JUSTO, Cristina (2019). Prefiro as de chocolate, ilust. María Brenn. A Coruña: Embora edicións, [33 pp.].
Formato
e contido da obra: Libro ilustrado con texto de Cristina
Justo e ilustracións de María Brenn. A súa encadernación é de tapa branda. Na cuberta preséntanse unhas boliñas de
cores sobre un fondo azul e a imaxe de dous rapaces, os cales non distinguimos
se son nenas ou nenos, abrindo a boca co propósito de comer algo. En cambio, na
contracuberta obsérvanse as boliñas
de distintas cores sobre un fondo rosa. As gardas
están compostas de forma similar á cuberta, xa que nelas aparecen boliñas, pero
neste caso de cor azul sobre fondo azul na primeira e de cor rosa sobre un
fondo rosa na última.
As ilustracións ocupan gran parte das páxinas e en ocasións ata
sobresaen, dando así unha imaxe de gran tamaño aos personaxes. Por outra banda,
as ilustracións son moi reais en canto aos detalles, ás cores e ás formas de
cada unha delas, ao velas temos o sensación de movemento en todas as ilustracións.
Neste caso a caracterización dos personaxes é sinxela e realista, resaltando os
trazos propios deles, con expresións que nos chegan a transmitir as emocións
que están a vivir.
O contido xira ao redor de dous irmáns, Icía e Xiao, que nacen o mesmo
día. Ao nacer reciben unha chea de agasallos, pero como se os adultos se
puxesen de acordo, todos os agasallos de Icía son de cor rosa e os de Xiao son
de cor azul. Co paso do tempo os dous irmáns van medrando e a partir de aí
empezan a descubrir cales son os seus gustos. A historia conta cun narrador heterodiexético,
que sitúa ao lector no comezo da historia ata chegar ao desenlace final. O
texto está escrito con elementos da vida cotiá para que así os máis pequenos
teñan unha maior comprensión do que está a ocorrer na historia.
Potencialidades educativas: A lectura deste libro nunha aula de
educación infantil permite reflexionar e pór en común as distintas ideas que
teñen os nenos e nenas sobre os roles de xénero na vida cotiá. Con este libro
podemos pór de relevo a importancia da coeducación no ámbito educativo. Por
outro lado, podemos aproveitalo para falar e reflexionar tamén sobre o uso das
novas tecnoloxías.
Ningún comentario:
Publicar un comentario