La Vigna Coyle, C. (2013). ¿Las princesas usan botas de montaña? Ilustr. Mike Gordon e Carl Gordon, trad. Ainhoa Pawlowsky. Barcelona: Obelisco, [32 pp.]. (ISBN: 978- 84- 940745-8-5).
Descrición do formato e contido da obra: Álbum ilustrado de tapa dura da autora Carmela La Vigna Coyle. A cuberta amosa a unha nena loura inclinada coa cabeza cara a abaixo xunto a un can que a mira de reollo. Na contracuberta obsérvase á mesma nena e ao mesmo can camiñando felices polo campo con flores, ao lonxe vemos unha casa e o sol que reloce no ceo. En canto ás gardas, ámbalas dúas son de cor rosa con topiños de cor branca. Na portada, ao lado esquerdo, vemos un fondo verde decorado cunhas flores que parecen margaridas e na parte dereita observamos un fondo branco no cal aparecen a nena e o can subidos nunha bicicleta, a eles úneselles un gato saltando asustado.
Este álbum cóntanos a historia dunha nena que quere saber que é o que fan as princesas e pregúntallo á súa nai. Pregúntalle, por exemplo, se as princesas usan botas de montaña, se van en bicicleta, se trepan ás árbores ou se se manchan. A súa nai vaille contestando pouco a pouco cada pregunta que lle fai, dicíndolle que as princesas fan todo iso e máis. Ao final do conto a nena pregunta á nai se as princesas se semellan a ela e a nai contesta que: “para sabelo mira dentro de ti e de min…”. A resposta aparece en forma de ilustración, tal como podemos ver aquí:
O álbum presenta imaxes a toda páxina, acompañadas todas elas dunha liña de texto en cor negra e cunha letra dun tamaño bastante grande, o que facilita moito a súa lectura. Trátase dun texto rimado e dialogado. A parte do diálogo da nai e da filla distínguense pola tipografía empregada, xa que a parte textual na cal fala a nai está escrita en letra cursiva. As ilustracións adquiren profundidade grazas aos contrastes entre o fondo e a forma, o que permite atribuírlles movemento e evitar que sexan planas e estáticas. A gama cromática empregada na obra é de gran riqueza e abundan as cores vivas. Os espazos son variados, intercalándose os ambientes exteriores e interiores dependendo das escenas.
Potencialidades educativas: Este conto permitirá traballar na aula a autoestima e a coeducación, así como a aceptación de un/unha mesmo/a. A través da lectura deste conto ensinaremos a nenos e nenas que non é preciso ser unha princesa por ser nena e que non se ten porqué ser un soldado por ser neno, senón que cada un/unha de nós debe perseguir os seus soños e ser o que queira. As nenas que queiran ser unha princesa, non teñen que ser delicadas, doces e modosiñas, senón que elas mesmas escribirán a súa historia e irán construíndo que tipo de “princesa” queren ser. Debemos educar en igualdade, sen xulgar actitudes ou condutas marcados por estereotipos ou prexuízos.
Os recursos que podemos empregar na aula para romper os estereotipos son por exemplo, películas desta temática para que os máis pequenos aprendan este tipo de comportamentos dunha forma lúdica e visual. Tamén a través da dramatización ou de actividades colectivas se fomenta a autoestima, como por exemplo, propiciando que na asemblea cada neno/a exprese os seus gustos e preferencias e sinta o respecto dos demais, o que contribuirá a forxar un autoconcepto positivo. Realizando este tipo de talleres ou actividades propiciaremos unha actitude igualitaria en temas de xénero e o respecto entre os alumnos.
Recursos educativos:
Vídeo musical para traballar a coeducación en: https://www.youtube.com/watch?v=iax2W9qAfK0 (consultado o 28 de marzo de 2020).
Ningún comentario:
Publicar un comentario