sábado, 28 de marzo de 2020

Nadarín.


Lionni, Leo (2012). Nadarín. Pontevedra: Kalandraka, col. Tras os montes [36 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-628-0).

Descrición do formato e contido: Nadarín é un álbum ilustrado  de Leo Lionni con tapas duras de cartón e cun papel de alta gramaxe e tacto rugoso que semella a unha cartolina que imita o fondo mariño no que se ambienta. De tamaño grande e forma rectangular, presenta imaxes a toda páxina co texto situado nun estremo. Na cuberta podemos ver a Nadarín no fondo do mar, un mar debuxado con acuarelas, nas que predominan as cores azuis e verdosas, escenario no que se van desenvolver todas as escenas do álbum. Os personaxes mariños aparecen como figuras sinxelas pero moi representativas.
En canto ao argumento, o relato xira ao redor de Nadarín que é un peixe diferente que  vive co resto de peixes da súa especie, pois todos son de cor vermella menos el, que é negro e nada moito máis rápido que os demais. Por isto un día cando os atacou un grande atún el conseguiu sobrevivir, pero os demais non. Isto provocou que quedase só, polo que decidiu marchar polas profundidades do mar, descubrindo un mundo diferente para el, cheo de augamares, algas, outras especies de peixes, lagostas... Nesta viaxe un día atopou un banco de peixes da súa mesma especie que vivían atemorizados co medo de que un atún os comera. Foi entón cando Nadarín os convenceu de que tiñan que saír e visitar o gran mundo que hai fóra e que están perdendo por culpa do medo. Para saír sen que o grande atún os atacara o que fixeron foi formar un gran peixe entre todos para así poder ser máis fortes. Nadarín, ao ser un peixe negro decidiron que fora o ollo do gran peixe e así nunca máis tiveron medo e puideron mirar todas as marabillas que hai no fondo mariño. Ao longo do texto o campo semántico predominante é o do mar (algas, anemones, peixes...) e o referido ao dos animais mariños (anguía, peixes, lagosta, augamar...).



Potencialidades educativas: A lectura de Nadarín permítenos traballar diferentes aspectos con nenas e nenos. Por un lado pódese reflexionar sobre a historia que nos conta, que nos ensina que ser diferente non é malo, todo o contrario, é bo. Non por ter a pel doutra cor temos que dar de lado a ninguén. Tamén nos amosa a resiliencia e como Nadarín puido sobrevivir el só no mar, acostumado a estar rodeado de peixes. Ademais incide en que con medo non chegamos a ningures, senón que temos que ser valentes e se non podemos facelo sós temos que axudarnos entre todos (cooperación), como demostra a axuda de cada un dos peixes que contribuíron a formar un gran peixe, onde todos se sentiron cómodos e moi seguros. E por último esta historia tamén nos ensina o fondo mariño, a vida que acolle e o importante que é para a supervivencia dos seres que o habitan.

Recursos de interese:
        Narración infantil do conto que se pode seguir en: [Aula de Elena] (2017, enero 23). Nadarín- videocuento. [Archivo de vídeo]. Recuperado de:https://www.youtube.com/watch?v=JPmshUPXiUg
        Versión animada da historia recollida en Nadarín que se pode seguir en: https://www.youtube.com/watch?v=dBg5u52AXn4
        Experiencia pedagóxica dun centro educativo de educación infantil en https://www.youtube.com/watch?v=APQBO0Ap_o0

Ningún comentario:

Publicar un comentario