venres, 27 de marzo de 2020

O gran libro dos medos do rato pequeno


Gravett, Emily (2010). O gran libro dos medos do rato pequeno, adapt. Diego Núñez e Marcelino V. Cageao; trad. Laura Sáez e Mónica Pazos, Pontevedra: Patasdepeixe Editora, [54 pp.]. (ISBN: 978-84-936842-7-3).

Breve descrición do formato e do contido: O libro ilustrado ten unhas dimensións de 24x20 cm e está encadernado en cartoné ou tapa dura. Na súa cuberta aparece o título da obra co nome da súa autora, ademais dun pequeno troquelado na marxe inferior dereita que fai que se poida ver o rato debuxado nas gardas, este detalle simula o bocado que faría un rato. Na contracuberta pódese ver, a modo de tícket, o nome da autora e da editorial, o código de barras, o prezo, ademais do rato pequeno. No lombo aparece o título da obra, así como o logotipo da editorial, que é un peixe. As gardas están debuxadas con motivos alusivos á temática do libro, o medo, en cores brancas e negras, e conteñen información sobre o que se pode atopar dentro da obra. Na portada aparece o título da obra acompañado, de novo, dun debuxo do rato pequeno, que ademais inclúe o nome da autora.
Atendendo aos contidos do libro, o personaxe principal e único é o rato pequeno, que á súa vez é o propio narrador do libro, polo que é un narrador homodiexético, xa que se atopa dentro do libro e fala en primeira persoa. En canto ao texto, este adopta distintas tipografías de letra, é dicir, recórrese a xogos tipográficos nos que se observan diferentes tamaños e disposicións das letras respecto ás ilustracións que acompañan o texto, ademais do uso de maiúsculas e negras en determinados casos. Todo isto permite ao lectorado focalizar a súa atención sobre determinados aspectos de interese.
En canto ás ilustracións, estas reflicten e exemplifican o propio texto e teñen unha disposición a toda páxina, onde os propios debuxos se integran co texto. Estas son de carácter figurativo e están debuxadas a lapis ou carboncillo, ademais teñen cores variadas, aínda que as predominantes son cores escuras e apagadas coma o negro, mesturadas con cores claras coma o branco e o beixe, resaltando ás veces con cores máis intensas, coma vermellos e azuis.
Finalmente, atendendo ás páxinas, estas son irregulares e atópanse cortadas e dobradas, ademais de conter solapas despregabres e un mapa extensible.

Potencialidades educativas: Para traballar este libro ilustrado dentro dunha aula de Educación Infantil, unha das propostas sería exemplificar os distintos tipos de medos, así como coñecer o seu nome e o seu significado. Por outra banda, e despois desa actividade inicial, poderíase deixar que cada un dos nenos e nenas expresaran e explicaran a qué lle teñen medo, todo isto nun ambiente agradable e de calma. Tamén sería de interese que cada neno e nena debuxara un dos seus medos e que o explicara ao resto de compañeiras/os da aula. Cos debuxos e os nomes dos medos de todas as nenas e nenos faremos a nosa illa dos medos, a imitación da que aparece no propio libro, e que nos permitirá buscar outras lecturas nas que haxa illas e aventuras. 




Ningún comentario:

Publicar un comentario