mércores, 29 de abril de 2020

A Cebra Camila



Núñez, Marisa (2000). A Cebra Camila. Ilust. Óscar Villán, Pontevedra: Kalandraka, col. Demademora, [32 pp.]. (ISBN:978-84-8464-126-1).



Descrición do formato e contido: A Cebra Camila é un álbum ilustrado de Marisa Núñez e o ilustrador Óscar Villán. O libro ten unha estrutura cadrada, de 22 x 22 cm, o que facilita o seu manexo tanto por adultos coma crianzas. As súas cubertas son de tapa dura, encadernado en cartoné, o que lle proporciona unha estrutura resistente de cara ao uso na aula ou na casa. Na cuberta atopamos a protagonista da historia, Camila, unha cebra cativa que terá un incidente coas súas raias. Camila está de pé sobre unha bola ou montaña, non se aprecia a simple vista que é. Esta ilustración vén rodeada por dous círculos en diferentes cores, acompañados do título da obra, o nome da autora, do ilustrador e o grupo editorial na esquina inferior dereita. Na contracuberta atopamos o nome da colección, “Demademora”; o código de barras co ISBN do libro; a páxina web de Kalandraka, na que atopamos todos os libros desta editorial e unha pequena ilustración dun caracol sobre unha pelota verde, semellante á que observabamos na cuberta.

Cando nos introducimos na obra atopamos as gardas, dúas páxinas en cor azul escuro con pequenas ilustracións. Estas semellan ser raias de diferentes cores que se moven nunha dirección. A continuación atopamos unha páxina con información sobre a obra, o ano de publicación, autora, editorial etc. Rodeada por un círculo de cor beixe, ambientado sobre un fondo branco e negro, representando as cores dunha cebra. O fondo aparece nunha tonalidade máis discreta, cor beixe,acompañado polo nome da autora, ilustrador e grupo editorial, mentres que o título da obra vén enmarcado sobre un fondo a raias branco e negro.

A historia comeza presentándonos a Camila a través dun pequeno texto rimado. O texto da obra está escrito en galego e vaise integrando en cada unha das páxinas cunha letra de cor negra en minúsculas. A pesar disto, presenta un tamaño adecuado para facilitar a súa visión e lectura. A estrutura da narrativa é lineal, con pequenos fragmentos rimados que se repiten ao longo da historia e fai que esta sexa máis atractiva para as crianzas. Por outra parte, o volume ten 32 páxinas, nas que as ilustracións se integran a toda a páxina de forma continua. O ilustrador emprega cores vivas para representar os protagonistas da obra e ilustracións. Para o fondo, emprega sempre a mesma cor, unha tonalidade cálida e discreta, beixe.

En canto ao contido da obra, Camila é unha pequena cebra á que lle empeza a quedar xusto o cueiro e os tirantes. O seu soño é rodar libre pola herba sen esas prendas axustadas que a súa nai lle obriga a usar, pero o seu soño converteuse nunha gran faena cando o “vento bandido” lle levou as súas raias. Camila con tristura comezará a súa aventura na que se ira atopando con diferentes personaxes ( unha serpe, un caracol, o arco da vella, etc) que lle axudaran a substituír as súas antigas raias por outras de cores.

As personaxes irán intervindo gradualmente na obra a través de diálogos con Camila. Son animais, agás un, o arco da vella. Despois da axuda de todos estes personaxes Camila regresa á casa e cóntalle o sucedido á súa nai, converténdose no último personaxe en intervir na historia. Paralelamente o narrador, en terceira persoa, vainos situando durante o transcurso da mesma.



Potencialidades: A Cebra Camila é outra historia cun forte contido educativo. A través desta obra podemos traballar dende idades moi temperás (+3) temas de interese escolar e familiar, como pode ser a autonomía, o feito de crecer, cometer os nosos propios erros etc. Camila é unha cebra teimuda que tras perseguir unha idea persoal cae nun erro que a levará a unha experiencia persoal caracterizada pola solidariedade, empatía, amizade... Tamén nos permite traballar diferentes sentimentos ou emocións.É importante que teñamos en conta a diversidade como outra potencialidade,xa que finalmente Camila é unha cebra cun corpo a raias de moitas cores que foi creando a partir da axuda e colaboración dos seus compañeiros/as. Nós construímos a nosa personalidade a través de experiencias e interaccións sociais de formas diferentes.Por outra parte a estrutura rítmica e acumulativa do texto permítenos traballar sobre conceptos como a memorización, que ademais de resultar atractiva para os cativos é moi proveitosa.



Recursos:
  
Burela, R. (2017). " A CEBRA CAMILA"- ( CONTO EN GALEGO). YouTube. Obtido de https://www.youtube.com/watch?v=wuCXO6Zz710 Revisado 7 abril 2020.

Castellá Daga, M. (2019). LA CEBRA CAMILA. Moonima. Obtido de https://moonima.site/es/taller/la-cebra-camila/ Revisado 7 abril 2020.

Landera, R. (2015). Actividad 4 - Animación Lectora La Cebra Camila. Lapequeñacerillera. Obtido de http://lapequenacerillera.blogspot.com/2015/01/actividad-4-animacion-lectora.html?m=1 Revisado 7 abril 2020.

  Desta obra é posible atopar materiais en diferentes linguas como portugués, castelán, galego, catalán, italiano e éuscaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario