martes, 31 de marzo de 2020

Con Tango son tres





RICHARDSON, Justin e PARNELL, Peter (2016). Con Tango son tres, Ilust. Henry Cole. Pontevedra: Kalandraka Editora, col.Tras os montes, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-985-4).

Formato e contido da obra:
Este libro é un álbum ilustrado con texto de Justin Richardson e Peter Parnell e ilustración de Henry Cole. A súa encadernación é de cartón. Na cuberta preséntase aos protagonistas do libro, os pingüíns Roi, Silo e mais Tango, os cales se mostran felices enrolando os seus pescozos un ao redor do outro pola chegada do seu fillo Tango. Na contracuberta podemos observar como é o lugar onde viven os pingüíns e cantos hai. As gardas deste libro tanto as do comezo como as do fin son de cor azul auga, o que nos pode levar a relacionalo co estanque onde se mergullan os pingüíns para bañarse. En canto a portada cabe mencionar que aparecen o título, o nome dos autores e do ilustrador, así como a editorial, acompañados dunha pequena imaxe de Roi e Silo contentos e cariñosos entre eles.
As maior parte das ilustracións ocupan a páxina completa, aínda que nalgunhas preséntanse diferentes escenas na mesma páxina. Son de carácter realistas e mostran as diferentes emocións que teñen os protagonistas ao longo da historia. O lugar no que se sitúan é o Zoo de Nova York.
O contido do libro xira ao redor de Silo e Roi, dous pingüíns machos que namoran no Zoo de Central Park en Nova York. Eles comportábanse como calquera parella de pingüíns que había nese zoo, imitaban todo o que as demais parellas facían incluso preparan un niño para incubar un ovo, que resulta ser unha pedra, na tentativa de seren pais. Cando o coidador do zoo se dá conta de que Silo e Roi están a incubar un pedra decide poñerlles un ovo abandonado no seu niño para que o crien. O resultado é o nacemento dunha pequena pingüín, á cal o coidador do zoo decide chamar Tango, por facer a  comparación co baile tradicional da Arxentina xa que para bailalo fan falta dúas persoas.
A historia conta en todo o seu transcurso cun narrador heterodiexético que vai situando ao lector nos diferentes escenarios do libro. Ten parágrafos curtos e de fácil comprensión para os nenos e nenas a partir de 4 anos que é a quen vai dirixido o libro. Este álbum recibiu varios premios como o Premio Henry Bergh (Sociedade Americana para a prevención da crueldade contra os animais) en 2005 e o Premio a Libro Infantil Distinguido (Asociación Americana de Bibliotecas), o Premio ó Mellor Libro Familiar (Nickelodeon Magazine), o Premio ao Mellor Libro do ano (Premios Bank College of Education), todos eles en 2006, e foi finalista do Premio Lambda neste mesmo ano. Foi traducido á lingua castelá co título de Con Tango son tres, á lingua catalá co título Amb la Tango són tres, á lingua vasca co título de Tango iritsita, hiru dira e á lingua portuguesa co título de Três com Tango pero o título orixinal deste álbum ilustrado é And Tango makes three.

Potencialidades educativas
A lectura deste álbum nunha aula de educación infantil permite reflexionar sobre os tipos de familias que hai en todo o mundo. Axuda a ensinarlles aos mais pequenos que non sempre ten que tratarse dunha familia tradicional, integrada por un pai e unha nai, senón que existen máis tipos de familias, como é o caso da de Tango. 
As referencias ao baile do tango permítenos abordar a experimentación con diferentes manifestacións artísticos e realizar diferentes bailes das culturas que existen en todo o mundo para que nenos e nenas os recoñezan, aprendan e respecten como mostras de identidade dos pobos.

Recursos educativos
Lectura do conto apoiada de imaxes: https://www.youtube.com/watch?v=JLteRP7s2Jw

Ningún comentario:

Publicar un comentario