na parte superior destacan unha grosa liña azul e unhas flores amarelas que colgan. Este álbum cóntanos a historia de dúas tartarugas, Artur e Clementina, que se coñecen unha tarde e casan. Todo parece ser moi bonito nun principio, pero pouco a pouco Artur comeza a ter comportamentos cara a Clementina que levan a esta a sentirse menosprezada e inferior. Un día Clementina, cansa do comportamento do seu compañeiro, decide saír a pasear. Este xesto pouco a pouco converteuse nun costume que a facía sentirse máis feliz. Artur comezou a percibir o cambio en Clementina, ata o día que regresou á casa e estaba baleira.
O álbum conta con imaxes bastante grandes, en ocasións a toda páxina e noutras acompañadas de texto nas esquinas. É moi doada a lectura visual do conto, xa que as imaxes permítennos observar o que pasa en cada momento. O texto ten letra dun tamaño mediano e en cor negra e, aínda que o conto é bastante longo, os parágrafos son breves, o que facilita a lectura. As cores son predominantemente cálidas e as ilustracións figurativas semellan adquirir movemento cos diferente planos, que sempre se ambientan en espazos abertos.
Potencialidades educativas: A lectura deste álbum permitiranos traballar o tema da violencia de xénero. A obra permítenos observar condutas que nos levan a reflexionar sobre como debe ser ou non unha relación, sexa do tipo que sexa. A través da lectura deste conto ensinarémoslle a nenos e nenas como deben comportarse e tratar aos demais con respecto, á vez que se evidencian condutas inapropiadas e discriminatorias. Polo tanto, esta lectura ábrenos camiño a traballar o respecto, a igualdade entre os xéneros e a non violencia. En calquera aula, e sobre todo nunha aula de educación infantil, débese fomentar unha conduta cooperativa e respectuosa. Este conto permite traballar un tema moi necesario dende a primeira infancia. Unha forma de traballar fomentando o espírito crítico sería deixando o final sen ler para saber como cren eles/elas que remataría a situación. Realizar unha obra teatral cos nenos e nenas para que a representen ou tamén realizar unha reflexión con eles e elas sobre que pensan acerca do comportamento de Artur e que farían eles ou elas se fosen Clementina.
Recursos educativos:
Versión teatralizada en: https://www.youtube.com/watch?v=KHD5cq0V9F4 (consultado o 28 de marzo de 2020).
Ningún comentario:
Publicar un comentario