venres, 27 de marzo de 2020

Sirenas



Love, J. (2018). Sirenas, trad. Esther Rubio, Madrid: Kókinos, [34 pp.]. (ISBN:  978-84-17074-13-5).

Descrición do formato e contido da obra: Álbum ilustrado de tapa dura da autora estadounidense Jéssica Love. Na cuberta aparece representado un neno de cor cun trapo ao redor da súa cintura de cor branco, a modo de saia, na súa cabeza ten un tocado feito con plantas e flores e os seus beizos están pintados. Atópase nunha rúa, dado que no chan hai herbas e de fondo aparece unha parede de ladrillo. A súa posición é de pose maxestosa, simulando unha escultura altiva, e dirixindo a súa man cara ao lado dereito, como convidando a que nos entremos no libro. Na contracuberta vese como un neno e unha señora maior se atopan dentro do que parece un vagón de tren falando entre eles. O neno ten un libro moi grande nas súas mans e a señora suxeita un bolso. Detrás deles pódese ver como pasan tres mulleres vestidas de sereas, mentres o neno se fixa nelas.
As gardas iniciais presentan unha piscina na cal hai cinco mulleres en traxe de baño cos seus respectivos gorros e un neno mergullado. Nas gardas finais aparecen as mesmas mulleres que na primeira, pero desta vez vestidas de sereas, mentres que o neno agora está vestido de serea e co cabelo longo. Na portada aparece unha rúa pola cal pasean unha señora e o un neno pequeno, detrás deles tamén paseando, atópanse tres mulleres vestidas de sereas. 
O álbum presenta imaxes a toda páxina, acompañadas dun texto moi breve, o cal por veces desaparece, dando paso á lectura unicamente visual. Estas permítennos seguir a historia e recrear o que sucede en cada escena, complementadas polos diálogos entre a avoa e o seu neto. As cores predominantes son tonalidades terra e pasteis. As ilustracións adquiren profundidade polos contrastes entre fondo e forma e tamén grazas ás sombras empregadas, o que permite atribuírlles movemento e evitar que sexan estáticas. 
O contido da obra xira ao redor da relación dunha avoa e o seu neto Julián, que descobre sorprendido a unha mulleres sereas e decide ataviarse el coma unha delas para acudir á praia disfrazado. É un texto rimado, dialogado, onde o narrador soamente intervén no inicio e no final. Neste caso, o narrador presenta os personaxes da seguinte maneira: “Este neno chámase Julián. E esta é a súa avoa. As persoas que aparecen ao fondo son sereas. A Julián encántanlle as sereas” e a partir de aquí comeza o diálogo.

Potencialidades educativas: A lectura deste álbum permite traballar na aula o tema de roles de xénero e estereotipos. A reflexión ao redor desta temática axudará a fomentar condutas respectuosas entre o alumnado e a respectar os gustos e intereses de cada quen. A obra tamén axuda a tomar consciencia sobre o importante que é o apoio dos adultos de referencia para as nenas e nenos e as figuras das avoas e avós. Polo tanto, esta lectura permítenos traballar as relacións interxeracionais e a afectividade.
A través desta historia ensinarémoslle aos nenos e nenas que os gustos, vestimenta, preferencias, etc. non teñen nada que ver co sexo de cada persoa. Non polo simple feito de nacer nena, téñenche que gustar as bonecas, a cor rosa e xogar as cociniñas; e a unha persoa, por nacer neno, non lle ten que gustar os coches, o fútbol e os foguetes. Tamén lles ensinaremos a respectar e aceptar aos demais cas decisións que queiran tomar ou cos seus gustos. Por exemplo, se a un neno da aula lle gusta pintarse as uñas, o resto dos seus compañeiros e compañeiras o van respectar e van a apoialo nas decisións que tome.

Recursos educativos:
Romero, Ariel (2019). Reseña de Sirenas de Jéssica Love en

Ningún comentario:

Publicar un comentario